Os nosos cómics na biblioteca municipal!

Unha nova colaboración da nosa biblioteca coa OMIX do Concello do IES de Porto do Son e a Biblioteca Municipal 😊. Desta volta, unha mostra dun dos xéneros que máis nos prace dar a coñecer: a banda deseñada! Dos clásicos á novela gráfica actual, do cómic galego ao castelán, ao francés… ao universal. Heroes, vidas, denuncia, concienciación, humor, entretemento, amor, desamor, igualdade, inclusión… Alá foron tamén os carteis que fixera o noso alumnado. É sempre un pracer participar nestas iniciativas de dinamización lectora tan necesarias 👏👏👏 nestes tempos de présas e pantallas! Unha vez máis, os recursos públicos ao servizo da comunidade!

Advertisement

Rematando o 2018 co club de lectura

Este luns tivemos unha sesión de club de lectura especial, con mesa posta de Nadal! Tarta, bombóns… E SOSTIBILIDADE cos cómics de Leo. Fuxir da terra porque a vida nela xa non é sostible? Leo, na súa serie Aldebarán, Betelgeuse, Antares e Supervivientes, levounos por todos os temas que hoxe nos preocupan: o cambio climático, os efectos do dióxido de carbono na atmosfera da terra, a alimentación, as desigualdades sociais, a violencia de xénero, as ditaduras, os fanatismos relixiosos, o extremismo político, a falta de liberdades… De todo isto falamos. E dun mundo de color que bebe da selva amazónica. E da esperanza. E do que podemos facer polo presente e o futuro da humanidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

Para a volta de Nadal, teatro: imos aos tempos dos Irmandiños con…

Unha mestura curiosa

Ás veces cremos que cando se mesturan cousas que a priori non combinan moito como tipos de música ou comida, sorprende o resultado, e a mestura é espectacular. Pois isto sucedeu na última xuntanza do clube de lectura de adultos, onde o obxecto da mestura foron dous libros de autores moi diferentes: un mestre xaponés de manga e unha gran escritora galega actual. Atrevémonos a combinar unha gran obra mestra do cómic manga, “Adolf”, de Osamu Tekuza e “Seique”, de Susana Sánchez Aríns.

Os comentarios e conversas sobre os libros foron por separado,pero aínda así pasamos tranquilamente dunha historia de dous nenos ambientada en Europa e Xapón durante a Segunda Guerra Mundial, a unhas intricadas relacións familiares na Galicia rural de mediados do século XX. Dúas obras moi distintas, en orixe, en formato, en redacción,…pero casualmente as dúas nos mostran o poder absoluto, autoritario, o abuso e a imposición de ideoloxías.
Só queda para esta tempada outro libro, “Luns”, de Eli Ríos, e agardamos compartilo cos compañeiros do club de lectura “Caramiña”, da Pobra do Caramiñal

Un libreiro, unha libraría: Kómic

Que elo une a través dos tempos a columna de Traxano –  comezos do século II d.C.- e Maus de Art Spiegelman – 1995-?

71MausBunker

detalle-columna-trajano

 

 

 

 

 

 

 

A necesidade de contar historias e de facelo con imaxes. Historietas, tebeos, cómic, banda deseñada, cadriños, manga… Fronteiras invisibles no tempo e nos xéneros.

De todo isto, da evolución da imaxe como soporte para narrar historias ata chegar ao que coñecemos como novena arte, é do que Xaime Lis nos estivo a falar o venres pasado no centro.

comic

Xaime é libreiro, no sentido máis fermoso desta palabra: non é só vendedor de libros. Xunto con Xose “Pío” Barreiro, rexenta Kómic. Inauguarada en Santiago 1987 por Pío e Ana Manteca, foi no seu momento a primeira libraría especializada neste xénero. Pouco a pouco iría posicionándose como un dos espazos de referencia no mundo do cómic en Galicia. Xaime incorporouse ao proxecto en 2007. Xuntos foron quen de ir formando un público lector, unha clientela fiel –entre eles, nós-  que se ten apaixonado coa Banda Deseñada. Non só venden: informan con criterios de calidade, descobren, convidan e “enganchan”. E fano de forma apaixonada.  A nós, ao equipo de biblioteca, abríronnos un mundo que está sempre presente nas nosas lecturas e recomendacións e témolos visitado co alumnado do club de lectura.

Nunha hora que se fixo curta, viaxamos pola historia do cómic, dende as remotas orixes do mesmo ata a actualidade. Con el soubemos de Max e Moritz, os avós de Zipi e Zape, Yellow Kid, Crazy Cat… Da vixencia das sorprendentes imaxes surrealistas en Little Nemo, da importancia de Moebius -Jean Giraud- e a súa influencia no cine, dos autores máis destacados na actualidade e, como  non, da frutífera etapa que está a vivir a banda deseñada galega con festivais como Viñetas desde o Atlántico.

Un pracer poder contar coa súa presenza!

Sin título

"Píldoras azules" no Día Mundial da Sida

Que mellor momento que o Día Mundial da Sida para recomendar Píldoras azules!

Con esta obra Frederik Peeters situouse na primeira liña da historieta europea: Premio Jules Töpfler da Vila de Xenebra 2001, nominada ao Premio Alph´Art ao Mellor Álbum no Salón do Cómic de Angoulême 2002, nominación á Mellor Obra Estranxeira no Salón Internacional de Cómics de Barcelona 2005. Despois virían obras de relevancia  e maduración como Koma, Lupus e R.G.

Trala lectura, un fica cun agradable sentimento de admiración, de satisfacción e de agradecemento pola reflexión.

A obra parte dun xogo experimental motivado pola cavilación sobre as propias circunstancias vitais de Peeters: a súa relación con Cati e o seu fillo, ambos seropositivos. Iniciada case como unha “terapia pesoal”, acaba transformada nunha novela gráfica que nos achega ao mundo privado da SIDA e as relacións persoais.

Cunha mecánica marcadamente rítmica, “clic…, clac…,clic”, a convivencia entre os tres vaise  engraxando co amor, o respecto e a admiración. Peeters descóbrenos o ordinario dentro do extraordinario, ou, ben mirado, o extraordinario dentro do ordinario,  e, cos vimbios do que puidera ser un drama fácil, conforma, en palabras do prologuista Óscar Palmer, un “relato contido e vitalista cargado de optimismo e sa alegría”.

No cotiá, abondan as viñetas que focalizan elementos que puideran pasar desapercibidos no día a día: o vello na mesa do fondo, a pota e a tixola, o viño verquéndose na copa… Ao tempo, o onírico, o simbólico, insírese na trama dende o primeiro momento. Nas páxinas iniciais, o microscópico, o celular, transfórmase nun “discordante” virus cósmico. Un rinoceronte branco asexa coa súa sombra de medo e dúbida. A conversa cun mamut prehistórico científico e cinéfilo expón o amor, a imcomprensión social, a inxustiza, a compaixón, a culpa, o azar, o sufrimento, a cólera, a percepción dos tempos, a sexualidade, as alegrías e os proxectos. Caras da outredade e do eu.

Unha vida de parella asentada nun sofá, nun mar necesaria e permanentemente sostido en píldoras azuis.

Mais… que é realmente toda relación de parella senón ese sentimento afortunado de compartir unha balsa na marea da vida?

NON!  Non esquezo a solución ao SEGUNDO ENIGMA:

Son un avó, un pai e un fillo.

AGORA, un pouquiño máis difícil, este TERCEIRO ENIGMA:

Se só dispoñemos de dous reloxos de area capaces de medir 7 e 11 minutos respectivamente, como poderías contar 15 minutos?

 

“Píldoras azules” no Día Mundial da Sida

Que mellor momento que o Día Mundial da Sida para recomendar Píldoras azules!

Con esta obra Frederik Peeters situouse na primeira liña da historieta europea: Premio Jules Töpfler da Vila de Xenebra 2001, nominada ao Premio Alph´Art ao Mellor Álbum no Salón do Cómic de Angoulême 2002, nominación á Mellor Obra Estranxeira no Salón Internacional de Cómics de Barcelona 2005. Despois virían obras de relevancia  e maduración como Koma, Lupus e R.G.

Trala lectura, un fica cun agradable sentimento de admiración, de satisfacción e de agradecemento pola reflexión.

A obra parte dun xogo experimental motivado pola cavilación sobre as propias circunstancias vitais de Peeters: a súa relación con Cati e o seu fillo, ambos seropositivos. Iniciada case como unha “terapia pesoal”, acaba transformada nunha novela gráfica que nos achega ao mundo privado da SIDA e as relacións persoais.

Cunha mecánica marcadamente rítmica, “clic…, clac…,clic”, a convivencia entre os tres vaise  engraxando co amor, o respecto e a admiración. Peeters descóbrenos o ordinario dentro do extraordinario, ou, ben mirado, o extraordinario dentro do ordinario,  e, cos vimbios do que puidera ser un drama fácil, conforma, en palabras do prologuista Óscar Palmer, un “relato contido e vitalista cargado de optimismo e sa alegría”.

No cotiá, abondan as viñetas que focalizan elementos que puideran pasar desapercibidos no día a día: o vello na mesa do fondo, a pota e a tixola, o viño verquéndose na copa… Ao tempo, o onírico, o simbólico, insírese na trama dende o primeiro momento. Nas páxinas iniciais, o microscópico, o celular, transfórmase nun “discordante” virus cósmico. Un rinoceronte branco asexa coa súa sombra de medo e dúbida. A conversa cun mamut prehistórico científico e cinéfilo expón o amor, a imcomprensión social, a inxustiza, a compaixón, a culpa, o azar, o sufrimento, a cólera, a percepción dos tempos, a sexualidade, as alegrías e os proxectos. Caras da outredade e do eu.

Unha vida de parella asentada nun sofá, nun mar necesaria e permanentemente sostido en píldoras azuis.

Mais… que é realmente toda relación de parella senón ese sentimento afortunado de compartir unha balsa na marea da vida?

NON!  Non esquezo a solución ao SEGUNDO ENIGMA:

Son un avó, un pai e un fillo.

AGORA, un pouquiño máis difícil, este TERCEIRO ENIGMA:

Se só dispoñemos de dous reloxos de area capaces de medir 7 e 11 minutos respectivamente, como poderías contar 15 minutos?

 

E rematou o mes do cómic

E fomos de banda deseñada con Miguelanxo Prado


Os rapaces e rapazas de 4º da ESO e do Clube de Lectura e o alumnado que cursa Educación Plástica no Bacharelato asistiron onte no Salón de Actos a unha charla de Miguelanxo Prado. Grazas á teimosía do Equipo da Biblioteca e ás xestións da profesora Ánxela Doval, tivemos a oportunidade de coñecer o autor galego de banda deseñada máis recoñecido e premiado internacionalmente, que nos achegou as claves deste xénero a partir da obra de diferentes autores e da súa propia.

O debuxante coruñés situou o xénero en relación ás outras manifestacións artísticas, sobre todo establecendo as semellanzas e as diferenzas fundamentais respecto ao cinema, e pouco a pouco foinos introducindo no proceso de elaboración dun cómic: o deseño do guión, os bosquexos dos debuxos, o xogo dos planos, o papel dos textos, a estruturación das viñetas. a coloración, etc. Especialmente atractiva foi a exemplificación que Miguelanxo fixo de todo este proceso a partir do seu Trazo de xiz, do que coñecemos as mesmas entrañas dende que era unha simple idea que o autor anotou nun papel no trascurso dunha aburrida conferencia até que se converteu nun volume referencial no mundo do cómic tras tres anos de laborioso traballo.

Miguelanxo Prado foi premiado en diferentes certames e encontros especializados, como o Saló do Cómic de Barcelona e o Festival de Angulême, e o seu traballo atinxe os diferentes campos do grafismo e a ilustración, dende a pintura e o deseño gráfico ata colaboracións na prensa (Golfiño, El Jueves, La Voz de Galicia, etc.), en televisión (Xabarín Club) e no cinema, como responsable de Men in Black, serie de animación producida por Steven Spielberg. O responsable de “Viñetas dende o Atlántico”, o festival do cómic da Coruña, conta con traducións a diferentes idiomas de títulos como os premiados Trazo de xiz e Quotidiania delirante, que dende o pasado mes de febreiro conta cunha versión interactiva para iPhone.

En colaboración cos Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica, do Equipo de Normalización Lingüística e do Clube de Lectura, a Biblioteca do noso centro vén dedicando as últimas semanas a fomentar o coñecemento e a lectura do cómic entre o alumnado. Neste sentido, contamos cun novo catálogo de cómics para poñer a disposición dos lectores, cun obradoiro de elaboración de guións e con dúas exposicións cedidas por El Patito Editorial e a Consellaría de Cultura, que se suman aos superheroes elaborados polos alumnos de Plástica cos seus profesores e que enchen o recibidor do instituto. Así mesmo, no mes de maio proxectarase un ciclo de películas de ficción animada e o Clube de Lectura dedicou as súas sesións á posta en común de obras ilustradas, entre as que se atopan algúns dos títulos de Miguelanxo Prado.

Podedes ver máis imaxes do encontro con Miguelanxo Prado no álbum fotográfico de Certo, o xornal virtual do Barbanza.

Baroña ou morte, de Pepe Carreiro

Baroña ou morte é unha obra de  Pepe Carreiro publicada no ano 2003 pola Editorial Toxosoutos. Conta a vida dun castro na beira do mar, o castro de Baroña, que está a poucos kilómetros do instituto. Este libro céntrase na vida dos celtas baroñeses.

O protagonista é o xefe d’Os Barbanzóns, que ten un grande problema: non é capaz de durmir porque a súa muller non lle daba pracer, ou iso era o que dicía o seu irmán. Ademais, o seu fillo é pacifista e cando o seu pai se enterou mandouno a unha especie de cárcere. Mentres, o resto dos varóns prepárnse para ir loitar cuns inimigos, que finalmente son os seus aliados pero eles non o saben.

Para confirmar que era verdade Os Barbanzóns foron alá e escalaron a montaña ata chegar á aldea dos supostos inimigos. Subiron unha especie de cume moi alto pero ali estaba todo baleiro porque os habitantes estaban nun bar. E o xefe dos de Baroña atopou alí unha muller… Ao chegar á súa terra as baroñesas recibíronos con moita alegría e o xefe mandou saír do cárcere ao seu fillo.

Este cómic gustoume bastante porque fala da nosa terra e, especialmente, do noso concello, Porto do Son, e ademais porque a maioría dos textos son zzzzzzzz e asi había que ler menos…

Suso Monteiro (2º C)

Quotidiania delirante, de Miguelanxo Prado

De seguro que coñecedes a Miguelanxo Prado, sen dúbida  o autor máis relevante da banda deseñada galega. Pensade no Xabarín Club, do que moitos sodes socios; na serie de animación Os vixilantes do camiño, que protagoniza o porco bravo máis famoso da televisión; a Mansión dos Pampín, que moitos traballastes nas aulas de Ciencias Sociais por medio do Proxecto Terra; ou nos personaxes de Men in black, a serie de animación producida por Dreamworks, a factoría de Steven Spielberg. Se vos achegades pola biblioteca,  poderedes  atopar outros títulos de cómic como Trazo de Tiza, Os compañeiros. A orde de pedra ou Páxinas crepusculares. E se queredes coñecelo en persoa estamos de noraboa, pois  Miguelanxo achegarase ao noso instituto o vindeiro venres 30 de abril para falarnos máis polo miúdo da súa obra, da banda deseñada e dos seus proxectos máis inminentes.

Para comezar, deteremos en Quotidiania delirante, un álbum composto por pequenas historias que o debuxante Miguelanxo Prado comezou a publicar na revista humorística El Jueves ao longo de varios anos. En 1997 saíu o primeiro libro desta serie, que viu unha segunda entrega no ano 2000 e unha edición “integral” no ano 2003.

Segundo o autor, moitas das historias de Quotidiania Delirante sucedéronlle a el, aos seus familiares ou ás súas amizades e, aínda que recoñece que conteñen un chisco de esaxeración, son historias da vida cotiá, do día a día, que acontecen ao noso redor e que reflicten moitas das teimas da sociedade actual. Miguelanxo Prado achégase á realidade dende o compromiso social e dende unha perspectiva crítica do sistema que, xa se pode advertir nos propios títulos destes breves flashes de vida de tres ou catro páxinas que conforman as súas historias: “Funcionarios”, “Pon un dino en tu vida”, “Regalos de navidad”, “Compra a crédito”, “Pensión social”, “Publicidad”, etc. O consumismo insaciable, a tecnoloxía desmedida que desnaturaliza a vida, a utilización da imaxe da muller como obxecto sexual na publicidade, a burocracia incompetente, o poder dos cartos, a hipocresía, etc. son algúns dos temas que, con moitas doses de humor e ironía,  poderemos atopar nesta serie.

Dende o pasado mes de febreiro pódense descargar algunhas historias de Quotidiania delirante como cómic interactivo a través dun formato animado para iPhone e iPod Touch e a aplicación App Store de Apple. É o caso de “Meigas”, da que podemos ver un vídeo de demostración: