O anxo negro

O club de lectura “Fraga de novio” de maoires foi moi afortunado este xoves ao compartir mesa con Manuel Gago. O escritor pobrense aceptou o noso convite para compartir xantar e charla ao redor da súa primeira obra, “O anxo negro”.

Xornalista, profesor, historiador, etc., Manuel Gago axudounos a interpretar e coñecer  tradicións galegas das que nalgún momento oímos falar ou que mesmamente puidemos vivir: as tres marías, a bruxa da aldea, o aire dos mortos… Que gran descoñecido ese patrimonio cultural galego tan antigo!

Nesta extensa novela, Gago combina ficción e realidade, deixándolle ao lector a decisión de elixir que historia ou feito é o verdadeiro, ou incluso, verdadeiro a medias. Como exemplo, esta fotografía tomada antes da guerra civil con Castelao na zona da costa da Morte, a cal ten especial relevancia no libro. Averiguamos que a fotografía existe, aínda que o sucedido cos alí fotografados xa forma parte da ficción galega.

Pouco queda para rematar este curso , pois só unha lectura está pendente. Será para xuño, e contaremos tamén co escritor, Xerardo Agrafoxo, e cos membros do noso club de lectura irmá da Pobra do Caramiñal.

A PEL FRÍA

Este é o título do último libro que lemos no club de lectura de maiores. Escrito polo catalán Albert Sánchez-Piñol, o libro logra nas súas poucas páxinas meternos de cheo nun ambiente escuro e agobiante.

A historia está protagonizada por un antigo guerrilleiro do IRA que acepta un traballo como meteorólogo nunha pequena illa do hemisferio sur, moi alonxada de calquera lugar civilizado e  visitada  moi de vez en cando por algún barco. Nestas circunstancias, coñece ao fareiro da illa, dun caracter arisco e imprevisible, e sobre todo, aos grandes protagonistas do libro, individuos dunha nova especie de anfibios humanoides que os atacan cada noite.

O debate entre os membros do clube foi moi interesante, onde se contrastaron os diferentes puntos de vista que tivemos cada un de nós deste libro, e quizáis iso foi o máis enriquecedor da xuntanza.

Comezamos tamén desta volta a compartir, en plena sobremesa, un poema. A primeira foi a poetisa portuguesa Sophia de Mello. Gracias, Sonia!