Penúltima xuntanza do club de lectura Furalibros, e como a estas altura de curso, están xa cansadiños, propuxemos unha lectura pequena, áxil, e sobre todo, fermosa. O libro Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar, do escritor chileno Luis Sepúlveda, conta a historia dun gato que se ve no compromiso de incubar un oviño de gaivota e ao nacer, ter que ensinarlle a voar. Nesta novela os humanos somos personaxes secundarios, ás veces negativos, sobre todo cando somos os culpables de contaminar os océanos. O protagonismo real nesta lectura téñeno basicamente os gatos, cada un co seu propio carácter…..e sí, ao final a pequena gaivota “Afortunada” aprende a voar.
Xa hai tempo que se fallou o resultado do concurso literario Laxeiro: un xeito de ollar convocado pola biblioteca e os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá. Fixemos entrega dos premios, cómics en galego e libretiñas de persoeiros galegos, o día 31 de marzo coioncidindo cos Encontros Plambe e tamén co último día das vacacións de Semana Santa. Esta última avaliación está a ser trepidante, un visto e non visto para o alumnado e profesorado de 2º de bacharelato e foinos quedando pendente compartir os marabillosos relatos que tivemos a oportunidade de ler. Segundo o xurado, a escolla non foi nada sinxela. A calidade dos relatos da última categoría foi tan boa, que resultou verdadeiramente difícil escoller tan só dous gañadores, polo que decidimos dar un 3º premio.
Para que o poidades comprobar vós mesmos aquí vos deixamos os microrrelatos gañadores:
1ª Categoría:
1ª Categoría:
1º Premio
” Un mundo cheo de emocións” de José Santamaría
Ás veces sinto que no meu interior viven centos de persoas diferentes. Levántome rodeado da miña familia e síntome feliz. En clase, entre as burlas dos meus compañeiros, éntrame a depresión. No parque, entre os empurróns doutros rapaces, síntome agobiado. Pola noite, esperando a que chegue o meu pai do traballo, síntome ansioso… Pero hoxe é diferente, hoxe, por fin…, vou ser libre.
José Santamaría Pérez, 2º ESO A
2º Premio
“Un xogo de nenos” de Carlos Arufe
Sempre xogaba só. Cada vez que volvía de traballar atopábao xogando á beira do camiño. Levaba un gorro feito de papel de periódico, saudábame coa man dende lonxe e achegábase a min correndo. Pero sempre estaba só. A última vez que me atopei con el levoume pola man ata a parte de atrás da casa e moi contento ensinoume o seu novo xogo. Consistía en colgar tres bonecos dunha corda como se fose un aforcamento. Horririzado pregunteille como sabía xogar a iso. Por contestación dixo:
-Así fixo meu pai cos meus irmáns.
Carlos Arufe Carou, 1º ESO C
2ª Categoría
1º Premio
Era unha noite fría e solitaria. A lúa brillaba sobre o horizonte, proxectando sombras na terra desértica. As árbores eran como esqueletos, coas súas pólas estendidas cara ao ceo. Na distancia, apareceu unha figura estraña a cabalo, atravesando o Trasmundo. Montaba un cabalo negro con brillantes ollos, e levaba unha capa escura. Os ollos da figuran resplandecían como estrelas, e os seus pasos eran silenciosos. Parecía estar buscando algo, unha resposta a unha pregunta que só el coñecía. Esvaeceuse na noite, deixando atrás silencio e misterio.
Edgar Beiroa Cameán, 3º ESO C
3ª Categoría
1º Premio
“Maternidade”
Adoitaba pasar as noites acurrucado no seu peito, escoitqando os latexos do seu corazón, sentindo a tranquilidade da súa harmoniosa voz e o agarimo do seu inolvidable tacto.
Fínxía que sentía frío para que me abrazara máis forte e desta maneira lograba reter na miña memoria a forma das súas fráxiles mans, coas que me mecía con coidado. Ademais, finxía que non escoitaba como caían as moedas na tea que tiña pousada no chan e que parecía que só os máis miserables conseguían ver.
Aya Aniba, 1º Bac B
2º Premio
Na penumbra, á lus do candil, chocan dúas espadas. Os cabaleiros protexen aos seus reis no campo de batalla, cheo de amosegas de moitas noites de troula. Os exércitos atópanse listos, agardando a súa quenda para pegar un chimpo dende as mans, e unirse ao balbordo, mais a orde decidirá o triunfo, o cheiro a viño do país inunda o campo. Vai de copas. As batallas sucédense con velocidade. O ambiente é eléctrico. A tensión cobra vida nos chiscos de ollo disimulados, nas reviravoltas de morro, nas cellas que se levantan de seguido, coma unha lostregada e volven ao seu lugar de contado. Prácticas estratéxicas que determinarán o futuro dos enfrontados e a transcendencia do seu enfrontamento. Comeza a última, poida que sexa a decisiva, os trunfos agardan retirados ao comando do monicrequeiro, xa farto de comer tallada mais ávido de vitoria, deixando lugar para o impacto dos máis valiosos soldados: un as, un tres, un rei. Uns achandan a chambra, outros arromban o sombreiro e cospen ao chan, outros semellan tomates suados, deses cos que só nós, espectadores doutra época, podemos establecer comparativa. Vai de copas, e estas gañan, os ouros arrecúan, brándense as espadas e caen os bastos coma garrotes, é agora ou nunca: -Brisca, Andrés, brisca!
María Queiruga Romay, 2º Bac A
3º Premio
“O espanto”
Espertei no medio da noite co ruído dun tambor. Non tardei en darme conta de que era a choiva batendo con forza na uralita que nos facía de tellado. Comecei a asubiar ao ritmo da choiva e mentres o facía recordei as palabras da miña avoa: “o que de noite asubía, polo demo pía”. E deixei de asubiar de golpe. Parou a choiva e tamén o tambor. Cando estaba a pique de volver quedar a durmir, abrín os ollos.
O pasado venres, 12 de maio, o alumnado de 1ºESO coñeceu un pouco máis da figura homenaxeada nas Letras Galegas 2023 da man de Serafín Marcos, vello coñecido do noso instituto. O artista noiés meteuse na pel do propio Francisco Fernández del Riego, Paco do Rego, para levarnos da man ao longo dun percorrido por diferentes etapas da súa vida, dende a súa infancia en Lourenzá á súa loita por dinamizar o panorama cultural galego da posguerra. Tratouse dun espectáculo interactivo no que o noso alumnado participou activamente de diferentes enredos arredor da figura do célebre ensaísta e artífice de proxectos como a editoria Galaxia ou a revista Grial.
A actividade foi organizada polo departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística.
Título doce para unha novela amarga. O libro de Bibiana Candía está baseado en feitos reais que ocorreron no século XIX, cando se trasladaron a Cuba a máis de mil galegos para traballar en condicións de escravitude nas plantacións de caña de azucre. Estos feitos, descoñecidos para a maior parte do público, aparecen descritos nas cartas que enviaban aos familiares pedindo axuda. A escritora fai un relato trepidante, con frases moi curtas, que nos trasladan a esa viaxe en barco en condicións infrahumanas e a posterior escravitude nas facendas de azucre. Gustou esta lectura aos membros do club de lectura Fraga de Novio. Voltamos en maio con Emma Pedreira.
Case parece un trabalinguas, pero é o título que escollemos desta volta para degustar @s Lerpeir@s. O día radiante e, en vez de pastel de pel de pataca, saboreamos chocolate con café, toda unha delicia. Pero deliciosa tamén resultou a correspondencia que mantén Juliet, a protagonista, cunha serie de personaxes que van aparecerendo por esta novela tan peculiar de xénero epistolar que tivemos o pracer de compartir.
Unha casualidade pon en contacto á escritora Juliet Ashton cun dos membros deste clube de lectura, que non só ten de orixinal o seu nome que dá título á obra, se non tamén os seus integrantes e a súa motivación. Nesta pequena illa británica, ocupada polos alemáns en plena II Guerra Mundial, xorde esta sociedade literaria que se convertirá no xermolo da relacións entre unhas persoas que parecen moi diferentes. Por que nos atrae a literatura? Que perfil hai que ter para desfrutar coa lectura? Hai algo que determine os gustos literarios? Como pode unir a literatura a un grupo de xente tan dispar?
As cartas que vai e veñen da illa de Guernsey, situada no Canal da Mancha, a Gran Bretaña despertaron en nós, sobre todo nas profes, a nostalxia dese correo postal que foi desaparecendo en pro das redes sociais e tamén a gana de escapar á illa de Guernsey, como fai a protagonista.
Despois de case dous meses de parón retomamos o club de lectura dos Furalibros cunha novela chamada Desconocidos, de David Lozano. Non foi a lectura que máis lles gustou aos membros do club, pero desde logo esta novela de intriga deunos materia para poñernos a falar sobre o uso que facemos das redes sociais, e sobre todo, do seu mal uso.
Queda pouco para o final do curso, así que tentaremos alimentar a alma e o estómago deste grupo tan xeitoso de mozas e mozos nas vindeiras xuntanzas.
Para nós o mes de marzo é o mes da muller. As nosas escritoras, tan lidas, tan recoñecidas e tan premiadas, son as que protagonizan este curso a nosa exposición. Marilar Aleixandre, flamante gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022, é a que encabeza a lista. Pero temos moitas máis mulleres que levan a nosa lingua alén das nosas fronteiras e que non paran de recompilar premios e máis premios: dende a novísima Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, pasando por Ledicia Costas, Inma López Silva, Yolanda Castaño, Chus Pato, Ana Romaní… ata chegar á veterana Luz Pozo Garza. Poetas, novelistas… contadoras de historias e engaioladoras coas verbas. Elas son as que teñen a palabra.
Desta volta limos no club das Lerpeir@s unha novela gráfica de orixe portuguesa, obra de Filipe Merlo e Juan Cavia. Unha xornalista entrevista a un afamado pianista que vive recluído na súa mansión en Francia a finais do SXX. Julien Dubois agocha unha vida chea de secretos, a rivalidade cun intérprete misterioso que aparece e desaparece da súa carreira, a interrupción da invasión nazi na Francia de mediados de século e a manipulación exercida pola súa nai e o seu adestrador. Os recordos e os remoros flúen entre o fume dos cigarros que acabarán deixándonos vislumbrar a sorpresa que da lugar a última peza: a Balada para Sophie.
Tras os pasos dos protagonistas do libro de Eduardo Blanco Amor fomos algúns dos membros do Club de Lectura Fraga de Novio. Punto a punto, recorremos os principais lugares onde transcurre a novela, contando cun guía de excepción que nos trasladou á Auria do Cibrán, o Bocas e o Milhomes. Aproveitando a visita, coñecemos algúns dos lugares con moito encanto que ten a provincia de Ourense: Pazos de Arenteiro, San Pedro de Rocas e Maceda.
Cando se plantexa un libro para compartir no club de lectura sempre se pensa en algo publicado recentemente, nunha novidade. Pero está moi ben “redescubrir” clásicos, voltar a ler libros lidos fai moitos anos, e que case todo o mundo ten na súa biblioteca. Desta volta lemos no club de adultos A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, un dos clásicos da literatura galega. Unha novela que asemella unha traxedia grega, onde ves como chega o mal inevitable.
Agora toca ver en vivo os lugares que percorren o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, pois varios membros do club faremos unha ruta literaria para coñecer Auria.