Charlando e entrevistando a Francisco Castro

Xa falamos da charla que Francisco Castro  deu no noso centro aos alumnos e alumnas de 1º de ESO sobre a súa obra Chamádeme Simbad, no marco das actividades que vimos realizando en torno ao mar.  Daquela ficáramos moi satisfeitos. Os rapaces participaron activamente e disfrutaron do encontro co autor e nós, os profes, asistimos con agrado ao que foi un discurso ameno -mesmo divertido-, cercano, receptivo e xeneroso. Había detrás o bo facer dun mestre, dun home adicado á creación literaria e á promoción da lectura a través da entrega cotiá que supoñen compromisos como a presidencia de GALIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Ese día todos fomos  Simbad e Alicia no País das Marabillas e  pasamos a vivir nese “disparate da fantasía” que felizmente  atopamos nos libros.

Dende o equipo de biblioteca temos o pracer de facervos chegar a montaxe en vídeo realizada polo noso compañeiro David Pérez e Soncine a partir do traballo de gravación da alumna Iris Pérez e da entrevista de  Antía Piñeiro e Rebeca Corrales. Xa quixeran moitos xornalistas de oficio atinar deste xeito no preguntado!

Francisco Castro no IES de Porto do Son from SonCine on Vimeo.

Vai de concursos…

As vacacións tamén poden ser un bo momento para ver as cousas con perspectiva…

– E por que non aproveito aquel traballo que me mandaron nas clases de lingua para presentalo a un certame literario?

– E se lle fago unha entrevista ao meu veciño, que ten moito que contar, e presento o resultado a ese concurso de novos xornalistas?

– E se chegou a hora de deixar que me lean todos eses poemas e relatos… que escribo na intimidade e acostumo a deixar baixo sete chaves ben pechadiños e ocultos?

– Anda, pero se aquí piden debuxos, fotografías e vídeos e eu teño unha chea deles?

A que agardades?

LITERATURA

XVIII Certame Literario Concello de Cambre 2011

  • Poesía e narración breve
  • Ámbito: alumnado de 12 a 14 anos (Categoría A), de 15 a 18 (Categoría B) e de 19 a 26 (Categoría C)
  • Prazo: 28 de abril de 2011
  • Premios: na Categoría A haberá un 1º premio de 230€ e un 2º de 170€ e na Categoría B un 1º premio de 290€ e un 2º de 200€
  • Convocan: os Equipos de Normalización Lingüística e os Dptos. de Lingua Galega dos IES Afonso X e David Buján, as ANPAS e a Concellería de Cultura do Concello de Cambre
  • Bases: páxina do IES David Buján de Cambre

V Certame de Poesía Xosé A. Barral

  • Poesía
  • Ámbito: alumnado de ESO e Bacharelato (dúas categorías)
  • Prazo: 29 de abril de 2011
  • Premios: dous premios de 125 € e diploma para o poema gañador de cada categoría
  • Convoca: Biblioteca e Dpto. de Música do IES As Bizocas
  • Bases: blogue Caderno de Lingua

VII Certame Literario “A Caramiña”

  • Relatos Curtos de Intriga
  • Ámbito: alumnado de 1º e 2º da ESO (Gamela), 3º e 4º da ESO (Dorna) e Bacharelato e ciclos (Paquebote) dos IES do Barbanza
  • Prazo: 11 de maio de 2011
  • Premios: un premio por categoría de 125€ (Gamela), 150€ (Dorna) e 180€ (Paquebote).
  • Convoca: IES da Pobra do Caramiñal
  • Bases: blogue da Biblioteca do IES Leliadoura (Ribeira)

V Certame de Poesía Xela Arias

  • Poesía
  • Ámbito: alumnado de 12 a 15 anos (Categoría A) e de 16 a 20 anos (Categoría B)
  • Prazo: 27 de maio de 2011
  • Premios: na Categoría A haberá un 1º premio de 150€ e un 2º de 100€ e na Categoría B un 1º premio de 200€, un 2º de 150€ e un 3º de 100€.
  • Convoca: Equipo de Normalización Lingüísitica do IES A Sangriña da Guarda
  • Bases: blogue Revolta da Freixa

PRENSA

VIII Concurso Escolar Mellor Xornalista Xuvenil (activo)

  • Entrevista (maqueta)
  • Ámbito: alumnado de educación secundaria
  • Prazo: 30 de abril de 2011
  • Premios: 1.º premio, un Ipad; 2.º premio, un MP5 de 8 GB; e 3.º premio, unha cámara de fotos dixital.
  • Convoca: Programa Prensa-EScola da Voz de Galicia
  • Bases: páxina do Programa Prensa-Escola ou, se che dá problemas, na páxina da Concellaría de Xuventude de Vigo.

EXPRESIÓN LIBRE

Concurso A túa casa

  • Expresión libre (aberto a calquera tipo de expresión creativa, como redacción, debuxo e pintura, fotografía, vídeo, tecnoloxías de información… Poderán concursar alumnos e alumnas a título individual ou grupos.
  • Ámbito: alumnado de 3º e 4º da ESO
  • Prazo: 28 de abril de 2011
  • Premios: o/a alumno/a gañador/a será premiado cun ordenador e un lote de libros; os finalistas cun lote de libros e un equipo portátil de audio; cada aula das persoas gañadoras cunha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, na data que decida o centro; cada centro escolar cun equipo completo de Smart Board (encerado dixital); e o docente cun ordenador portátil.
  • Convoca: Parlamento de Galicia
  • Bases: páxina do Parlamento