Comeza a función!!!

Andabamos o curso pasado arredor dos planetas, pendurados da lúa e o sol, viaxando polo espazo seguindo o ronsel dos cometas e botabamos en falta sumarnos á homenaxe a Vidal Bolaño e ao mundo do teatro. Así pois, retomamos o fío, tiramos do adival e recuperámolo para o que queda de curso. Lecturas e proxectos para traer ao alumnado o engado que se agocha na escena, na palabra, nos silencios, no riso e no drama… O teatro da vida! Para ler, para escenificar, para aprender, para formar, para asentar valores, para fuxir da realidade ou achegarse a ela.

Traxes, monicreques, máscaras, cartaces anunciando representacións e libros enchendo os corredore! Os personaxes óllannos tras as máscaras baixo a mirada atenta dunha María Casares e dun Vidal Bolaño habitantes da patria do teatro.  E como non, imposible esquecer a voz de Manuel Olveira “Pico” ecoar no centro a carón da dos mozos e mozas que hai xa uns anos rodaron Mar. 

Ao  material da biblioteca, únese o realizado nas aulas. Mais, sen dúbida, o protagonismo teno o “atrezo” que nos cederon xenerosamente o Centro Dramático Galego e a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, imprescincible para compoñer os escenarios e facer voar a nosa imaxinación.

É o marco que ha de acoller lecturas dramatizadas, obradoiros, representacións e charlas con autores na Semana Cultural. Unha FUNCIÓN que comezará o 4 de abril coa Festa da Lectura e a inauguración dunha exposición paralela na Casa de Cultura coas que conmemoraremos o Mes do Libro -actividades de dinamización coordinadas pola nosa biblioteca e nas que colaboran unha boa parte dos centros educativos do concello e a biblioteca municipal-.

Esta multidisplinar “posta en escena” terá o seu peche triunfal no instituto o 11 de abril coas actuacións preparadas polo alumnado!

ÉRGUESE O PANO!!