Cos clubs de lectura en Aveiro! Unha nova viaxe literaria co Aquis Celenis!

E chegou a viaxe de final de curso dos clubs de lectura a Aveiro!! Dise pronto pero xa van alá 9 anos dende que comezamos as viaxes a Portugal co club do IES Aquis Celenis de Caldas!!! Román, David, Pedro, Ana, Marga, Tere, Sonia e un montón de rapazada á procura de bibliotecas chulas, de horas do conto, de librarías fermosas… Viana, Porto, Braga, Guimaraes ou Coimbra… Amizades tecidas con palabras, con lecturas partilladas, con roteiros!

O xoves, quinta-feira, chegamos á Pousada da Juventude, xantamos e saímos coñecer Aveiro. Agardábanos un barco moliceiro da empresa Experiment Aveiro que nos guiaría, nesta “Venecia portuguesa”, para achegarnos á historia da cidade: a Arte Nova, as salinas, os ovos moles… Logo, un xogo de pistas (pesquisar, preguntar, informarse e botar unhas risas á carreiriña). Pola noite, festa! O corpo e a cabeciña pedía alegría despois deste tempo de exames e trafegos!

Pola mañá agardábannos na Fábrica Centro Ciência Viva de Aveiro para facer obradoiros de robótica e hologramas. Clubs de lectura coa ciencia, as humanidades e a ciencia collidas da man.

Despois, seguimos descubrindo Aveiro, desta volta, os costumes, o mercado Manuel Firmino. Practicamos o portugués!

Logo de xantar, en Ílhavo, unha visita ben agradable: a Biblioteca Municipal. Un edificio moderno nun solar do século XVII que foi recoñecido co Prémio Internacional de Arquitetura do Museu de Design de Chicago e que está a ser un dos eixos principais do desenvolvemento cultural de Ílhavo. Lisete e o persoal da biblioteca acolléronnos con agarimo, explicáronnos a historia da biblioteca e o seu funcionamento. Fomos ao espazo maker (xa vimos con ideas para enredarnos coa máquina de coser, a impresora 3D e traballar en equipo cos compañeiros de Tecnoloxía!); estivemos na hora do conto e disfrutamos nunha biblioteca viva! Sempre miramos a Portugal como modelo a seguir de dinamización das bibliotecas nos municipios e de colaboración cos centros educativos, non en van foron pioneiros co seu Plano Nacional de Leitura.

 

Xa de volta! Prestaron estes dous días! O ano que vén máis, na compaña dos nosos amigos do Aquis!

BO VERÁN E BOAS LECTURAS!

 

Do Aquis Celenis achégannos o vídeo da viaxe!

Cos clubs do Aquis Celenis en Sálvora lendo “Noite de temporal”

Van alá unha boa presada de  xuntanzas cos clubs de lectura do Aquis Celenis. É como reencontrarse con alguén da casa; unha amizade ancorada nas lecturas compartidas. Desta volta  decidimos que nos atopariamos en Sálvora arredor de Noite de temporal, de Núñez Singala.

Saímos para o porto de Riveira con chuvia e néboa, ao encontro dos mozos e mozas de Caldas, mais pouco a pouco a chuvia foise retirando. Recibíronnos as guías de Cruceiros Rías Baixas, María e Noa, das que salientamos a súa simpatía e profesionalidade, así como a insistencia nos valores que deberían rexer un Parque Nacional.

Sálvora recibiunos cuberta, pero a chuvia retirouse para ofrecernos unha xornada de excepción. Fomos descubrindo a fermosura desta illa que cantara Cabanillas en Na noite estrelecida (“… unha illa encantada / de rochedos de coral / esmeralda verdegaia / ao resplandor do luar / bicada de manseliñas / augas de limpo cristal/ na que as sereas ensaian / seu namorante cantar”). A herba de namorar agardábanos florecida e, coas gaivotas, acompañounos durante a ruta.

O almacén, a capela, o faro, a aldea, os hórreos, a fonte, o lavadoiro, os cabalos, os rochedos adobiados con liques alaranxados, as figueiras en loita contra o vento, os sabugueiros, os loureiros… Toda a illa a falarnos do seu vivir.

Nas mochilas levabamos Noite de temporal. Nel ían soando os berros dos homes, mulleres e nenos que viaxaban no Santa Isabel aquela noite do 2 de xaneiro de 1921. Nel as voces de Josefa Parada, Cipriana Oujo, María Fernández,  José Parada, Manuel Caneda, Francisco Oujo… botando ao mar as dornas para socorrelos. Morreron 213 persoas nesa noite de temporal. Conseguiron salvar preto de 60.

E lemos no faro, na aldea e a carón dos hórreos para lembralos.

Este é o vídeo que montaron no Aquis!

Crónica da viaxe conxunta dos clubes de lectura de Cuntis, Caldas e Porto do Son

O pasado venres o noso clube de lectura fixo as maletas e tomou camiño de Viana do Castelo para compartir unha viaxe conxunta cos clubes de lectura do CPI don Aurelio de Cuntis e o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.

Ainhoa, Lucía, María, Cristian, Jonathan, Bruno, Suso, Ramón, Rocío, Leticia, Claudia, Antía e Noelia chegaron ao instituto para coller cadanseu boletín de notas (que non imos comentar) e logo, xunto cos profesores Sonia, David e Román, subiron ao bus que unha hora máis tarde recollía os integrantes das Campaíñas e iESCALDasletras, para todos xuntos emprender unha merecida excursión que había poñer o ramo a un curso cargado de libros e actividades lectoras.

Xa na estrada comezou a tomar corpo un merecido premio ideado como xornada de convivencia na que partillar as experiencias do ano e novas actividades, lectoras e non lectoras, no marco dun escenario próximo e evocador, Viana do Castelo, onde poñer en común os títulos lusófonos de Alice Vieira, José Mauro de Vasconcelos, Paulo Coelho, etc. que nos acompañaron no último mes.

O piñeiral da praia da Foz do Minho de Caminha foi a primeira parada da nosa viaxe, na que recuperar forzas, darse o primeiro baño mariño e comezar a coñecérmonos mediante as debidas presentacións e algún xogo colectivo. Chegamos a Viana a primeira hora da tarde e instalámonos na Pousada da Juventude Navio Gil Eanes, un albergue-museo que antes foi barco bacalloeiro, rompexeos e buque hospital no mar de Terranova e está ancorado no antigo peirao da vila.

A continuación, a excursión dividiuse en grupos de seis, formados por alumnos dos tres centros, para coñecer Viana a través dun xogo de pistas que tiña lugar no seu casco vello. Tras a cea na moderna Pousada da Juventude, a boa temperatura e a animación nas rúas vianesas, onde se desenvolvía o Encontro Nacional de Folclore, fixeron que deixaramos a sesión de cineclube para unha mellor ocasión. Mentres uns se decidiron polo paseo, outros aproveitaron a zona de xogos do parque do antigo peirao e houbo mesmo quen gravou unha breve curta de terror ao Navio Gil Eanes aproveitando que as cámaras de Vinte Dez TV, a tele en liña do IES de Porto do Son, non quixeron perder a excursión. A hora de durmir chegou non sen antes compartirmos un encargo: durante a noite os integrantes de cada cuarto debería elaborar un relato de medo que se lería ao outro día.

Na mañá do sábado, houbo tempo para todo. SonCine e Vinte Dez TV, os proxectos audiovisuais do noso instituto, compartiron unha produtiva reunión de traballo coa xente da Associaçao de Producçao e Animaçao Audiovisual Ao Norte, un colectivo de ensinantes que vén dinamizando o audiovisual dende hai dezaseis anos e que centra no ensino unha das súas principais liñas de traballo, como se pode ver na páxina Lugar do Real, todo un modelo a seguir no ámbito do audiovisual escolar.

A Biblioteca Municipal foi a seguinte parada dos clubes de lectura. Ademais de admirar a arquitectura do edificio, obra de Siza, tivemos a oportunidade de asistir a unha sesión de contacontos do programa Sábados com histórias. A pesar de estar dirixido ás crianças, a historia d’O Cágado Damiao, de Maria Ceu Nogueira, espertou o interese e concentrou a atención do alumnado ao tempo que serviu para rachar as barreiras lingüísticas, máis imaxinarias que reais. O persoal da biblioteca atendeunos moi ben e aínda tivo tempo para nos contar algunha que outra historia, recomendarnos títulos de referencia da literatura xuvenil portuguesa, ensinarnos unha exposición de documentos (algúns do século XIII) Viana do Castelo. Identidade e memória e completar unha visita guiada polas instalacións da biblioteca. Despois de deixar as nosas guías de lecturas, marcapáxinas, adhesivos, etc. nos andeis públicos da biblioteca, saímos de novo ás rúas para gozar dunha mañá estival ou para visitar o Museu Navio Gil Eanes.

A excursión chegaba á súa fin mais aínda houbo tempo para, logo do xantar, facer a entrega de premios do xogo de pistas e escoitar os relatos de medo escritos na pasada noite. Tamén foi o momento de intercambiar os agasallos aos amigos invisibles, agasallos compostos por pequenos presentes e versos e relatos que compartimos para todos na sala polivalente da Pousada da Juventude.

Antes de saírmos das terras irmás, aínda tivemos ocasión de visitar Ponte da Lima, cuxas rúas de pedra marcaron os nosos pasos…, cando menos dalgúns pois parte do grupo baixou directamente ao río para sufocar a calor deste sábado quente do mes de xuño.

Á espera de colgar no blogue a curta de terror rodada no navío, dos relatos de medo e da reportaxe que sobre a excursión gravou Vinte Dez TV, deixámosvos coa seguinte galería de fotos como testemuño desta primeira viaxe conxunta dos clubes de lectura de Cuntis, Caldas e Porto do Son, que non fixo máis que estimular futuras actividades conxuntas arredor dos libros e a lectura.