Libros pendurados para o Día do Libro

Coa Covid os libros non se poden expoñer nos corredores do centro. Non é posible pasalos de man en man; non cabe sentar a carón e lelos ben aconchegados… Este virus veu marcar unha liña invisible de distancia que ten do outro lado a nosa saúde. A saúde do alumnado.

Así pois… como facelos visibles sen que sexa a través do blog ou as redes? Como interpoñelos nas miradas?

Enriba. Aí, si. Pendurados do teito. Libres de seren manipulados con risco, mais convidadores…

Acompañan o fermoso cartel do Día do Libro 2021 que nos enviaron do Ministerio de Cultura e Deporte!

Coas mans nos xeonllos, coa ilustradora Sonia Pulido, achegámonos. Levadas da man dos versos de Francisco Brines, “ulimos un xazmín na infancia unha tarde e non existiu a tarde”.

Vinde ás bibliotecas. Atoparedes un libro que faga que as horas deixen de existir.

Novidades etikeles para o Día do Libro

23 de abril, Día do Libro. Un ano máis no contexto da Covid-19. Protocolos estritos para evitar o contaxio, para coidanos e protexernos.

Dende o equipo de biblioteca do IES de Porto do Son achegamos outra medicina, esta para a alma, para o sentir, para os tempos de silencio e as lecturas compartidas…

Posoloxía: ha de consumirse como mínimo unha vez ao día. En calquera momento: co almorzo, co xantar, coa merenda… ;a media mañá, a media tarde…; mesmo antes de deitarse…

Onde a podes conseguir: no noso blog, na lapela de Novidades…. e, por suposto, na nosa biblioteca!

Modo de uso: tras entrar no blog de Novidades, preme na imaxe para saber máis do libro. Tamén podes facer as procuras por temas de interese.

Feliz Día do Libro!!!!