Achegamento interxeracional na Biblioteca Municipal

Marzo e abril foron meses de “alixeirar” os protocolos e van volvendo as nosas colaboracións coa OMIX e a Biblioteca do Concello. Desta volta os nosos libros uníronse aos da biblioteca Xerardo Díaz para unha fermosa iniciativa municipal no mes dos libros: nenos e nenas da Ludoteca e maiores do Centro de Día xuntáronse para ler, descubrir libros en distintos formatos e falar do que a lectura nos aporta: álbums ilustrados, cómics, libros con códigos QR, libros que nos falan do noso, doutros tempos e dos que están por vir. Iso somos tamén as Bibliotecas Escolares: un servizo público que ha de manter pontes co entorno.

Advertisement

Colaborando pola lectura e o servizo público

Alá polo verán, recén rematado o confinamento, recibimos unha chamada da biblioteca municipal. Querían dar un servizo público aos centros e mercar exemplares dos libros que o alumnado podería precisar para o novo curso. Que mellor forma de optimizar os recursos! Promover a lectura e seguir tendendo pontes entre os axentes de lectura da comunidade! E aquí están, na biblioteca do Son, as nosas propostas de compra. Moitas grazas ao Concello e a Xosé Manuel, por termar desta colaboración e por contar connosco. Xa sabedes, non só están na biblio do centro, podedes pasar por alí para pedilos en empréstito. Só unha condición: facer o carné.

Manuel María, profesional da palabra pero sen soldada

Este é o título da charla á que asistimos esta mañá na Biblioteca Municipal do IES de Porto do Son e que impartiu a pedagoga, profesora e escritora Concha Blanco. Explicounos o que supuxo e supón o Día das Letras Galegas e falounos con entusiasmo de Manuel María. Da súa vida; dos silencios que a represión sobre o uso da lingua galega provocou nel -e dos berros de denuncia-;  do que lle tería gustado estudar no canto das leis; da súa obra; da época difícil que lle tocou vivir…  e dos recoñecementos que recibiu e está a recibir.

Concha Blanco 1

Leu para nós o seu:

Carné de identidade
Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.

Agora son un namorado.

Eu son Manuel María,
cantor da Terra Chá que algúns din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.

Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.

Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
un son tan só, lonxano e feble.
Documentos personaes (1958)

De verso en verso, de anécdota en anécdota… fomos indo da súa man ata o un colofón poético que veu envolto nunha caixiña de música que seica veu de Bolonia!

Quedámonos con dúas recomendacións de lecturas que sumar nestes días ás do poeta de Outeiro de Rei: O tempo vital de Manuel María –un estudo de Camilo González Torres- e unha obra da propia Concha Blanco e María Canosa, Será correcto? – unha guía para o día a día para maiores e pequenos que parte da experiencia das aulas-.

PortadaOtempovital

9788494439667

A Guía colaborativa para celebrar o Día Mundial do Libro no 2016

Un ano máis queremos celebrar xuntos o Día do Libro repartindo nos centros, na Biblioteca Municipal, nas Casas de Cultura, nas librarías… e a toda a comunidade educativa a GUÍA DE LECTURA COLABORATIVA que coordinamos dende o equipo de biblioteca -que vén a sumarse ás que editamos dende o 2009. Convidamos á lectura coas propostas dos colexios de Portosín, Sobrado-Nebra, Campanario, Caamaño, Carballosa, Seráns e Xuño, a Biblioteca Municipal e o IES de Porto do Son.

//e.issuu.com/embed.html#1399044/35088940

 

Agradecemos ao Concello a súa colaboración para a publicación.

Con cada recomendación, con cada sesión dos clubs de lectura, con cada contada aos pequenos dos coles, con cada recitado… unímonos ao espírito da frase de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, escollida para  conmemorar esta data o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, 23 de abril de 2016:

« Non hai nada como un libro. Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza par crear e compartir a sabiduría e o coñecemento”.

Cervantes morreu o 22 de abril de 1616 – foi enterrado o 23-. Cúmprense 400 anos da súa morte. Nun 23 deste mesmo mes falecían tamén Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega se cumpre tamén o IV Centenario. 

Silvia fixo un cartel lembrándonos esta data: dende a nosa biblioteca anímanos a ler acompañada dun Cervantes ben simpático ao que non podían faltar os seus MUÍÑOS DE VENTO!!!

Cervantes Silvia

Pero tamén nos chega este Cervantes concentrado no seu traballo na biblioteca co colexio de Portosín! Que mellor lugar para atopar inspiración!

Cervantes

Aquí vos deixamos o cartel da UNESCO para este día:

Dia-mundial-del-libro-y-del-derecho-de-autor-Libro-y-Rosa-UNESCO-ES (1)

IV Festa da Lectura e presentación da Guía co Galo Mirindolo

Un ano máis celebramos a IV Festa da Lectura e presentamos a Guía de Lectura do Día do Libro!!!!  Nela os colexios de Portosín, Sobrado-Nebra, Campanario, Caamaño, Carballosa, Seráns e Xuño, a Biblioteca Municipal e a nosa biblioteca –coordinadora das actividades colaborativas de dinamización- achegámosvos as nosas recomendacións. Como vén sendo habitual será repartida ás familias, nas casas de cultura, nas librarías….

galoDesta ocasión a estrela foi o Galo Mirindolo, o personaxe dun dos libros que recomendamos: aXente CorrenteGalo Mirindolo, de Tino Fuentes, Fernando de Castro e Xoglares, editado por AgaSalle . O libro cd sobre educación vial foi traballado nas aulas dos colexios e notouse, pois a rapazada cantaba e coreaba as cancións e demostrou ter aprendido moi ben as normas de seguridade vial. O Galo Mirindolo, que conducía como un tolo, tivo que escoitar os consellos que lle berraban dende o público! Foi moi divertido unir unha vez máis a lectura e a festa!

Uns estupendos presentadores, Juan Carlos e Miguel, de 3º D, abriron a función!

P1030346

O equipo de biblioteca está especialmente orgulloso pois Fernando, o ilustrador, é un dos compañeiros que coopera activamente con nós. Por outra banda as actividades en torno ao teatro, as contadas… van dando os seus froitos pois, Katsuma e Angel, dous alumnos do centro, actuaron  representación. Xa se lles ía vendo a madeira de artistas!

Festa

P1030367

 Agradecemos  ao Concello que siga custeando a impresión da Guía e a Abanca a aportación que nos permite cubrir unha parte da Festa.

E por suposto, a Alfonso, profe tamén de Plástica, a maquetación destas Guías tan chulas! É unha sorte contar cun departamento coma este!

Se queredes saber como xurdiu aXente Corrente, podedes velo neste vídeo.

BO DÍA DO LIBRO! BOAS LECTURAS!

Un refresco de lecturas para o verán

Rematamos o curso coa recomendacións de lecturas fresquiñas para o verán.

Senta, busca tempos, momentos de silencio que che permitan o pracer de viaxar, vivir aventuras, amores, traxedias, soños… Acompáñaos con burbullas e vai bebendo con calma, déixate acariñar pola caloriña e, se queres, despois, fai coma nós, invita a compartir ese pracer!

 

//e.issuu.com/embed.html#1399044/5715084

Preme na imaxe para ver a guía en pantalla completa.

 


A cociña visita a Biblioteca Municipal. Facemos boca para o Nadal!

Vimos de iniciar coa Biblioteca Pública Municipal “Xerardo Díaz Fernández” un camiño común que esperamos dea froitos gorentosos. Ao fin e ao cabo son recursos compartidos, obxectivos comúns.

Comezamos a andaina facendo eco do que nos achegan de alí. E, neste caso, a un váiselle abrindo o apetito. O que nos propoñen son lecturas de cociña, palabras para comer, degustar, saborear, mastigar, rillar, roer, engulir… en soidade ou agradable compaña. Animádevos a uliscar futuros olores por alí!

Lugar : Vestíbulo Casa da Cultura de Porto do Son

Horario :9:00 a 13:00 e 18:00 a 20:00, luns a venres

18:00 a 20:00, sábados, domingos e festivos

Data : dende o 17 de novembro ata o 12 de decembro

Que? Como vai o enigma de mates?

Na próxima entrada, a solución e máis!