“Balzac y la joven costurera china”. Da reeducación de Mao á liberdade da literatura

Imos chegando ao final das sesións dos clubs de lectura. Desta volta no grupo d@s maiores lemos Balzac y la joven costurera china de Dai Sijie. A revolución china, a etapa da reeducación imposta por Mao nos anos 70, a literatura como porta da liberdade, a música, as tradicións, a paisaxe, a linguaxe visual… Coma sempre, houbo quen disfrutou a lectura e a quen non lle agradou. A posta en común serviu para entender mesmo posturas opostas á obra pero moi ben argumentadas en base a posicionamentos ideolóxicos. Falamos de cine e literatura, do proceso de adaptación desta novela ao cine por parte do autor. Vimos fragmentos e recomendamos a peli. Tamén este enlace do blog Cine e Literatura, de Celia Romea.

No 2001 leramos xa esta obra no club de lectura e recolléramos a recensión sobre a obra.

 

Balzac y la joven costurera china

Durante o período do mandato de Mao Zedong en China, dous adolescentes fillos de intelectuais supostamente “disisdentes” , vense obrigados a realizar o seu período de reeducación nas montañas do Fénix do Ceo, na fronteira co Tibet. Afastados do mundo e practicamente condenados a este infrahumano retiro obrigado, os dous amigos afrontan os seus traballos. A música e a capacidade para contar historias permitiranlles ir sobrevivindo nesa galiola opresora ata o descubrimento dunha maleta chea de libros prohibidos, libros destacados da literatura occidental. A lectura de Balzac, Víctor Hugo, Stendhal, Dumas, Flauber, Baudelare, Tolstoi, Dostoieski, Dickens ou Emilie Bronte transfórmase nunha luz na escuridade, nas experiencias non vividas e desexadas, mesmo na forma de conquistar á moza máis fermosa da montaña, a filla do xastre, a costureira. Os libros maniféstanse como unha posibilidade de mudar o futuro, o destino.
Sobre esta dura realidade pairan un mundo irreal e onírico, meigas e un corvo de peteiro vermello: presaxios telúricos.
Dai Sijie, cineasta e novelista chino afincado en Francia, coñecido pola súa novela Le complex de Di  (O complexo de Di)  que recibiu o prestixioso premio Femina 2003, recolle aquí parte da súa experiencia no período da reeducación e crea un encantador relato que pon de manifesto o valor da liberdade e da palabra.

Estas son as montañas, estes os traballos, os abatementos. Mais, ás veces, “un libro pode cambiar toda unha vida”: