Cómics para un verán “sen máscara”!

Hoxe comeza o verán! Abéirase esperanzador aínda que hoxe vaia un frío propio do mes de marzo. E veñen tempos de recuperar a vida, de folgar coa familia e as amizades, de pasear, de deixar que a caloriña, que ha vir, nos vaia acariñando. É o tempo de levar un libro na mochila, na bolsa da praia, de telo aí, ao carón da hamaca ou do sofá. Á sombra do parasol ou da figueira da horta.

Xa sabedes que nos entusiasma o cómic! Así que, desta volta, as nosas recomendacións para o verán son algunhas das adquisicións deste curso de banda deseñada. Premede nos enlaces para ler recencións sobre cada unha delas.

Pechamos a guía cunha narración gráfica, ou álbum ilustrado, que nos encanta sobre as LIBRARÍAS!

Mais, xa sabedes que podedes levar para o verán ata tres libros da biblio. E se aínda non vos sentides seguros para viaxar, unha boa forma é facelo a través da lectura!

Bo verán! Apañade unha boa presada de enerxía!

Hai que ler cómic!

Este trimestre estamos traballando na materia de Lingua Galega o cómic. Pregunta: gústavos o cómic? Ledes cómic? Resposta: pois non, a min non me gusta moito; é de nenos; os barbanzóns, Tintín, Axtérix… Alguén di: a min o manga; pois si, a min gústame pero non leo pouco…

E que facemos? Pois ler cómic, claro.

Autores e obras galegas, traducións ao galego de obras de relevancia intenacional. Miguelanxo Prado, Xosé Tomás, David Rubín, Taniguchi, Ardalén, Nómades, Maus, Persépole, Engurras, Fragmentos de una enciclopedia délfica, Stratos… E tamén contamos que non podemos deixar de ler El arte de volar, Blankets, Papel estrujado… E tantos outros!!!

Puxemos en común as lecturas. Comentamos viñetas, escenas, linguaxes…

A biblio ten un dos fondos de banda deseñada máis completo da zona. Vinde ler!

 

 

A arte de voar

Novela gráfica con guión de Antonio Altarriba e ilustrada por Kim (autor da serie Martínez el Facha para a revista El jueves).  A obra parte dun feito da vida de Antonio Altarriba, o suicidio do seu pai, Antonio Altarriba Lope, botándose ao baleiro dende a cuarta planta da residencia onde vivía, o 4 de maio de 2001.  A estreita relación existente entre o pai e o fillo, conformadores dunha alianza de sangue que os transformaba nun único ser, permitiulle a realización dun guión magníficamente ilustrado por Kim e que lles valería as categorías de  Mellor Obra,  Mellor Guión e Mellor  Debuxo no Salón do Cómic de Barcelona  2009, así como o Premio Nacional de Cómic de Cataluña e o Premio Cálamo “Extraordinario 2009”. Segundo a crítica,vén sendo, pola súa valía literaria e gráfica, un dos libros máis importantes dos publicados na última década.

A novela está estruturada de forma circular. O final é o que abre a obra: o suicidio de Antonio. A partir de aí a obra artéllase en catro partes que seguen un desenvolvemento espazo-temporal paralelo á caída dende a cuarta planta: a apoteose final da arte de voar.

A primeira parte, “3ª planta 1910-1931. El coche de madera”, lévanos á adolescencia de Antonio, aos primeiros desexos e ás primeiras frustracións; a  segunda, “2ª planta 1931-1949″. Las alpargatas de Durruti”, recolle a etapa da Guerra Civil e a 2ª Guerra Mundial en Francia; a 3ª, “1ª planta 1949-1981″. Galletas amargas”, céntrase na etapa da posguerra, a ditadura en España e os primeiros tempos da democracia; por último, “Suelo 1985-2001. La madriguera del top”, reproduce a renuncia, a desesperación dos derradeiros anos.

Altarriba fainos comprender  a arte de voar. Demostrada no suicidio do seu pai, un suicidio-necesidade de fuxir da realidade que lle tocou vivir que se transformou realmente nun proceso vivido durante 90 anos. 90 anos que explican a súa decisión final.

Coa fusión da primeira e a terceira persoa na narración, o autor expresa o pacto de sangue que establece co seu pai. Un pacto que se manifesta dende as primeiras páxinas e que se superpón ao pacto de chumbo da amizade. O narrador externo, o fillo, fúndese co narrador interno, o pai: “yo si sé como lo hizo”, “soy el único que puede saber como lo hizo… porque aunque no estaba allí, estaba en él”, “yo estaba en él, o quizá era él…”. Así pois, Altarriba conta cos ollos do pai, pero dende a súa perspectiva, eses segundos-noventa anos que tardou en caer.

As ilustracións de Kim conseguen ir configurando a persoa de Antonio e as súas circunstancias, de xeito que o lector séntese próximo a el, á súa mirada esperanzada, á súa desesperanza, á súa rabia contida e manifesta, á súa necesidade imperiosa de voar coutada reiteradamente polas circunstancias ao longo de toda unha vida.

E como en toda unha vida, nesta hai tempo para a dor, pero tamén para o humor, a amizade, o amor, a tenrura, as emocións…

Son especialmente fermosas algunhas imaxes preñadas de simbolismo, de claves interpretativas que se entretecen á perfección no guión: os camiños e os voos convertidos en leit-motiv, as imaxes do campo de refuxiados de Saint-Cyprien Plage, o mundo dos soños, o sumidoiro -suicidio ideolóxico do franquismo- e…, como non, a imaxe da fiestra aberta ao voo coas zapatillas de toda unha vida, proclamando a arte de voar.

Voar sobre o que foi a historia do século XX  para entender os soños que moitos homes e mulleres deixaron atrás.

Lendo a Miguelanxo Prado

Hai pouco, lendo a Agustín Fernández Paz, nun dos seus relatos, o narrador falaba de libros imprescindibles, de libros que “posúen demasiada beleza para ignoralos”. Despois das actividades levadas a cabo no centro, intuiredes xa que os cómics de Miguelanxo Prado entran dentro desta categoría, especialmente algúns deles.

Román Cerqueiro publicou xa neste blog, xunto cunha semblanza do autor, unha entrada sobre Quotidianía delirante . Ao seu carón queremos recomendarvos catro obras máis: Fragmentos de la enciclopedia délfica, Stratos, Trazo de tiza e De Profundis.

Fragmentos de la enciclopedia délfica, publicado inicialmente na revista 1984, foi o primeiro libro do autor, quen recoñeceu o seu proceso de creación como unha experiencia “irrepetible e arrebatadora”. A obra preséntanos unha posible visión da evolución  en fragmentos dunha enciclopedia que abarca máis de dez mil anos do “hipotético futuro do home”.  O contido organízase en cadros cronolóxicos que se van artellando para, dende a ordenación do fragmentario, aportar fluidez temporal. Cada un destes cadros parte de breves sínteses de carácter histórico, fórmula que o autor di tomar da obra de Asimov, Fundaciones.

A través da sutileza dos debuxos en branco e negro, nos que o lirismo e a crítica van da man, Miguelanxo Prado apunta “fragmendos” vitais que nos evocan a morte, o amor, os intereses económicos, o racismo, a amizade, a soidade, a ecoloxía, a necesidade de superación,… Verdades universais e atemporais sobre que nós, a humanidade, como especie conformadora dun tempo mítico, nos vemos empuxados a reflexionar no presente mentres contemplamos empequenecidos o ceo, a galaxia, o cosmos.

En canto a Stratos, reproduzo as palabras de X.L. Méndez Ferrín que prologan a obra para adiantar o tema: “unha reflexión sobre a dexeneración do sistema capitalista”. Ao ler este cómic un non pode evitar lembrar Fragmentos. A cuberta sintetiza a liña de contido: dous mundos enfrontados, o pasado que nos leva ás orixes do home, utópico a un tempo, e un futuro ameazante ao que se nos sinala cun dedo atemorizado.  A explotación, a loita de clases, as fendas sociais, a perda de valores absorbidos polo afán de riqueza e a deshumanización, a ditadura das máquinas, do traballo, do capitalismo, o afastamento da necesaria relación home-natureza, a imposibilidade de acadar unha globalización harmónica sen caer na inxustiza social,… son algúns dos temas que  percorren a obra.

Miguelanxo Prado cuestiona  o presente e o futuro da nosa sociedade, apela cruamente, sutilmente, mesmo debaixo dun sorriso cómplice. É o home incapaz de reaccionar ou, neste determinar “pobrezas, riquezas, consumos, producións, éticas, políticas,…”,  estamos só a prolongar unha agonía?

Os premios avalan Trazo de tiza: Premio Alph Art en Angoulême 1994, Mellor Obra  Salón do Cómic de Barcelona 1994, Mellor Libro da Asociación de Libreiros Especializados de Francia 1993, Premio de Honor do Festival de Amadora  (Portugal) 1994, Premio ao Mellor Libro do ano do Festival de Hyères (Francia) 1993, Premio da crítica ao Mellor Libro do ano en Austria, 1994.

Sírvome das palabras do autor para introducir a obra: “(…) un sitio estraño (…). Un peirao inmenso sen apenas barcos, cuberto de mensaxes en todos os idiomas, unha muller cun negocio inverosímil y un fillo un tanto enigmático… todo isto nunha diminuta illa que non figura nas cartas, coroada por un faro que non funciona”. E un viaxeiro que chega a esta illa despois dunha tormenta.

Na obra paira permanentemente, como as gaivotas, o límite entre a realidade e a irrealidade, a existencia e a ficción. Organízase en sete capítulos nos que, ao inicio ou ao final, en branco sobre negro, se recollen citas, cartas, reflexións do autor fundamentais para a comprensión da obra. Pousos de Bioy  Casares, Van Dine, Borges, Armand Silas, Tabucchi ou Chateaubriand. Chiscadelas aos criterios editorialistas, provocacións ao lector. Pecha o cómic unha homenaxe a Hugo Pratt que se incorpora ao nó argumental abrindo novos interrogantes.

Trazos de “tiza”, permanentes e cambiantes a un tempo, “retazos desprendidos do faro branco, do dique branco, da illa branca”.

Por último, De Profundis. Non é un cómic ao uso, é máis ben unha sucesión de cadros, de imaxes que van acadando movemento a partires do seu suposto estatismo. Algo semellante a un contrapunto que se traduce nunha peza musical e visualmente harmónica. A obra parte do “poema visual” que é a película do mesmo título sobre a que atoparás información na súa páxina oficial.

O protagonista, un pintor con alma de mariñeiro, transmítenos a súa fascinación polo mar, un mar no que acabará mergullado, no límite entre a realidade e o soño. A pintura, o lirismo da palabra e a música dunha Penélope que tece e destece a súa melodía, convértese no fío do que imos tirando, fascinados pola capacidade do autor para atraernos a un mundo máxico, nun periplo saudoso e melancólico, calmo e emocionante a un tempo.

Miguelanxo Prado non só é un magnífico debuxante, tamén un intenso narrador.

Naruto, de Masashi Kishimoto

Naruto é unha serie de manga creada por Masashi Kishimoto e adaptada ao anime que narra a historia dun ninja que quere converterse en hokage (máxima autoridade ninja). Naruto ten encerrado dentro do seu corpo o Kyūbi, un raposo-demo de nove colas, que destruíu a súa aldea e tiveron que encerralo dentro del para que deixase de destruílo todo. A historia principal segue a Naruto e o crecemento individual dos seus amigos, xunto á súa evolución como ninja.

Os personaxes da serie teñen habilidades especiais, e nela líbranse moitas batallas. A serie divídese en dúas tempadas: Naruto e Naruto Shippuden, que é a que está na biblioteca do noso centro. A miña recomendación é que vos animedes a ler o manga, xa que é un dos mellores que coñezo, e se vos gusta aproveitade e mirade tamén o anime.

Ramón Vázquez (2º C)

Podedes decargar os capítulos da serie de animación en galego premendo aquí.