Lúa do Senegal

O alumnado do club de lectura Os Furalibros tivo outro golpe de realidade a partir dun libro. Nesta ocasión voltamos a África da man de Agustín Fernández Paz e a súa obra Lúa do Senegal. Nesta novela pequerrechiña, moi fácil de ler, seguimos as aventuras e desventuras dunha nena senegalesa que chega a Vigo coa súa nai e irmá para reunirse co pai. Historias da emigración, do desarraigo, da soidade e de aceptación.

Casualidades que ten a vida, contamos desde fai dous meses no instituto cunha nena que chegou de Senegal polo que nos imaxinamos que estará pasando por situacións similares ás da protagonista da novela. Khary acompañounos na xuntanza e ensinounos pinceladas do seu país: gastronomía, música, paisaxes, historia,… Moito aprendemos!

Advertisement

Xaneiro cos clubs de lectura de alumnado

O 15 de xaneiro os benxamíns leron unha selección de novelas de Agustín Fernández Paz: Cartas de inverno, Contos por palabras, Tres pasos polo misterio, A viaxe de Gagarin, O único que queda é o amor, Corredores de sombras, Aire negro, A neve interminable, Amor dos quince anos, Marilyn e Non hai noite máis longa. Cada un deles contou o argumento do libro e algúns fixeron unha presentación PowerPoint para apoiar a exposición. Non deu tempo a moito máis porque todos se estenderon bastante nas súas exposicións e a hora fíxose curta. Son un grupo participativo e interesado. Dá gusto estar con eles!!

cLUB BENXAMÍNS 2

Cos maiores, tivemos hoxe a xuntanza. Lemos Nada, de Carmen Laforet. Está ben recuperar os clásicos. Se ben o ton gris da Barcelona da posguerra non entusiasmou a algúns, a revisión compartida foi aportando luz á novela, unha obra que foi un referente tras ter sido galardoada co premio Nadal en 1944. Asomarnos a ela, espectadores tras o papel de “espectadora” da protagonista. Degustar a escrita. Sentir as luces e as sombras dun soño perseguido. Ver fragmentos do documental La chica rara, do programa Imprescindibles de RTVE, permitiunos comprender moitas das claves construtivas da obra, tan próximas á vida da autora.

Club 1

A próxima lectura camiña cara o Día da Muller Traballadora, cunha reivindicación da revisión do papel na historia e na transmisión dos mitos da cultura occidental: a lectura de Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño.

Coñecendo a Agustín Fernández Paz e lendo a súa obra

Son moitas as homenaxes que Agustín Fernández Paz vén recibindo nos centros de ensino. Non podería ser doutro xeito, el é un referente nas nosas letras, as súas obras conseguiron engaiolar a moitos lectores novos. Nós sabemos do seu bo facer, da súa xenerosidade; quedou de manifesto cando asistiu para recoller o Premio dos Clubs de Lectura do 2015.

No primeiro trimestre sacamos os seus libros ao corredor e levamos o alumnado a ver e ler a exposición que sobre el e a súa obra montou o equipo de biblioteca.

sdr
sdr

Agora, iniciado xa o segundo trimestre, a exposición deixa paso aos fondos do novo tema, a auga, pero Agustín segue ocupando un lugar de seu, e o alumnado de 3º de ESO vén coñecelo antes de dar comezo ás lecturas que farán das obras que escolleron entre as que se lles propuxeron para a súa idade.

Cartas de inverno

Rapazas

15 anos Marilyn

O centro do labirinto

Noite de voraces sombras

Corred0res de sombras

Aire negro

Fantasmas de luz

A neve interminable

Lúa do senegal

Contos por palabras
Que mellor agradecemento que lelo! E falar do que len!

dav
dav

dav
dav

 

 

Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz

Este libro de Agustín Fernández Paz conta a historia dunha rapaza chamada Branca que, cando menos o espera, enferma de hepatite (un virus no fígado) e isto ocórrelle nin máis nin menos que nas vésperas do seu cumpreanos.

O día do seu cumpreanos, seus pais e mais seu irmán lévanlle os regalos á súa habitación, inda que ela agarda con máis ilusión a visita dos seus amigos e amigas xunto con cadanseus agasallos. Un dos regalos da súa mellor amiga é un álbum de fotos, e ela pensa que non pode usalo porque non ten fotos para poñerlle, pero entón aparece súa nai acarrexándolle fotos e máis fotos. Entón, Branca comeza a colocalas e así como o vai facendo vai recordando cousas e anécdotas de tempo atrás, como por exemplo unha foto do rapaz que lle gusta, chamado Lois, que vai na mesma clase ca ela e que ten un problema coa profesora de matemáticas, a que os alumnos chaman “a Víbora”, e está empeñada en facerlle a vida imposible ao seu namorado Lois para que o expulsen do instituto.

Trece anos de Branca pareceume un libro un tanto entretido. O que máis me gustou foi cando empezou a falar de Lois e a sua expulsión. Recoméndolle este libro ás persoas que lles gusten os libros da vida mesma, os libros que contan o que pasa na realidade.

Aarón Fernández (2º ESO D)

2 de abril: Día do Libro Infantil e Xuvenil

Dende 1967, o 2 de abril, o IBBY (International Board on Books for Young People) celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. A data conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.

“Nada máis empezar a ler comprendín que a aventura estaba servida (…) todo me transportou a un mundo apaixonante e descoñecido”. Cantos de nós podemos identificar un momento da nosa infancia con esta frase! Pois ben,  o escritor Eliacer Cansino describe así a fantástica viaxe que é a lectura  que a debuxante Noemí Villamuza acompaña coa fermosa imaxe do cartel desta edición.

Sabedes que a palabra non ten fronteiras, pero hoxe, como galegos non podemos deixar de mirar con fachenda todo o que no panorama da literatura infantil e xuvenil se está a facer en Galicia. Proba disto é o recoñecemento recibido por dous dos nosos escritores: Agustín Fernández Paz e Rosa Aneiros.

Agustín Fernández Paz, un dos nosos escritores máis lido e traducido, vén de ingresar na Lista de honra do 2010 de literatura infantil e xuvenil da IBBY coa obra O único que queda é o amor. Súmase este recoñecemento aos moitos premios que ten recibido o autor.  Moitos de vós coñecedes xa a súa obra: Contos por palabras – seleccionado como un dos títulos fundamentais do xénero do xéculo XX-,   Cartas de inverno, As flores radiactivas, Rapazas, O centro do labirinto, Noite de voraces sombras, …

Rosa Aneiros é xa unha autora coñecida no noso blog, nas entradas que temos feito sobre O xardín da media lúa, Sol de inverno e Ás de bolboreta. Esta última obra foi seleccionada para formar parte da prestixiosa exposición The White Ravens 2010, que a Internationale Jugendbibliothek organiza anualmente no marco da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia , onde se dan a coñecer os mellores textos infantís e xuvenís (250 libros en máis de 30 idiomas, pertencentes a máis de 50 países).

En Bolonia estará tamén o ilustrador coruñés David Pintor, escollido para formar parte dos 87 ilustradores (de entre 2000) presentes na feira, coa súa obra Cidades de papel publicada por El Patito Editorial.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria declarou o 2010 Ano do Libro e a Lectura en Galicia. Estamos polo tanto de enhoraboa e os recoñecementos para os nosos autores e ilustradores agroman no eido internacional! Participade con nós do placer da lectura!