As lerpeir@s “remando ao vento” de Frankestein

Foi ben interesante a sesión de hoxe sobre un clásico que ollamos coa mirada dos nosos tempos: Frankenstein ou o moderno Prometeo de Mary Shelley.

Rebeca contounos do mito clásico, condenado a vivir coa sombra do seu castigo por emular o poder dos deuses, e todas nos cuestionamos sobre temas que trata a obra: a adquisición da linguaxe, o interese polo saber, os límites éticos que debe ter o progreso científico, o ben e o mal, a vixencia dos clásicos…

O debate sobre a lectura, cos ventos de Mary Shelley – pois vimos tamén un fragmento da película dirixida por Gonzálo Suárez- levounos á actualidade e a reflexionar sobre o presente e o futuro. Vivimos nun mundo no que os extremismos e a falta de liberdades preocupan. Leyao contounos a súa visión sobre o que isto está a supoñer lonxe de Occidente. É inevitable que os ceos tormentosos nos muden o semblante, como personaxes dunha escena romántica dominada pola dureza das forzas da natureza. Mais afirmámonos no saber como porta para transformar a sociedade. Mozas coma estas énchennos de optimismo, conscientes de que o futuro pode ser liderado por elas!

Xa sen máscaras recuperamos felices os seus sorrisos 🙂