Exposición, charlas… no centenario das mortes de Cans

Como non podía ser menos, no centro tamén conmemoramos o centenario dos sucesos de Cans. Porque estamos ao lado do lugar do suceso, porque non debemos esquecer o pasado para evitar repetilo, e porque temos que aproveitar calquera ocasión para lembrar sacar de paseo os fondos da biblioteca que iso ocorreu nun momento, primeiro terzo do século XX de gran expansión dos movementos agrarios en Galicia. Desde aquí queremos agradecer ao sonense Xerardo Díaz, que morreu no exilio en 1992, ter publicado Nebra, historia dunha infamia, no que se narran os feitos acontecidos en Cans.

Este verán alguén poñía reiteradamente un cartel na beira da estrada que indicaba a localización da aldea. Reiteradamente, tamén, alguén retiraba o cartel. Nós atopámolo no contedor do lixo e recuperámolo para facer que a memoria permaneza. Nestes días acompaña versos e libros de reivindicación agraria, de loita pola terra e polos dereitos do pobo.

exposicion-cans

 Mañá 12 de outubro, o mestre e estudoso do patrimonio e a historia de Porto do Son, Mariño del Río, dentro dos actos de homenaxe que organizan os familiares e veciños das vítimas da Revolta de Nebra, presentará ás 17:00h o seu libro: Os tráxicos sucesos en Cans (1916). 100 anos de lembranza-. Hoxe estivo na nosa biblioteca co alumnado de 2º de Bacharelato para contarlles como aconteceron eses feitos. Feitos que sitúan a Nebra e a Porto do Son nun papel protagonista nas loitas e reivindicacións agrarias de comezos do século XX, cun canto de fondo, as palabras de Basilio Álvarez e os versos de Ramón Cabanillas. Loitas que en moitos casos remataron en traxedias como a de Cans, e que cantaría o poeta Manuel María:

O sangue do noso pobo

de roxo tinguiu o chan.

¡Povo rexo e valeroso,

de Oseira, Nebra e Sofán!

marino-del-rio-3

O noso compañeiro Raúl Soutelo, un dos organizadores do congreso que o 14 e 15 de outubro terá lugar na Casa de Cultura de Porto do Son, achegou tamén a unha parte do alumnado estes sucesos. Os corredores do instituto transfórmanse son espazos onde mostrar os fondos da biblioteca, son espazos para ensinar e aprender.

raul-cans

unnamed

O 17 de outubro, o alumnado de 1º de ESO, dentro das actividades relacionadas co proxecto sobre a Auga que desenvolverá este curso, fará unha andaina que rematará na ponte de Cans, ante a placa conmemorativa que lembra a Revolta de Nebra. Unha ponte ao pasado. O río do tempo… sobre o que contruír un futuro mellor.

Actos no centenario na lembranza da represión en Nebra

O sonense Xerardo Díaz abría a súa obra Nebra, historia dunha infamia, con estas palabras de Curros Enríquez, que ben acaen a estes tráxicos sucesos que agora lembramos:

“A morte é ás vegadas un arsenal onde se arman os povos para as grandes batallas. Hai instantes en que recordar val tanto como trunfar”.

Antonte achegabamos a información sobre o Congreso sobre a revolta de Nebra. Hoxe informámosvos dos actos que veñen de organizar os familiares e veciños das vítimas.

triptico_centenario_exterior-1

triptico_centenario_interior

Pdf: triptico-centenario

Congreso sobre movementos sociais no centenario da revolta de Nebra

O Concello de Porto do Son, Museo Marea e a Consellería de Cultura e Educación realizan o 14 e 15 de outubro, na Casa de Cultura,  o Congreso Avances historiográficos e recursos didácticos sobre movementos sociais e formas de protesta no centenario da revolta de Nebra. O noso compañeiro Raúl Soutelo é un dos coordinadores da actividade. O noso director vén de realizar esta entrada na páxina do centro, onde dá tamén noticia dunha das actividades que levaremos a cabo dende o IES.

Achegámosvos o programa:

congreso-movementos-sociais1

congreso-movementos-sociais2

Estes son os correos dos coordinadores José Manuel Vázquez Lijó e Raúl Soutelo Vázquez, por se vos queredes matricular:

quete7@gmail.com

raulsoutelo@gmail.com; raul.soutelo@usc.es