“Anagnórise” con Limiar Teatro, no ronsel das Letras!

Seguimos co ronsel das Letras! Ás lecturas, ao traballo da exposición, ao radioteatro, á folidada e á Historia de amor de Serafín Marcos, engadimos o teatro!

O alumnado de 3º e 4º de ESO leu este trimestre Anagnórise, en 3º mesmo fixeron guións de radio para un programa sobre libros no que os convidados foron María Vitoria Moreno e os protagonistas da obra, Nicolau e Xulia (pronto os gravaremos para Onda Perseveira). E hoxe, na Casa de Cultura, asistiron á adaptación escénica que Limiar Teatro fixo da obra. A actividade foi promovida pola Editorial Galaxia como homenaxe á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, así como a adaptación escénica de Leonardo e os fontaneiros á que asistiron os máis novos do instituto no mes de abril.

Limiar Teatro achegounos á obra de María Vitoria Moreno, cunha proposta novidosa e divertida, na que incorpora a linguaxe audiovisual, as novas tecnoloxías e a música para atraer un público que, na súa xuventude, se mostra polo común esixente e ao que é difícil sorprender. A escenografía, o fragmentarismo na escolla de elementos da obra, complementan a lectura desa Anagnórise que interpela o lector novo, a moza e o mozo que están a procurarse a si mesmo. Limiar Teatro soubo recoller a vixencia desta novela que hoxe segue a gañar lectores!

Estas son algunhas das opinións do noso alumnado:

“Pareceume divertida e interesante, explica moi ben todo o que acontecía na novela. Empregaban unha linguaxe sinxela e comprensible. (…) Os actores fixéronnos rir moito. A ocorrencia de poñer o coche no escenario foi atraente” (Ana)

“A obra pareceume divertida, interactuaron moi ben co público e calquera podía entendela” (Alén)

“Ao comezo (…) pareceume que non era moi boa, pero a medida que ía transcorrendo a obra, fíxose moi entretida. Os actores só precisaron o teito e a porta dun coche, uns focos e unha mesa de sons. Ademais, a participación do público fixo que esta representación conseguise alcanzar o punto humorístico que todos esperabamos” (Iria)

“A obra foi moi dinámica, divertida e variada. Non só se centraron no libro. Foi moi orixinal pois os actores presentaban as súas opinións e tamén tocaban a guitarra e bailaban, facendo que o público participase” (Rita)

“Na obra representaron escenas de Anagnórise, pero con gracia; iso gustoume(…) Foron moi astutos utilizando frases do libro e combinando elementos tecnolóxicos.” (Eloi)

“Gustoume, sobretodo, a posta en escena que daba a impresión de espazo acolledor, grazas aos cambios nas luces e trasladaba o espectador á viaxe en coche de Xulia e Nicolau. Paréceme inxeniosa a idea que tiveron os actores de colocar unha porta e o teito do coche no escenario. Ambos os actores, que nos fixeron vivir esta obra dunha forma máis intensa, son xeniais, ademais os dous son músicos e cantaban que daba gusto. Unha das cousas que non me convenceu foi o feito de que a obra de teatro se baseara nos diferentes comezos cos que abrir o espectáculo”. (Clara)

“Gustoume moito a obra xa que é moi orixinal. Contaba a historia do libro dunha forma divertida. ” (María)

Cando o alumnado de 1º de ESO asistiu á representación de Leonardo e os fontaneiros por Ubu Teatro estabamos coa migración de contidos do blog antigo a este. Aquela actividade publicámola na páxina do centro. Podedes lembrala aquí.

Serafín Marcos pregunta: Que Manuel María?

sera1

sera

Como fixera en anos anteriores, Serafín Marcos achegounos ao escritor homenaxeado nas nosas letras no 2016. Agradecemos á nosa compañeira Mariola a reseña sobre a actividade:

cartel serafin“Para conmemorar o Día das Letras Galegas o mércores 18 de maio recibimos no noso instituto a Serafín Marcos  co seu espectáculo  Que Manuel María? 

Unha vez máis, desde a súa mirada lúdica, conseguiu atraer a todo o alumnado de 3º de ESO amosándolle por medio de adiviñas, poemas e xogos a vida e a obra do poeta. E sobre todo logrou, a través dunha viaxe por diversos continentes e distintos poemas, facer que todos se sentiran orgullosos de seren galegos. Repetindo as verbas de Manuel María :

 

 Galicia somos nós:
a xente e mais a fala.
Si buscas a Galicia
en ti tes que atopala!”

sera3

Manuel María, profesional da palabra pero sen soldada

Este é o título da charla á que asistimos esta mañá na Biblioteca Municipal do IES de Porto do Son e que impartiu a pedagoga, profesora e escritora Concha Blanco. Explicounos o que supuxo e supón o Día das Letras Galegas e falounos con entusiasmo de Manuel María. Da súa vida; dos silencios que a represión sobre o uso da lingua galega provocou nel -e dos berros de denuncia-;  do que lle tería gustado estudar no canto das leis; da súa obra; da época difícil que lle tocou vivir…  e dos recoñecementos que recibiu e está a recibir.

Concha Blanco 1

Leu para nós o seu:

Carné de identidade
Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.

Agora son un namorado.

Eu son Manuel María,
cantor da Terra Chá que algúns din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.

Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.

Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
un son tan só, lonxano e feble.
Documentos personaes (1958)

De verso en verso, de anécdota en anécdota… fomos indo da súa man ata o un colofón poético que veu envolto nunha caixiña de música que seica veu de Bolonia!

Quedámonos con dúas recomendacións de lecturas que sumar nestes días ás do poeta de Outeiro de Rei: O tempo vital de Manuel María –un estudo de Camilo González Torres- e unha obra da propia Concha Blanco e María Canosa, Será correcto? – unha guía para o día a día para maiores e pequenos que parte da experiencia das aulas-.

PortadaOtempovital

9788494439667

En galego falo, en galego sinto… e O arco da vella

Hai uns días Silvia agasallounos decorando o Taboleiro da Lingua con bicos e palabras fermosas como as da canción de Brinca Vai de Meu o mundo é!EN GALEGO FALO, EN GALEGO SINTO!!!!

Taboleiro da lingua

Esta semana recibiunos co  “arco da vella” e foi quen de retirar para nós a chuvia de maio cos versos de Manuel María!!! Grazas Silvia!!

O arco da vella 2

O arco da vella

 

 

Manuel María, Letras Galegas 2016

Pasada a Semana Cultural, xa en maio, entramos no Mes das Letras. Son estes bos días para coñecer a Manuel María, para ler as súas obras, recitar e rapear os seus poemas, ilustralos… Para mostra, as ilustracións e recitados do club de lectura dos máis novos e que estamos a utilizar nas aulas de 1º e 2º de ESO:

Á espera do material elaborado polos centros que integramos a Coordinadora de ENDL do Barbanza, achegámosvos unha selección de recursos coa que poderedes participar nesta celebración, algúns deles tomados da Coordinadora Galega de ENDL.

Por suposto, o telexornal do CPI dos Dices de Rois:

Pincha no retrato de Manuel María para acceder aos recursos didácticos que ofrece a Real Academia Galega:

MMaría

Páxina da Fundación Manuel María. Alí podedes afondar na biografía e na súa obra; aos máis novos gustaravos a unidade didáctica para traballar os poemas de Os soños na gaiola e As rúas do vento ceibe -“O semáforo”, “O señor galo”, “O sol”, “A lúa”, “O arco da vella”, “O soñador”, “O lume novo”, “O muíño” e “O meu burriño”-; audios de poemas musicados de distintas obras…

Unidade didáctica Ferrados de corazón, fanegas de alma para alumando de ESO da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da ASPG, da CIG e da Mesa pola Normalización Lingüística.

Da Biblioteca do IES Sampaio de Tui, Manuel María, poeta do amor:

//e.issuu.com/embed.html#0/33436766

Día das Letras Galegas: Xosé María Díaz Castro

Un ano máis celebramos o Día das Letras Galegas. Lembramos o labor literario e de compromiso coa lingua do poeta Xosé María Díaz Castro. Como vén sendo habitual, o o alumnado do CPI dos Dices (Rois, A Coruña), baixo a dirección de Luís Aldegunde, achéganos o seu telexornal dedicado á figura homenaxeada. Magnífico traballo o que veñen realizando! Pero hai moito máis material que os centros e as institucións públicas e privadas foron elaborando para promover o coñecemento do autor. Podedes consultalo nestes enlaces das páxinas da Coordinadora Galega de ENLD e de Bibliotecas Escolares (Díaz Castro I, Díaz Castro II):

E un pouco máis movidiño, dende o IES Poeta Díaz Castro, Guitiriz (Lugo):

E para ler os seus poemas e sobre el, bótalle unha ollada a esta páxina da Xunta.