"Cor animal" de Agustín Agra: ciencia e ficción

Onte Agustín Agra estivo na nosa biblioteca para falarnos de Cor animal.

portada OK.fh11

É un álbum ilustrado editado por Kalandraka e adicado a nenos pequenos. Por que entón unha charla sobre el para o noso alumnado de 1º de ESO? Pois porque estamos a desenvolver a Semana Cultural da Ciencia e Ficción e esta obra de Agustín é un “animalario”, un libro fermoso  no que as palabras unen divulgación científica e linguaxe literaria.

Un lector atento, mesmo o adulto, observará  “diseccionando” ordes, especies. Sentamos ante el, como se estivesemos ante unha fermosa vitrina que de súpeto cobra vida e cor en palabras e imaxes, as imaxes da palabra e as ilustracións da chilena Maya Hanish -que deron orixe ao libro-. Xa dende a portada atrápannos coa fortaleza dun mandril que nos observa intelixente e nos convida, vestido de xerogíficos, a coñecer os enigmas dos seus compañeiros.

Maya Hanish - copia

Da man de Agustín sabemos que a candorca, ou tamén coñecida como balea asasina, é en realidade “un golfiño tan longo como un autobús” ao que lle encanta “chapuzar”, mergullarse e saltar. Ou que a llama é parente do camelo e pode ser caprichosa cando se enfada, “tírase ao chan (…) e dá patadas”. Non quixera verme coa pantera negra que é quen de “perforar a durísima coiraza dunha tartaruga”. Aves, moitas aves: un flamengo, un faisán, un guacamaio… Logo, un polbo, un camaleón… e as bolboretas! Unha bolboreta de ás de paxaro ataviada cun espléndido vestido que ten un non sei que de madrasta de conto, de raíña fachendosa ante a máis modesta bolboreta monarca, mais… quen puidera ser  como ela para viaxar e viaxar!

E Agustín contounos:

IMG_20160428_091605

Contounos mentres tras del pasaban, coma nun novo animalario,  as atractivas imaxes  tiradas da natureza. Contounos do proceso da escrita: as ilustracións dadas, a limitación das frases a empregar, a difícil escolla das palabras, a procura de verbos que aportasen movemento, a secuenciación, a adecuación aos posibles lectores, o estilo ou mesmo o traballo cos coordinador lingüístico e o coordinador científico da editorial.

Con el aprendemos da dificultade de escribir para nenos, pero tamén da necesidade de facelo, do importante que é espertar e manter a curiosidade científica e literaria.

Foi un pracer que tivera pasado, unha vez máis, pola nosa biblioteca!

“Cor animal” de Agustín Agra: ciencia e ficción

Agustín Agra e Trampa de luz na biblioteca

O tanxedor de campás -Serafín Marcos- inundou a escena de metáforas visuais, de sons de campás acompañados dos sons da guitarra. Ao tanxer, o aire cheira a flor de cerdeira e marmelada de ameixas. A “sibi-sibi-sibi-siiii”. As páxinas de Trampa de luz vanse rompendo e deitando os bechos que poboan o libro. Na derradeira folla, sorpréndenos unha pomba de papel que vai pousar o seu voo nunha das campás. Ao erguela, aparece o nome dunha das alumnas de primeiro, Alejandra. Sobe ao improvisado escenario e,  xuntos, comezan a lembrar aquel safari…

Logo, Agustín Agra falounos do libro. Dos personaxes, das inspiracións, da construción, de como xorden as historias, da imaxinación e dos soños sen idade. Dos retos.

Ao rematar Alejandra e Carlos entrevistárono. Detrás da cámara, Irene e Cristian gravaron.

Un pracer disfrutar da súa obra e das súas palabras envoltas nos sons e arrecendos do tanxedor de campás!

Grazas a Agustín, Serafín e Carlos.

Trampa de luz

Veño de rematar un libriño que me tivo enganchada un par de días. Ao rematar setembro asistín á presentación de Trampa de luz de Agustín Agra na Casa da Cultura de Noia. A sala estaba chea. Coñecidos, amigos, xente de Barbantia… Agustín, entre formal e cercano, americana e pano longo ao pescozo, foi respondendo ás preguntas de Laíño sobre a súa obra e a tarde do venres fíxose aínda máis agradable. O persoal e o intelectual mesturados.

Disfruteina, primeiro como profesora, mais tamén como nai e, por suposto, como lectora. Imposible non ir subliñando e ir cavilando posibilidades: léxico, fotos, saídas, conversas… Proximidades. Chiscadelas noiesas, docentes e literarias que acompañan á protagonista,  Irene, na  súa paixón polos bechos compartida cun pai amante da literatura. Mais algo inexplicable acontece aos animais dende que aparece na vila o tanxedor de campás.

Unha recoñece ao Agustín doutras lecturas. O mundo científico a carón do mítico como vía de cuestionamento do home ante a realidade.

Houbo quen dixo que a obra ficaba breve. Eu atópoa na medida xusta, respectando ao lector ao que, só nun principio, está dirixida a colección Fóra de Xogo de Xerais na que está publicada.

Da presentación gardo unha impronta, un son, unha badalada, un “sibi-sibi-sibi-siii” da man dun tanxedor amigo e un “recendo a marmelada de ameixas” e á “fragancia das cerdeiras en flor”. Fermoso.

Parabéns.

O noso alumnado de 1º de ESO xa está a ler a obra e esperamos contar coa visita do autor.

Cazaría salvaxe, de Agustín Agra

O libro Cazaría salvaxe, de Agustín Agra Barreiro, é unha novela de terror, misterio, bruxaría e fantasía, que trata sobre o escuro, o sobrehumano, a morte… Foi publicado en Vigo no 2008 pola editorial Xerais dentro da colección “Fóra de xogo”.

Nel, Mario Gallardo, o narrador e persoaxe, conta a historia de Wotan, o Demo Negro. Relata como este saía cazar dacabalo, nas noites de inverno, dende o Mundo Subterráneo, cos seus cans diabólicos que perseguen e degoan todo o que atopan. Facíao cada ano, ao chegar o outono, e sempre se sucedían os mesmos pasos: víanse unhas luces no horizonte, que non desaparecían co amencer; aparecía unha espesa borraxeira que cubría campos, leiras, lugares e aldeas; comezaba unha persistente poalla; os animais alterábanse fortemente, berrando e correndo para onde podían; comezaba, tamén, a tronar; e pasaba a traxedia… Escapar era practicamente imposíbel.

A pesar de que había certos momentos da historia que me parecían algo macabros e incluso tráxicos, o libro gustome moito. Produce unha axeitada intriga no lector ata o final. Recomendaríallo a calquera persoa á que lle gusten as novelas de terror e fantasía, e a todo aquel que teña interese polas historias relacionadas coa morte e o sobrenatural.

Xaquín Queiruga Viqueira (4ºA)

O recendo das mimosas

Ao noiés Agustín Agra coñeciámolo no noso centro polas súas novelas xuvenís O tesouro da Lagoa de Reid’ls, premio Merlín de Literatura infantil 2006 e Cazaría salvaxe.  O autor vén de publicar  en setembro a súa última entrega, unha ducia de relatos de variada factura, nesta ocasión adicada ao público adulto. Abre o libro “A tarasca” onde asistimos á metamorfose das protagonistas, mutadas en serpes, serpentas, cocas ou tarascas voadoras, mulleres incomprendidas polos homes, arrastradas polo anticiclón e a borrasca. A guerra civil e a súa irracionalidade están presentes en “A caeira” e “O souto dos gatos”. O goce coa morte, maquillado de loita fraticida e tres voces de muller, nai, filla e neta, que xustifican ante o lector a vinganza da morte e da vida, do obrigado silencio, do cárcere perpetuo. En “Wünderbar”, observamos dende a anónima mesa da terraza dun bar, mitomanía agochada tras a cotidianeidade.  Imaxes preñadas de luz e calor mediterráneas na revisión das imaxes do interior ante a cercanía da morte en “O eixido dos lagartos”. Séguelle “Xogando aos faraóns”, un relato satírico e crítico coa explotación inmobibiliaria, co inmobilismo funcionarial, co interese e o desinterese, mesmo co ecoloxismo afastado da realidade. En formato xornalístico desenvólvese o relato curto ou breve noveliña “O chintófano”, onde a circunstancia da aparición dunha lámpada marabillosa dá pé ao humor e á ironía agochados tras o obxectivismo da noticia.  “O anel de Coleridge” lévanos ao labirinto, o infinito céltico, río que o autor revela en reiterada repetición do cotiá. Vivir e pedalear ata que o nordés traia “O recendo das mimosas”, ela observando dende a solaina da vida e el perseguindo andrómenas ao “rítmico xiro das bielas”. Pechan a obra tres relatos artellados entre si, “Os límites do inimaxináble”, “Senecio” e “Teseo no labirinto”, homenaxe aos autores que coa súa consciencia do infrahumano, obsesionados por captar a luz, o instante, a forza, mesmo o horror, remataron sen poder substraerse á tolemia. Percorremos as fascinacións e as teimas de Monet, Bacon, Paul Klee, Kandinski ou August Macke.

Agustín Agra, cunha mirada caleidoscópica, multiperspectivística, guíanos pola dor, o humor, a sátira socio-política e o enfrontamento ao eu.