E saímos faenar

Os distintos departamentos ímonos preparando para saír faenar. Uns a mariscar, outros á liña, ao palangre, aqueloutros ao arrastre… Na biblioteca, “veu visitarnos o mar” e botamos xa as redes. Viñeron cheas:

Agora toca comezar a escoitar, degustar, dixerir, aventurar. Co alumnado do 1º ciclo de ESO, sacaremos o rastro para procurar os nomes da flora e da fauna do mar e os das artes de pesca. E por que non, apañar tamén as voces en castelán, inglés, francés e, postos a ser universais dende Galiza, quizais tamén chinés. Ao fin e ao cabo, aos galegos os mares afastados nunca nos foron alleos. E co léxico da man, nas titorías, peneiraremos nas redes da biblioteca unha boa compaña para as viaxe, quen sabe, Vinte mil leguas de viaxe submarina, De catro a catro, De profundis ou Marinero en tierra para os menos aventureiros. O conto é “halar polo chicote” e navegar.

De Profundis

O cómic De Profundis de Miguelanxo Prado chega ao público despois de saír a película co mesmo nome, unha experiencia visual que fusiona a pintura, ao óleo dotada de movemento, con música do compositor Nani García.

Eu clasificaría este cómic-álbum, dentro do xénero fantástico, cun fondo moi romántico.

O seu argumento é sinxelo, trata sobre un pintor e unha violenchista que viven xuntos nunha casa no medio do mar. O pintor, que é un apaixonado do mar, vai de pesca cos mariñeiros e mentres eles faenan, el pinta. Un día teñen un naufraxio. O pintor esperta nas profundidades mariñas e descobre, da man dunha serea, que o mundo submariño é o mesmo que el imaxinara nas súas pinturas fantásticas. Pasa a formar parte dese mundo fantástico co que soñara mentres a súa muller toca incansable e melancólica, na espera constante.

Salientaría como tema principal o poder da imaxinación e o amor eterno entre os homes e a natureza, e tamén o amor pola música, que calma o espírito intranquilo.

É un cómic moi recomendable polas súas magníficas ilustracións e pola profundidade da súa mensaxe. Tamén aconsello a visualización do filme, que é como unha viaxe ao fondo do mar, unha historia de amor coma un soño animado.

Sofía Fajardo, 3ºA

Lendo a Miguelanxo Prado

Hai pouco, lendo a Agustín Fernández Paz, nun dos seus relatos, o narrador falaba de libros imprescindibles, de libros que “posúen demasiada beleza para ignoralos”. Despois das actividades levadas a cabo no centro, intuiredes xa que os cómics de Miguelanxo Prado entran dentro desta categoría, especialmente algúns deles.

Román Cerqueiro publicou xa neste blog, xunto cunha semblanza do autor, unha entrada sobre Quotidianía delirante . Ao seu carón queremos recomendarvos catro obras máis: Fragmentos de la enciclopedia délfica, Stratos, Trazo de tiza e De Profundis.

Fragmentos de la enciclopedia délfica, publicado inicialmente na revista 1984, foi o primeiro libro do autor, quen recoñeceu o seu proceso de creación como unha experiencia “irrepetible e arrebatadora”. A obra preséntanos unha posible visión da evolución  en fragmentos dunha enciclopedia que abarca máis de dez mil anos do “hipotético futuro do home”.  O contido organízase en cadros cronolóxicos que se van artellando para, dende a ordenación do fragmentario, aportar fluidez temporal. Cada un destes cadros parte de breves sínteses de carácter histórico, fórmula que o autor di tomar da obra de Asimov, Fundaciones.

A través da sutileza dos debuxos en branco e negro, nos que o lirismo e a crítica van da man, Miguelanxo Prado apunta “fragmendos” vitais que nos evocan a morte, o amor, os intereses económicos, o racismo, a amizade, a soidade, a ecoloxía, a necesidade de superación,… Verdades universais e atemporais sobre que nós, a humanidade, como especie conformadora dun tempo mítico, nos vemos empuxados a reflexionar no presente mentres contemplamos empequenecidos o ceo, a galaxia, o cosmos.

En canto a Stratos, reproduzo as palabras de X.L. Méndez Ferrín que prologan a obra para adiantar o tema: “unha reflexión sobre a dexeneración do sistema capitalista”. Ao ler este cómic un non pode evitar lembrar Fragmentos. A cuberta sintetiza a liña de contido: dous mundos enfrontados, o pasado que nos leva ás orixes do home, utópico a un tempo, e un futuro ameazante ao que se nos sinala cun dedo atemorizado.  A explotación, a loita de clases, as fendas sociais, a perda de valores absorbidos polo afán de riqueza e a deshumanización, a ditadura das máquinas, do traballo, do capitalismo, o afastamento da necesaria relación home-natureza, a imposibilidade de acadar unha globalización harmónica sen caer na inxustiza social,… son algúns dos temas que  percorren a obra.

Miguelanxo Prado cuestiona  o presente e o futuro da nosa sociedade, apela cruamente, sutilmente, mesmo debaixo dun sorriso cómplice. É o home incapaz de reaccionar ou, neste determinar “pobrezas, riquezas, consumos, producións, éticas, políticas,…”,  estamos só a prolongar unha agonía?

Os premios avalan Trazo de tiza: Premio Alph Art en Angoulême 1994, Mellor Obra  Salón do Cómic de Barcelona 1994, Mellor Libro da Asociación de Libreiros Especializados de Francia 1993, Premio de Honor do Festival de Amadora  (Portugal) 1994, Premio ao Mellor Libro do ano do Festival de Hyères (Francia) 1993, Premio da crítica ao Mellor Libro do ano en Austria, 1994.

Sírvome das palabras do autor para introducir a obra: “(…) un sitio estraño (…). Un peirao inmenso sen apenas barcos, cuberto de mensaxes en todos os idiomas, unha muller cun negocio inverosímil y un fillo un tanto enigmático… todo isto nunha diminuta illa que non figura nas cartas, coroada por un faro que non funciona”. E un viaxeiro que chega a esta illa despois dunha tormenta.

Na obra paira permanentemente, como as gaivotas, o límite entre a realidade e a irrealidade, a existencia e a ficción. Organízase en sete capítulos nos que, ao inicio ou ao final, en branco sobre negro, se recollen citas, cartas, reflexións do autor fundamentais para a comprensión da obra. Pousos de Bioy  Casares, Van Dine, Borges, Armand Silas, Tabucchi ou Chateaubriand. Chiscadelas aos criterios editorialistas, provocacións ao lector. Pecha o cómic unha homenaxe a Hugo Pratt que se incorpora ao nó argumental abrindo novos interrogantes.

Trazos de “tiza”, permanentes e cambiantes a un tempo, “retazos desprendidos do faro branco, do dique branco, da illa branca”.

Por último, De Profundis. Non é un cómic ao uso, é máis ben unha sucesión de cadros, de imaxes que van acadando movemento a partires do seu suposto estatismo. Algo semellante a un contrapunto que se traduce nunha peza musical e visualmente harmónica. A obra parte do “poema visual” que é a película do mesmo título sobre a que atoparás información na súa páxina oficial.

O protagonista, un pintor con alma de mariñeiro, transmítenos a súa fascinación polo mar, un mar no que acabará mergullado, no límite entre a realidade e o soño. A pintura, o lirismo da palabra e a música dunha Penélope que tece e destece a súa melodía, convértese no fío do que imos tirando, fascinados pola capacidade do autor para atraernos a un mundo máxico, nun periplo saudoso e melancólico, calmo e emocionante a un tempo.

Miguelanxo Prado non só é un magnífico debuxante, tamén un intenso narrador.