De Coimbra, do cine, da literatura, das festas…

Recompilamos a información que o alumnado do IES de Porto do Son e o Aquis Celenis recolleu a partir dos roteiros que realizamos na viaxe conxunta a Coimbra dos clubs de lectura.

Unha fiestra aos portugueses!

http://www.authorstream.com/player.swf?fb=0&nb=1&ct=5&ap=0&c=dfdfdf&pl=as&p=2795827_635967294112873750&fi=1

More presentations from etikeles

Co Aquis Celenis en Coimbra!

Desta volta adiantamos a viaxe do club de lectura! O remate do curso vainos ter ocupados coa celebración do 20 aniversario do centro, mais a primavera foi tamén unha boa época para visitar Portugal.

Nesta ocasión, fin de semana en Coimbra!

Todos Coimbra

Atrás as boas lembranzas de Viana do Castelo, Porto e Guimarães. Un ano máis compartimos roteiros, lecturas, visitas guiadas e festa cos mozos e mozas do Aquis Celenis de Caldas de Reis, coas súas profesoras Marga e Ana. Por suposto, botamos en falta a Pedro, pero contamos con el para o ano que vén!

De camiño,  en Braga, procuramos fachadas románicas e manuelinas, esferas armilares, ruínas romanas,  xardíns con arcadas góticas, violas, mercearías, a fermosa libraría Centésima Página -recomendámovos parar a tomar algo na súa terraza- e, por suposto, a Biblioteca Municipal.

Pola tarde recibiunos o Mondego.  Percorremos as rúas procurando fados, guitarras, as lágrimas de Inés de Castro na Quinta dos seus amores con Don Pedro,  a Zeca Afonso ao pé da Sé Velha e o seu Grândola Vila Morena que nos cantaron ás profes no café que mira á igreja de Santa Cruz.

Algo de festa á noitiña, pero pouca, porque á mañá seguinte volvemos camiñar pola cidade. Baixo a atenta mirada de Don Dinis, Paulo e Branca, guías da Cámara Municipal, descubríronnos recunchos, tradicións e monumentos. Ben simpáticos, sempre tan amables os nosos veciños, contáronnos das tradicións da Universidade de Coimbra: a Festa das Latas a comezo de curso para dar a “benvida” aos caloiros; o sentimento de identidade que aporta o traxe dos estudantes, as estritas normas do seu uso -mesmo os castigos polo incumprimento- e os amores e desamores das longas capas; a vida dos estudantes nas “repúblicas”; os fados baixo as ventás das mozas; e a Queima das Fitas para pechar o ano curso. Un inesperado agasallo: na Casa dos Fados interpretaron para nós o Fado de Coimbra.

Pola tarde, Cristina recibiunos no Paço das Escolas para visitar a Universidade no que fora Paço Real. Sorprendeunos coa beleza da Biblioteca Joanina e as salas, en especial, a Sala dos Capelos. Dende a torre, a cabra había soar dende a torre do reloxo para chamar ás aulas, mais a nós, permitiunos disfrutar unha vista privilexiada sobre a cidade.

Para rematar, un novo xogo preguntando pola música, os libros, as películas, o bacallao e as palabras femosas! Pronto vos contaremos delas.

Na noite de despedida si houbo festa!

O sábado, xa de volta, ameazaba a chuvia, pero deixounos aínda pasear por Aveiro. Quen sabe se este non será o novo destino para o vindeiro ano!!!

Marga montounos este animado vídeo a ritmo de Boss Ac:

E os clubs de lectura… volvemos a Viana!

Xa van alá cinco viaxes compartidas do noso club de lectura cos amigos e amigas do Aquis Celenis de Caldas! Ana, Pedro, Marga, os mozos e mozas cos que celebramos cada final de curso!

Coma sempre, Portugal é o noso destino escollido. Desta volta regresamos a Viana, a fermosa vila que fora o primeiro destino destas viaxes partilladas.

Houbo tempo para todo: o xoves,  xogos de presentación, piscina, “piquenique”, visita guiada e contacontos na Biblioteca Municipal de Viana -obra do arquitecto Álvaro Siza-, roteiro para coñecer a vila, baile á noitiña…; o venres, visita á Casa dos Nichos e roteiro “manuelino”, subida no funicular a Santa Luzia e descanso no parque antes do regreso.

Agradecemos ao servizo de turismo da Câmara Municipal a súa atención e ao persoal da Biblioteca Municipal e da Casa dos Nichos a súa acollida!

Marga traballou na fin de semana e enviounos este vídeo co que deixamos a nosa pegada para a lembranza:

Dende Porto do Son, con menos tempo nestas épocas de memorias e burocracias escolares, achégámosvos algunhas fotiños máis:

//es.slideshare.net/slideshow/embed_code/key/eV3Cazc6XmWYER

Despedímonos así ata o próximo curso. Un descansiño ben merecido!

ferias1

Os clubs de lectura co Aquis Celenis en Guimarães

Veño de almorzar cunha “torta e um toucinho do Céu” da pastalaría Clarinha de  Guimarães. Tudo muito bom, e as tortas… de tan boas, “espantosas”!

Foi unha merecida fin de semana nesta fermosa cidade – patrimonio da humanidade, “berço de Portugal” e Capital Europea da Cultura 2012- cos clubs de lectura do noso centro e do Aquis Celenis de Caldas. Unha vez máis, na agradable compaña de Pedro e Marga e do seu alumnado. Xa compartimos con eles o grato recordo das viaxes a Viana do Castelo, ao Mosteiro de Carboeiro e a  Porto e agora, de novo, falamos de lecturas, aprendemos, xogamos, rimos, bailamos, cansamos e descansamos… Mesmo nos mollamos coma pitos!

Despois dun mes de traballo intenso -aos profes aínda nos queda, non pensedes- veu esta estupenda desconexión. As xornadas foron intensas: visita guiada por Guimarães con Emilia Cunha -a amable guía da Câmara Municipal-; xantar con xogos de presentación; visita guiada ao Paço dos Duques de Bragança – que usaban os cans como panos para limpar as mans mentres comían!- e xogo de pistas polo casco histórico da vila que deixou a algúns esgotados e a outros un tanto despistados. En todo caso, xa as relacións entre os clubs prometían unha noite divertida, de baile e boas conversas. Até con “asesores portugueses” que “axudaron” a algunhas das nosas alumnas a aprenderen os ritmos luso-brasileiros do momento. Pagou a pena durmir pouco!

Á mañá aínda deu para os doces e mercar alúns libros na Loja do Júlio. Encantador o dono. Fincamos con mágoa de non poder quedar á tertulia que cada sábado fan no segundo andar os “velhos republicanos”. Que encanto nese loca! Mas terá que ser noutra ocasión porque nos esperaba a Citânia de Briteiros.

Alá fomos. Comezamos a visita a este poboamento prerromano que inevitablemente nos lembrou ao Castro de Baroña. E se este, á beira do mar, é único, non o é menos a  Citânia, magnífico exemplo da cultura castrexa con vivendas, patios, ruelas, espazos para as asembleas… onde chegaron a vivir unhas tres mil persoas e que hoxe “habitan” orgullosos carballos e sobreiras, que nos ofreceron sombra mais que logo se tornaron en inútiles acubillos ante ao ballón que comezou a caer cando estabamos no alto. Canto rimos na baixada! Só cabía iso, rir mentres tentabamos non esvarar neses inesperados regatos que baixaban polas que foran as rúas da Citânia. Non estivo mal. Deu para facer un desfile de pixamas, zapatillas, sesións de secador… ata poder comer e tomar algo quentiño para quecer o corpo baixo o sorriso cordial da recepcionista.

Finalizamos coa visita guiada ao Museu Martins Sarmento, museo da cultura castrexa asociada á Citânia e que leva o nome do home que iniciou e promoveu as excavacións no século XIX ,un referente na arqueoloxía portuguesa. Entre moitas curiosidades puidemos admirar a Pedra Formosa, símbolo da Citânia. A moitos de nós non nos importaría ter como profe de historia ao guía que nos acompañou! Magnífico!

E así rematou esta breve pero intensa fin de semana que fixo que algúns botaran unha boa soneca na viaxe de volta.

Rut e eu agradecemos aos maiores Nerea, Alba, Nazareth, Iria, Estrella e Ángel que teñan compartido con nós lecturas e bos momentos con colacao, café, galletas e doces! Botarémosvos en falta!

Co resto, e cos que veñan novos, atoparémonos o próximo curso! BO VERÁN!!!!!

Do xogo de presentación saíu un poema colectivo improvisado que podeles ler no blog do club do Aquis Celenis e este é o vídeo que montou Marga: