Azucre

Título doce para unha novela amarga. O libro de Bibiana Candía está baseado en feitos reais que ocorreron no século XIX, cando se trasladaron a Cuba a máis de mil galegos para traballar en condicións de escravitude nas plantacións de caña de azucre. Estos feitos, descoñecidos para a maior parte do público, aparecen descritos nas cartas que enviaban aos familiares pedindo axuda. A escritora fai un relato trepidante, con frases moi curtas, que nos trasladan a esa viaxe en barco en condicións infrahumanas e a posterior escravitude nas facendas de azucre. Gustou esta lectura aos membros do club de lectura Fraga de Novio. Voltamos en maio con Emma Pedreira.

Advertisement

Descoñecidos

Despois de case dous meses de parón retomamos o club de lectura dos Furalibros cunha novela chamada Desconocidos, de David Lozano. Non foi a lectura que máis lles gustou aos membros do club, pero desde logo esta novela de intriga deunos materia para poñernos a falar sobre o uso que facemos das redes sociais, e sobre todo, do seu mal uso.

Queda pouco para o final do curso, así que tentaremos alimentar a alma e o estómago deste grupo tan xeitoso de mozas e mozos nas vindeiras xuntanzas.

Botanicum

La memoria secreta de las hojas, da botánica americana Hope Jahren, foi o centro da última xuntanza do club de lectura de adultos. Un libro que contén á súa vez, tres libros: unha autobiografía, un ensaio científico e un tratado de botánica. Hope Jahren enlaza a súa traxectoria vital e persoal ao desenvolvemento das propias plantas, mostrándonos que son seres vivos moi especiais, non tan notorios como os animais, pero con estratexias interesantes para poder sobrevivir, contribuíndo ademáis, á supervivencia da nosa propia especie. Ademáis, este é un libro onde se pon de manifesto a realidade do traballo dos científicos, e as dificultades dunha muller científica para facerse camiño.

Historias da emigración

Cando un escritor nos acompaña no club de lectura, sempre resulta do máis enriquecedor. Onte tivemos a sorte de contar con Xesús Fraga á hora de xantar e posterior sobremesa, xantar ao redor da súa novela Virtudes (e misterios). Lendo este libro, nalgún momento todos nos vimos reflexados, pois apenas hai galega ou galego que non teña unha historia da emigración na súa familia. Xesús expón ante o público a súa propia historia familiar, escrita dun xeito fermosísimo, tanto que lle valeu o Premio Nacional de Narrativa no 2021. Ademáis de emigración, as horas deron para charlar da situación do libro en galego, da propia língua, da precariedade laboral,… Un pracer moi recomendable!

Un verán de ollos verdes

Poucas novelas teñen un comezo tan impactante como o libro da escritora moldava Tatiana Tîbuleac El verano en que mi madre tuvo los ojos verdes. Un comezo brutal, cheo de odio e agresividade por parte dun adolescente cara a vida que lle tocou vivir e especialmente cara súa nai, unha nai descrita dun xeito horrendo, pero cuns fermosos ollos verdes. Escrita de xeito cruda, esta novela móstranos a dureza das enfermidades mentais, concretamente unha de dezaseis letras. Non se pode afirmar que remate ben, cada lector ten a súa propia versión, pero a sensación ao final da lectura é de tranquilidade. Lectura recomendada no alto da lista!

Setembro

Cando remata o verán, comeza o curso, e con el a nova tempada do club de lectura Fraga de novio. Neste mes de setembro adoitamos facer a primeira xuntanza, a de acollida, ben para reencontrarnos cos habituais compañeiros de lecturas ou ben, como foi nesta ocasión, para coñecer novas caras que nos van acompañar nesta tempada. Nesta primeira xuntanza fixemos un repasiño das lecturas de verán de cada un de nos, pois sempre se descubre algo interesante.

E para comezar, imos ler o libro de Tatiana Tîbuleac El verano que mi madre tuvo los ojos verdes, unha novela dura pero ao mesmo tempo adictiva.

Un pouco de filosofía

Última tarde do club de lectura Fraga de Novio. Para rematar con bo sabor de boca, despois de xantar, desprazámonos ata Rianxo para conversar e pasear con Xosé Ricardo Losada, autor do último libro da tempada, A casa xunto ao volcán, libro co cal obtivo o premio Viaducto de Novela no ano 2019.

Que interesante é poder conversar co autor da novela lida pois proporciona puntos de vista imperceptibles despois dunha primeira lectura. O autor, profesor de filosofía, ensinounos a Nietzsche en cada capítulo da súa novela. E xa que estabamos en Rianxo, aproveitamos para facer unha visita á casa-museo de Manuel Antonio, persoaxe da súa novela O rosario e a buguina.

Voltaremos en setembro con ganas de ler e desfrutar en boa compañía.

Nun principio

Nun principio… Esta frase aparece de xeito reiterado no libro de Nell Leyshon El color de la leche, un gran libro de poucas páxinas que vai poñendo final á tempada do club de lectura de adultos. Suceden as cousas ao azar ou estamos destinados? Sexa cal sexa a resposta, moitas veces coñecendo o principio, adiviñamos o final.

Unha nena pobre e analfabeta, que consegue transmitir ao lector o poder da escritura e da lectura, o poder da comunicación. Unha nena que consegue aprender a escribir e conta ao lector a súa historia, para que a entendamos, de xeito sinxelo e directo. Altamente recomendable!

Flores de ferro

Retomamos o costume, que a pandemia nos quitou, de xuntarnos cos nosos compañeiros do club de lectura irmá A Caramiña, da Pobra do Caramiñal. Xuntanza ben bonita, alegre e, desde logo, moi rica.

E para facer que a cita fora aínda máis agradable, tivemos a sorte de contar coa escritora María Rei Vilas para falar do seu libro Flores de ferro, lido polos dous clubes. Aprendemos de primeira man o que supón lanzarse á escrita, sendo profesora de bioloxía, e crear unha novela non só premiada, senón tamén desfrutada por moitísimos lectores.

Engaiolounos María sobre as historias que deron lugar á súa novela, duras moitas veces, pero necesarias que se coñezan. Historias de mulleres bravas que loitaron en tempos difíciles. Moi recomendable!

De ruta con Resistencia

Abril, mes do libro e mes no que tivo lugar a primeira ruta literaria do club de lectura “Fraga de novio”. Partindo da lectura de Resistencia, de Rosa Aneiros, alá fomos tras os pasos de Filipa e Dinís, visitando o pequeno pobo costeiro de San Pedro de Moel e o Pinhal do Rei, imaxinándonos as súas vidas como se fosen reais. Como non, a viaxe tiña como punto central a visita ao antigo cárcere de Peniche, onde agora se ubica o Museu Nacional Resistencia e Liberdade. Lamentablemente, estaba pechado por reformas, polo que nos vemos na obriga de voltar noutra viaxe para ver as testemuñas dos presos políticos que alí estiveron.

Penedo da Saudade, San Pedro de Moel
Museu Nacional Resistencia e Liberdade

Como en Portugal sempre hai cousas que ver, aproveitamos para visitar Nazaré, San Martinho do Porto, Caldas da Rainha, Alcobaça,…e como non, Óbidos, e as súas fantásticas librerías.

Mosteiro de Alcobaça
Livraría do Mercado, Óbidos

A experiencia foi moi boa, compartindo libros e viaxe, así que xa estamos pensando na próxima lectura que nos leve de ruta para o curso que vén.