A arte de voar

Novela gráfica con guión de Antonio Altarriba e ilustrada por Kim (autor da serie Martínez el Facha para a revista El jueves).  A obra parte dun feito da vida de Antonio Altarriba, o suicidio do seu pai, Antonio Altarriba Lope, botándose ao baleiro dende a cuarta planta da residencia onde vivía, o 4 de maio de 2001.  A estreita relación existente entre o pai e o fillo, conformadores dunha alianza de sangue que os transformaba nun único ser, permitiulle a realización dun guión magníficamente ilustrado por Kim e que lles valería as categorías de  Mellor Obra,  Mellor Guión e Mellor  Debuxo no Salón do Cómic de Barcelona  2009, así como o Premio Nacional de Cómic de Cataluña e o Premio Cálamo “Extraordinario 2009”. Segundo a crítica,vén sendo, pola súa valía literaria e gráfica, un dos libros máis importantes dos publicados na última década.

A novela está estruturada de forma circular. O final é o que abre a obra: o suicidio de Antonio. A partir de aí a obra artéllase en catro partes que seguen un desenvolvemento espazo-temporal paralelo á caída dende a cuarta planta: a apoteose final da arte de voar.

A primeira parte, “3ª planta 1910-1931. El coche de madera”, lévanos á adolescencia de Antonio, aos primeiros desexos e ás primeiras frustracións; a  segunda, “2ª planta 1931-1949″. Las alpargatas de Durruti”, recolle a etapa da Guerra Civil e a 2ª Guerra Mundial en Francia; a 3ª, “1ª planta 1949-1981″. Galletas amargas”, céntrase na etapa da posguerra, a ditadura en España e os primeiros tempos da democracia; por último, “Suelo 1985-2001. La madriguera del top”, reproduce a renuncia, a desesperación dos derradeiros anos.

Altarriba fainos comprender  a arte de voar. Demostrada no suicidio do seu pai, un suicidio-necesidade de fuxir da realidade que lle tocou vivir que se transformou realmente nun proceso vivido durante 90 anos. 90 anos que explican a súa decisión final.

Coa fusión da primeira e a terceira persoa na narración, o autor expresa o pacto de sangue que establece co seu pai. Un pacto que se manifesta dende as primeiras páxinas e que se superpón ao pacto de chumbo da amizade. O narrador externo, o fillo, fúndese co narrador interno, o pai: “yo si sé como lo hizo”, “soy el único que puede saber como lo hizo… porque aunque no estaba allí, estaba en él”, “yo estaba en él, o quizá era él…”. Así pois, Altarriba conta cos ollos do pai, pero dende a súa perspectiva, eses segundos-noventa anos que tardou en caer.

As ilustracións de Kim conseguen ir configurando a persoa de Antonio e as súas circunstancias, de xeito que o lector séntese próximo a el, á súa mirada esperanzada, á súa desesperanza, á súa rabia contida e manifesta, á súa necesidade imperiosa de voar coutada reiteradamente polas circunstancias ao longo de toda unha vida.

E como en toda unha vida, nesta hai tempo para a dor, pero tamén para o humor, a amizade, o amor, a tenrura, as emocións…

Son especialmente fermosas algunhas imaxes preñadas de simbolismo, de claves interpretativas que se entretecen á perfección no guión: os camiños e os voos convertidos en leit-motiv, as imaxes do campo de refuxiados de Saint-Cyprien Plage, o mundo dos soños, o sumidoiro -suicidio ideolóxico do franquismo- e…, como non, a imaxe da fiestra aberta ao voo coas zapatillas de toda unha vida, proclamando a arte de voar.

Voar sobre o que foi a historia do século XX  para entender os soños que moitos homes e mulleres deixaron atrás.