O vídeo da Festa da Lectura 2012

Subimos o vídeo da Festa da Lectura e presentación da Guía de Nadal. Presentando: Xosé Manuel, Rebeca e Antía. Gravando: Irene e Cristian. Logo as actuacións de Raquel Queizás e os alumnos e alumnas de Portosín, Nebra, Baroña e Xuño. Para os profes, a alegría de ver os sorrisos nas caras dos rapaces. Detrás, moito esforzo e ilusión.

Por un problema técnico que nada tivo que ver con Irene e Cristian, que fixeron moi ben o seu traballo, perdeuse unha parte da gravación, polo que tivemos que botar man do rexistrado por Nebra e Baroña, de aí que a calidade sexa dispar. Mesmo tivemos que renunciar a realizar unha montaxe máis coidada para poder sacalo antes do Nadal.

Con todo, o que pretendiamos é que se puidese ver nas casas. Así pois, agás na introdución, decidimos subilos completos.

Dende o equipo de biblioteca do IES, agradecemos o deseño e maquetación ao noso compañeiro Alfonso Pérez, o respaldo do Concello, a Deputación e Nova Galicia Banco e o traballo realizado pola Biblioteca Municipal, as EEI de Caamaño e Carballosa, os CEIP de Campanario, Portosín, Queiruga, Seráns, Sobrado-Nebra e Xuño.

Están subidos en catro partes nesta lista de reprodución:

A Festa da Lectura e a Guía de Lectura de Nadal en TV 27 Barbanza

A Festa da Lectura e a Guía de Nadal na TV 27 Barbanza.

Detrás, moito esforzo -que se acusa no cansazo destes días- e unha ilusión compartida cos profesores dos centros que colaboran neste proxecto. Hoxe, a decepción dunha nova “rebaixa” no soldo, un 7% co que se nos recoñece todo o traballo fóra de horas que vimos realizando. Medidas como esta rematan coa ilusión e alegría das caras dos nenos e nenas que asistiron á Festa.

A pesar disto, é importante para nós que estas iniciativas se coñezan. Grazas á TV27 por recoller a noticia.

BO NADAL!

Guía de Nadal 2012 e II Festa da Lectura

Onte, 17 de decembro, presentamos a Guía de Nadal 2012 na Casa da Cultura de Porto do Son, unha proposta de lecturas coordinada polo equipo de biblioteca do IES de Porto do Son, resultado do traballo conxunto -moito máis alá das horas lectivas- coa Biblioteca Municipal, as EEI de Caamaño e Carballosa, os CEIP de Campanario, Portosín, Queiruga, Seráns e Sobrado-Nebra. De novo, contamos coa inestimable axuda do profe de plástica do insti, Alfonso Pérez, na maquetación. O respaldo do Concello, da Deputación e, nesta ocasión, de Nova Galicia Banco, fixo posible a impresión. Farase chegar ás familias e repartirase tamén, entre outros lugares,  nas librarías, bibliotecas, casas de cultura das parroquias, centros de saúde ou centros de día.

Eila:

 http://static.issuu.com/webembed/viewers/style1/v2/IssuuReader.swf

E  foi UNHA FESTA! Os alumnos do IES, Rebeca, Antía, Irene e Cristian, presentaron e gravaron o espectáculo. Enchían a sala un 200 alumnos do primeiro e segundo ciclo de primaria. Foi un pracer ver as súas caras de alegría, e a dos profes, ao escoitar as historias que Raquel Queizás sacaba da súa maleta. Logo, os rapaces e rapazas foron subindo ao escenario. Con eles vivimos unha aventura nunha biblioteca no fondo do mar, sosegámonos con Coldplay e asistimos a representacións musicadas poboadas de galos, galiñas, gatos… e unha vella que tiña un can. Co fermoso vilancico  Nadal de Luintra, de Berrogüeto, que serviu de peche á xornada, acompañamos as fotos. Detrás, moito esforzo. Como resultado, un fermoso día compartido.

Bo Nadal e boas lecturas!!!

 

http://photopeach.com/public/swf/spiral.swf