A tía Mame

Poucas veces no que levamos de club de lectura, un libro creou tal polarización. Por un lado, estamos os que amamos á adorable tía Mame, chea de extravagancias, e polo outro, están os que a atoparon esaxerada, frívola.

A tía Mame aparece na novela homónima de Patrick Dennis, pseudónimo do escritor Edward Everett Tanner III no ano 1955. Nela relátase a vida dun orfo que vai vivir cunha tía que non coñecía. E así, deste xeito, o seu mundo vólvese cheo de cores, de aventuras, de humor,… Máis dun non puido evitar rir en alto mentres lía as súas páxinas. Semella o equivalente en novela da comedia clásica norteamericana.

O coronavirus levounos a facer a xuntanza mediante videoconferencia. Nunca suplirá ás xuntanzas fronte á fronte, pero polo menos serviu para reunir a gran parte dos membros do club de lectura.

Voltamos a unha novela en galego para o proximo mes, Cabalos e lobos, de Fran P. Lourenzo.

Unha de raposos

De raposos, policías, delincuentes, anciás entrañables e valentes, ouro en lingotes,…son moitas as persoaxes que conflúen na novela do escritor finés Arto Paasilinna, O bosque dos raposos aforcados.  Esta novela xa foi lida polos nenos maiores do club de lectura do IES do Son, e agora pasou á man das súas nais e profesores.

Cunha linguaxe amena, Paasilinna dános a coñecer un cachiño da cultura e estilo de vida de Finlandia, do seu clima extremo, así como das súas extremas paisaxes. Este xeito de ser tan diferente ao noso sempre nos sorprende.

A novela ten momentos moi divertidos, pero quizáis o máis relevante sexa ese toque surrealista que tanto gustou. De feito, comezaron na conversa a surxir anécdotas, neste caso reais, das cales máis dunha encaixaría ben no libro. Aínda vai ser que non somos tan distintos os galegos dos fineses!

Foi fermosa a xuntanza. A próxima, para marzo, ímonos atrever cunha novela de medo, La piel fría.