Retomamos o club de lectura!

DSC09114

Retomamos un ano máis as actividades do Club de Lectura dos maiores. Botamos en falta nesta primeira reunión a Daniel, Claudia, Fran, Pablo, Sandra e Rocío que andan xa incorporados aos estudos universitarios – e á movida que acompañan as horas de esforzo, seguro!- pero seguimos contando con Iria, Estrella, Alba, Sandra, Ángel, Nerea e Sara, e temos novas incorporporacións: Miriam, Rocío, Lúa, Alejandra e Antía. De seguro, alguén se irá achegando ao longo do curso.

Grazas a todas e a Anxo – este ano o único chico- por acompañarnos nestas sesións de libros, cine, café, colacao e galletas! Un pracer!

Pois ben, comezamos cunha proposta diversa en xénero arredor do tema dos movementos migratorios: cine, álbum ilustrado, cómic, poesía e relato.
welcome_cartel                                                           emigrantes



nómades

 

geografias-mario-benedetti

 

 

 

 

 

Emigrantes

De novo, agradecemos unha colaboración. Vén de fóra do centro, esta vez de parte de Ana Isabel Mateos Vara, bibliotecaria e vencellada “afectivamente” ao centro.

Con Emigrantes, o ilustrador e debuxante de orixe australiana Shaun Tan, cóntanos, a través de imaxes de gran beleza, dentro dun estilo hiperrealista, a dificultade da vida do emigrante, o impacto que lle supón a inmersión nunha cultura, nun mundo e nuns espazos que non son os seus. O cómic de Tan está realizado con gran elegancia, sen palabras e plasmando en imaxes a sensación de soidade do emigrante, mediante o contraste entre unha realidade presentada de forma case fotográfica e unha fantasía desbordante. O emigrante sae dunha existencia gris para entrar nunha cidade máxica, onde a imaxinación reborda visualmente, ao tempo que supón unha serie de códigos indescifrables para el. O hiperrealismo fotográfico, con eses tons sepia que lembran as antigas fotografías daqueles que chegaban a América a principios de século, oponse así ás arquitecturas imposibles que beben directamente do universo de As Cidades Escuras de Schuiten e Peeters, ou a criaturas imposibles que recordan as faunas fantásticas de Miyazaki ou Dave McKean. Un estilo coidado no que a narración gráfica e a ilustración se van alternando nun equilibrio case perfecto. Shaun Tan impactoume en Emigrantes, que vén de ser editado, primorosamente, por Barbara Fiore Editora. Shaun Tan, “O australiano”, é un dotado artista, cunha impresionante habilidade camaleónica, que lle permite variar o seu estilo en cada novo traballo, pero sempre dende unha maxistralidade e un profundo dominio da técnica. Obras como La cosa perdida ou El árbol rojo, publicados pola mesma editorial, son bos exemplos.

A priori, un argumento no que é difícil evitar os tópicos manidos, pero que multiplica a súa complexidade cando o que se quere é transmitir esta mensaxe a un neno.

Tan consegue unha historia universal, perfecta para un neno, pero tremendamente evocadora para o lector adulto, que disfrutará igualmente con ella.

Unha obra dunha beleza exuberante, recomendabilísima.