Celebramos a lectura lendo aos nenos e nenas da Ludoteca

Vén sendo vizosa a relación entre a OMIX de Porto do Son e o IES de Porto do Son. Detrás está Ana Freire, entusiasta, sempre querendo aportar aos mozos e mozas do Son, aos nenos e ás nenas, novos vieiros. Desta colaboración agromaron obradoiros de radioteatro e de expresión oral para o noso alumnado.

Agora, correspondemos. Concientes de que a educación é a lectura é un labor da comunidade.

Así pois, o xoves, dous días despois de rematar os exames e do Día do Libro Infantil e Xuvenil, un grupo de rapazas dos clubs de lectura, e Anxo, como única representación masculina!, fomos contarlles contos aos nenos e nenas da Ludoteca na Biblioteca de Porto do Son. Foi bonito ver como, en mantiñas de cores, se ían arremuiñando e escoitaban, rían, preguntaban, sinalaban… Rematamos cantando e bailando “Dime que fixeches”, o conto de Antón o preguntón que canta Migallas Teatro. UNHA TARDE BEN DIVERTIDA! Con que pouquiño que pode montar nunha biblio unha tarde de lectura!!

Os clubs de lectura en novembro

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Primeiro os máis novos con El hijo del pintor de Marinella Terzi. Con esta noveliña souberon da vida dun dos escritores máis relevantes da literatura infantil e xuvenil: Michael Ende. Esta biografía novelada é unha ponte ben fermosa a Momo, A historia interminable… Pero tamén a eses “homes grises” que penetran nos soños e nos tempos felices.

Os maiores, souberon tamén do ascenso deses homes grises con Reencontro, de Fred Ulhman. Stuttgart, 1932. A amizade entre dous mozos amantes da literatura, as viaxes, a historia ou a arte. Ata que unha diferenza irracional se instala nas súas vidas: un, xudío, o outro, un mozo da aristocracia alemá. Foi unha xuntanza ben aproveitada. Moitas caras novas. Disfrutamos da súa compaña! Para a próxima sesión, sostibilidade cos cómics de Leo!

 

Xaneiro cos clubs de lectura de alumnado

O 15 de xaneiro os benxamíns leron unha selección de novelas de Agustín Fernández Paz: Cartas de inverno, Contos por palabras, Tres pasos polo misterio, A viaxe de Gagarin, O único que queda é o amor, Corredores de sombras, Aire negro, A neve interminable, Amor dos quince anos, Marilyn e Non hai noite máis longa. Cada un deles contou o argumento do libro e algúns fixeron unha presentación PowerPoint para apoiar a exposición. Non deu tempo a moito máis porque todos se estenderon bastante nas súas exposicións e a hora fíxose curta. Son un grupo participativo e interesado. Dá gusto estar con eles!!

cLUB BENXAMÍNS 2

Cos maiores, tivemos hoxe a xuntanza. Lemos Nada, de Carmen Laforet. Está ben recuperar os clásicos. Se ben o ton gris da Barcelona da posguerra non entusiasmou a algúns, a revisión compartida foi aportando luz á novela, unha obra que foi un referente tras ter sido galardoada co premio Nadal en 1944. Asomarnos a ela, espectadores tras o papel de “espectadora” da protagonista. Degustar a escrita. Sentir as luces e as sombras dun soño perseguido. Ver fragmentos do documental La chica rara, do programa Imprescindibles de RTVE, permitiunos comprender moitas das claves construtivas da obra, tan próximas á vida da autora.

Club 1

A próxima lectura camiña cara o Día da Muller Traballadora, cunha reivindicación da revisión do papel na historia e na transmisión dos mitos da cultura occidental: a lectura de Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño.