Charlando e entrevistando a Francisco Castro

Xa falamos da charla que Francisco Castro  deu no noso centro aos alumnos e alumnas de 1º de ESO sobre a súa obra Chamádeme Simbad, no marco das actividades que vimos realizando en torno ao mar.  Daquela ficáramos moi satisfeitos. Os rapaces participaron activamente e disfrutaron do encontro co autor e nós, os profes, asistimos con agrado ao que foi un discurso ameno -mesmo divertido-, cercano, receptivo e xeneroso. Había detrás o bo facer dun mestre, dun home adicado á creación literaria e á promoción da lectura a través da entrega cotiá que supoñen compromisos como a presidencia de GALIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Ese día todos fomos  Simbad e Alicia no País das Marabillas e  pasamos a vivir nese “disparate da fantasía” que felizmente  atopamos nos libros.

Dende o equipo de biblioteca temos o pracer de facervos chegar a montaxe en vídeo realizada polo noso compañeiro David Pérez e Soncine a partir do traballo de gravación da alumna Iris Pérez e da entrevista de  Antía Piñeiro e Rebeca Corrales. Xa quixeran moitos xornalistas de oficio atinar deste xeito no preguntado!

Francisco Castro no IES de Porto do Son from SonCine on Vimeo.

Chámademe Simbad

Dentro das lecturas que no centro estamos a facer sobre o tema do MAR, o alumnado de 1º de ESO leu na materia de Lingua Galega a obra Chamádeme Simbad de Francisco Castro. Grazas á editorial Galaxia que publica a obra, o mércores 30 de novembro tivemos a oportunidade de disfrutar dunha interesante charla co autor. Esta novela xuvenil adéntrase no tema do Alzhéimer.  As aventuras dos mares non sempre son mariñas e poden non ir máis alá do noso sofá… ou si. Paulo, un rapaz de once anos, virará en Simbad da man do seu avó Paulo, o Capitán dos Sete Mares. Francisco Castro lévanos polas augas da tenrura, nun barco que carga nas súas adegas bocois de humor, cariño, reflexións e soños, imprescindibles provisións na singradura do cotiá que enmarcan para nós as ilustracións de Manel Cráneo.

O autor presentouse como un home que “pinta libros e recorta revistas” e que se marabilla ante o acto de comundicación cos lectores. Os rapaces e rapazas de 1º de ESO tiraron da liña e, como bos mariñeiros das palabras,  comezaron un áxil e interesante diálogo co escritor. Como profe, foi un pracer ver a esta nova fornada fiar unha pregunta con outra e compartir con el a súa visión da novela -sen dúbida, hai detrás un bo traballo de Dores e María Xesús, as profesoras que lles dan clase-. E para rematar “a pesca”, Antía Piñeiro e Rebeca Corrales, sen dúbida con futuro no oficio da procura da noticia, endeireitaron a proa dunha entrevista que estamos a espera de ver en canto David poida montar as imaxes que Iris Ferreiro recolleu para nós. Mentres, da man de Teresa, as imaxes:

http://www.vuvox.com/collage_express/collage.swf?collageID=04bf0fcfa4