Setembro

Cando remata o verán, comeza o curso, e con el a nova tempada do club de lectura Fraga de novio. Neste mes de setembro adoitamos facer a primeira xuntanza, a de acollida, ben para reencontrarnos cos habituais compañeiros de lecturas ou ben, como foi nesta ocasión, para coñecer novas caras que nos van acompañar nesta tempada. Nesta primeira xuntanza fixemos un repasiño das lecturas de verán de cada un de nos, pois sempre se descubre algo interesante.

E para comezar, imos ler o libro de Tatiana Tîbuleac El verano que mi madre tuvo los ojos verdes, unha novela dura pero ao mesmo tempo adictiva.

Advertisement

Rematamos a tempada

En plena ola de calor tivemos a última xuntanza do club de lectura dos Benxamíns. El beso Nº8, da escritora Colleen AF Venable e da ilustradora Ellen T. Crenshaw puxo un punto e seguido ás andanzas deste club de xente miúda. O cómic, a priori de lectura fácil, agocha unha temática relacionada coa transexualidade e homosexualidade, e como esta se vive en diferentes épocas.

Pero non todo foi lecturas. Tamén aproveitamos as cartas do Digit para contar como foi a nosa experiencia neste curso no club de lectura. Nen que decir ten que tamén botamos unha partidiña.

Agora toca descansar e desde logo, seguir lendo nestas vacacións de verán.

E agromaron centos de flores!

E xa, rematando maio, o corredor encheuse de flores e de mensaxes: “Flores no canto de balas”. Así queremos facer visible e facer noso o berro que mulleres feministas rusas publicaron o 8 de marzo en redes de resistencia contra a guerra: цветы вместо пуль, flores no canto de balas contra a guerra. 

A torre de Babel segue en pé: distintas linguas pero un mesmo sentir contra a barbarie e a violencia. Unha chamada á esperanza a través da beleza das flores, que agromaron polas paredes, a carón da do Principiño, frente á dor e a destrución.

Concienciar na necesidade da paz e tamén promover o espíritu crítico é o que nos propoñemos dende a biblioteca e as titorías. O alumnado de ESO de Porto do Son deu renda solta á vertente creativa tentando mitigar a escuridade que provocan as novas que escoitamos día a día a través dos medios de comunicación.

Nunca serei o teu heroe

Penúltima sesión do club de lectura dos Benxamíns, moitos xa sen máscara e todos con ganas de tomar un pouquiño de sol. O libro de María Menéndez-Ponte Nunca seré tu héroe engachou desde a primeira páxina. Todos os membros do club se viron reflexados nas aventuras e desventuras do protagonista, Andrés, un adolescente de 4ºESO. Problemas cos pais, problemas coa moza, problemas no instituto,….unha etapa vital complicada a adolescencia!

Que mellor que o patio do instituto para coñecer mellor a estos adolescentes, para que se coñezan mellor entre eles, que non todo vai ser compartir lecturas.

Achegamento interxeracional na Biblioteca Municipal

Marzo e abril foron meses de “alixeirar” os protocolos e van volvendo as nosas colaboracións coa OMIX e a Biblioteca do Concello. Desta volta os nosos libros uníronse aos da biblioteca Xerardo Díaz para unha fermosa iniciativa municipal no mes dos libros: nenos e nenas da Ludoteca e maiores do Centro de Día xuntáronse para ler, descubrir libros en distintos formatos e falar do que a lectura nos aporta: álbums ilustrados, cómics, libros con códigos QR, libros que nos falan do noso, doutros tempos e dos que están por vir. Iso somos tamén as Bibliotecas Escolares: un servizo público que ha de manter pontes co entorno.

Festexando a diferenza

Podemos afirmar con rotundidade que o libro escrito por Iria Misa e ilustrado por Alba Barreiro, Mamá, quero ser Ziggy Stardust, tivo un gran éxito entre os compoñentes do club de lectura dos Benxamíns. A historia dun neno trans emocionou a máis dunha, e serviu tamén para comprobar que estas novas xeracións mostran unha tremenda empatía e aceptación da diversidade.

Ademáis disto, os membros do club tiveron a oportunidade de coñecer ao cantante David Bowie, gran transgresor e modelo de androxinia nos anos 70 do século XX. Na súa honra, todas fomos Ziggy Stardust.

A voltas coa globalización

Tomar consciencia da realidade que hai no noso planeta, fóra da nosa zona de confort, foi a temática da última sesión deste ano do club de lectura Benxamíns.

O club das pequenas e pequenos reflexionou o que significa a globalización a partir do libro de Wolfgang Korn La vuelta al mundo de un forro polar rojo. Neste ensaio, o autor móstranos a viaxe dun forro polar vermello desde que se obtén o petróleo no Golfo Pérsico necesario para a súa fabricación, ata que é reutilizado por un migrante africano na súa viaxe en caiuco a Europa .

Ser conscientes dos problemas medioambientais e socioeconómicos que causa o noso consumismo excesivo foi o obxectivo desta xuntanza, e sobre todo, reflexionar sobre a orixe da roupa que levamos.

Serafín Marcos volve nas Letras

Neste maio, o patio transformouse en escenario. Fóra, coa caloriña da primavera das Letras, volveu Serafín Marcos ao centro. Tróuxonos a Xela, e a Carballo Calero

Xela, nena, un premio; Xela moza, a rebeldía; Xela escritora e as “mans para apañar o mundo” e a poesía na que todo cabe – tigres, cabalos, daríos, pescadas, leitugas… E non posuír “máis silencio ca min mesma”.

Carballo, inevitable remoer a perda da oportunidade para repensar o idioma.

Manual para mulleres da limpeza

Un título orixinal ten o libro que abordamos no club de lectura de maiores.  O libro, da escritora norteamericana Lucía Berlín, está formado por unha serie de relatos, algúns deles moi cortiños, aparentemente sen conexión. Coñecendo un pouco a vida da escritora, nestes relatos aparecen reflectidos aspectos da súa vida como o alcolismo, as mudanzas familiares, as relacións matrimoniais, os fillos ou os distintos traballos que realizou ao longo da súa vida, como o de muller da limpeza. Deste xeito podemos considerar a novela como autobiográfica, pero nunca sabendo que relato puido ser certo ou non.

As historias que conta son tristes, duras e difíciles. A pesar disto, Lucía Berlín ten unha escrita en certa medida optimista, atenuando, se é posible, a dureza do relato.

A vindeira novela levaranos á Grecia de principios do século XX.

Nova tempada do club de lectura Fraga de Novio

Onte tivo lugar a primeira xuntanza do club de lectura de adultos “Fraga de novio” e sen excepcións, todas as integrantes (onte faltaba a cuota masculina do club), chegaron con moitos ánimos para comezar a nova andaina neste curso escolar.

Como non houbo “deberes” para o verán, o tema de conversa foron as lecturas individuais que fixemos cada unha de nós, así como as propostas para compartir neste curso. E todo isto, pasando por esas lecturas da infancia e adolescencia que nos marcaron. Foi unha xuntanza de lembranzas.

Agora agárdanos Rosa Montero co seu libro La ridícula idea de no volver a verte, un ensaio onde nos dá a coñecer á gran Marie Curie.