Comeza a función!!!

Andabamos o curso pasado arredor dos planetas, pendurados da lúa e o sol, viaxando polo espazo seguindo o ronsel dos cometas e botabamos en falta sumarnos á homenaxe a Vidal Bolaño e ao mundo do teatro. Así pois, retomamos o fío, tiramos do adival e recuperámolo para o que queda de curso. Lecturas e proxectos para traer ao alumnado o engado que se agocha na escena, na palabra, nos silencios, no riso e no drama… O teatro da vida! Para ler, para escenificar, para aprender, para formar, para asentar valores, para fuxir da realidade ou achegarse a ela.

Traxes, monicreques, máscaras, cartaces anunciando representacións e libros enchendo os corredore! Os personaxes óllannos tras as máscaras baixo a mirada atenta dunha María Casares e dun Vidal Bolaño habitantes da patria do teatro.  E como non, imposible esquecer a voz de Manuel Olveira “Pico” ecoar no centro a carón da dos mozos e mozas que hai xa uns anos rodaron Mar. 

Ao  material da biblioteca, únese o realizado nas aulas. Mais, sen dúbida, o protagonismo teno o “atrezo” que nos cederon xenerosamente o Centro Dramático Galego e a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, imprescincible para compoñer os escenarios e facer voar a nosa imaxinación.

É o marco que ha de acoller lecturas dramatizadas, obradoiros, representacións e charlas con autores na Semana Cultural. Unha FUNCIÓN que comezará o 4 de abril coa Festa da Lectura e a inauguración dunha exposición paralela na Casa de Cultura coas que conmemoraremos o Mes do Libro -actividades de dinamización coordinadas pola nosa biblioteca e nas que colaboran unha boa parte dos centros educativos do concello e a biblioteca municipal-.

Esta multidisplinar “posta en escena” terá o seu peche triunfal no instituto o 11 de abril coas actuacións preparadas polo alumnado!

ÉRGUESE O PANO!!

A Festa da Lectura e a Guía de Lectura de Nadal en TV 27 Barbanza

A Festa da Lectura e a Guía de Nadal na TV 27 Barbanza.

Detrás, moito esforzo -que se acusa no cansazo destes días- e unha ilusión compartida cos profesores dos centros que colaboran neste proxecto. Hoxe, a decepción dunha nova “rebaixa” no soldo, un 7% co que se nos recoñece todo o traballo fóra de horas que vimos realizando. Medidas como esta rematan coa ilusión e alegría das caras dos nenos e nenas que asistiron á Festa.

A pesar disto, é importante para nós que estas iniciativas se coñezan. Grazas á TV27 por recoller a noticia.

BO NADAL!

As imaxes da Festa da Lectura

Deu o seu traballiño, pero é para nós un pracer ir tecendo redes de colaboración e afectos arredor da lectura. Non hai maior satisfacción para todos que andamos empeñados nisto de “mellorar” as bibliotecas escolares que ver o sorriso dos pequeniños dos coles ao escoitar un conto! E ao contalo, cantalo ou bailalo! Imos facendo camiño…

Este é un resumo en imaxes da primeira Festa da Lectura dos coles de Porto do Son, agradecemos ao noso compañeiro  David o tempo adicado para que agora o poidamos ver:

 

Presentación da Guía de Nadal

Onte presentamos a Guía de Nadal e celebramos a Festa da Lectura. Os nenos e nenas de infantil e primeiro ciclo de primaria dos colexios participantes na selección das lecturas encheron o salón de actos do concello.  Dona Asunción Torres,  concelleira de cultura e educación, salientou os beneficios da lectura e puxo en valor o traballo realizado polos centros educativos neste ámbito.

Da man de Ánxel e Rocío, e da mirada de Katsuma detrás da cámara, comezamos a FESTA. Grazas á Editorial Xerais pasamos un rato ben divertido co contacontos Iago López e disfrutamos cos bailes e as cancións dos alumnos e alumnas de Nebra e Campanario. Na entrada do salón puidemos ver unha exposición con todos os libros que recomendamos.

Aquí podedes ver as fotos:

Con este vilancico da actuación do cole de Nebra, desexámosvos
Bo Nadal e Boas Lecturas!

LECTURAS DE LUXE na FESTA DA LECTURA

O luns 19, na Casa da Cultura de Porto do Son, presentamos a GUÍA DE NADAL 2011-2012 e celebramos a FESTA DA LECTURA! Este curso, quixemos dar un paso máis neste proxecto colaborativo entre a Biblioteca Municipal “Xerardo Díaz Fernández”, as EEI de Caamaño e Carballosa, os CEIP de Campañario, Portosín e Queiruga e o IES de Porto do Son. Máis alá da nosa proposta de lecturas para o Nadal, pretendíamos aproximar a lectura e festexala.

//e.issuu.com/embed.html#1399044/5714719

Detrás está apoio económico do concello e o esforzo das persoas que levamos a cabo a actividade: do bibliotecario municipal, dos profesores e profesoras dos centros e de Alfonso Pérez – do departamento de plástica do IES  de Porto do Son-. Mais, nesta ocasión, súmanse a nós todos os alumnos e alumnas que participarán na presentación da guía e  a Editorial Xerais, que nos permitirá disfrutar dos contos contados por Iago López.

O equipo da biblioteca do Instituto agradece a todos este traballo compartido. Sabemos da necesidade da presenza da lectura na sociedade como fonte de pracer e de información: a lectura nos centros, a lectura nas casas, a lectura nos espazos públicos e privados. Este era e é o principal obxectivo. Pero, máis alá deste fin inicial, tiramos do fío para crear redes afectivas de cara a novos proxectos pedagóxicos que permitan involucrar a toda a comunidade educativa. Imos sementando esperando que a colleita sexa boa.

Eis a nosa selección:

Lecturas de Luxe

“De Luxe” os perfumes, os xoguetes, os bombóns… Por que non, as lecturas?

//e.issuu.com/embed.html#1399044/5681659