Recursos transversais para tempos de colaboración

Comezamos. E facémolo procurando novos vieiros nos que a Biblioteca pode ser útil á comunidade educativa do noso centro. Nun deses camiños viñamos andando dende hai tempo, a creación de materiais de uso interdisciplinario.

Neste setembro tan estraño, viramos o desalento en traballo en equipo. Conscientes das necesidades do centro e dos tempos que estamos a vivir, creamos na aula virtual a sección RECURSOS TRANSVERSAIS. ITI e Hábitos e Estilos de Vida Saudable unímonos para crear unha nova colección de fichas para aprender a manexar ferramentas TIC básicas, a Colección Ferramentas dixitais (partindo do dominio educativo @ieson.gal, explicamos como entrar e saír do correo de forma segura, a configuración e as aplicacións de G. Suite, como enviar un correo, como elaborar documentos google, etc.).

Hai uns anos comezaramos elaborando o material de Ferramentas Comúns de Aprendizaxe (como facer un esquema, como elaborar e presentar un traballo, como facer unha presentación, o uso dos dicionarios...). Vimos empregándoo no TIL e nas diferentes materias, principalmente do ámbito humanístico. Decidimos renomear este material como Colección de Competencia Comunicativa e aloxalo tamén nesta nova sección, xunto coa ferramenta didáctica de educación dixital Con brillo de cometa

Neste grupo de recursos transversais recóllese ademais A roda do tempo, proposta didáctica interdisciplinaria para traballar os maios elaborada polo noso compañeiro e colaborador do equipo, David Pérez Iglesias.

Podedes consultalo na aula virtual do IES de Porto do Son, é un recurso aberto. As fichas da colección de ferramentas dixitais publícanse como documentos pdf para descargar e como imaxes co enlace para compartir.

Nisto deu este tempo de espera no que as autoridades educativas non se decidían a dotarnos dos recursos humanos necesarios, enredadas como estaban en protocolos que non acababan de protocolarizar de forma definitiva e en decisións non tomadas coa suficiente previsión.

Agora toca seguir traballando. A pesar de…. Con ilusión!