Ou por que a poesía ten menos lectores que a novela…

Resposta, atinada, provocadora, reflexiva… e moi ben escrita de Clara Tomé Mariño, de 2º de bacharelato:

Son consumidores serios de poesía os adictos a unha breve e perecedoira felicidade, inconformistas que con poucas liñas se conforman, unha especie en extinción á que ninguén protexe. Hoxe por hoxe a sociedade compóñena chimpancés sobreestimulados polas pantallas. Os emojis de corazóns e os “tk” substituíron ao Amor Cortés das cantigas medievais e levaron a que finalmente “se nubrase o sol eternamente”, a que “o mar se secase un instante” e que a “lapa do amor” de Bécquer se apagase de xeito indefinido. Cada vez menos xente fala de sentimentos e xa nin pola cabeza se nos pasa ler sobre eles en verso: son complexos e non entran nos nosos ilustrados cocos. A hermética e enigmática poesía tórnase difícil de descodificar se non se nos presenta en ceros e uns. Ás veces tamén resulta máis cómodo, aínda que sexa facer trampa, deixarlle a lectura da poesía ao nervio auditivo e non ao óptico: “The answer, my friend, is blowing in the wind” (Bob Dylan) ou “La vida es tan corta y el oficio de vivir tan difícil, que cuando uno empieza a aprenderlo, ya hay que morirse.” (Joaquín Sabina). E se lemos para evadirnos da realidade preferimos facelo durante o maior tempo posible; mellor que a fuga dure unha novela a que dure unha copla antes de ter que volver de novo ao cárcere. 

Premiados no VII Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

Onte á tardiña, na Fundación Rosalía de Castro, Clara Tomé Mariño, de 4º de ESO, e Jesús Vázquez Pajares, de 1º de Bacharaelato, recolleron o galardóns do VII Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro, que convocan a Fundación e O Corte Inglés. Nos seus poemas ofrecen unha nova mirada dos cadros de Seoane. Palabra e cor unidos.

Parabéns para eles e para os outras premiadas!! Si, premiadas: sete mozas entre os nove textos seleccionados!! Rosalía, sorría satisfeita dende un currunchiño! Seoane tamén, de seguro!

Ademais do agasallo económico, publicaranse os poemas nun libro que se presentará nun acto que terá lugar na Festa de Rosalía na Casa da Matanza o 14 de xullo. Informáronnos de que outros poemas que os nosos alumnos e alumnas presentaron a concurso quedaran como finalistas e serán tamén incluídos neste volume. O noso centro xa fora recoñecido nas edicións do 2016 e 2017! Un orgullo para nós!!

Deste concurso van saíndo novas xeracións poéticas e o galego prende nos versos con forza! Como o fixeron en Sechu, quen, coa súa voz serena foi poñendo música ao acto. El tamén lembrou a importancia dun profesor seu, Carlos Negro, na súa querencia pola poesía. E nós, sorrimos tamén.