As três vidas: lendo en portugués

Estes días puidestes ver nos andeis de novidades unha nova sección: a literatura portuguesa. Vén sendo o inicio dun camiño que tiñamos interese en compartir con vós e que o ano pasado comezamos coa visita  do club de lectura a Viana do Castelo e á súa biblioteca municipal, nunha viaxe compartida cos clubs do CPI de Cuntis e o IES de Caldas de Reis. Nesta viaxe quedou patente o preto e o lonxe que estamos.

Pero para nós, ler en portugués é ler en galego. É recuperar un código que nos uniu e que se mantén o suficientemente cercanos como para permitirnos enxergar o mundo cunha mesma mirada. Somos conscientes da proxección máis alá das nosas fronteiras, da universalidade que o mantemento desta irmandade aporta á lingua galega. Ás veces andamos como o Adrián Solovio de Otero Pedrayo, arredor de nós mesmos, en crise co propio, na procura do afastado. Vemos a necesidade, a utilidade de ler en inglés ou en francés, mesmo no necesario que hoxe sería dominar o alemán, pero demostramos escaso interese polo portugués, ou polo menos, de todo o que vai máis alá do bacallao e as feiras.

Daquela visita de final de curso, gardamos  a primeira recomendación, a obra de Joao Tordo, As três vidas. O autor, vencellado ao mundo do xornalismo e o cine, e influenciado pola escrita de Edgar Allan Poe, Herman Melville ou Dostoievski e a novela negra,  viña de presentar en Viana esta novela, gañadora do Premio Literario José Saramago 2009.

As três vidas, as tres vidas de António Augusto Milhouse Pascal, as tres vidas de Gustavo, Camila e Nina, as tres vidas dun mozo, dun “rapaz que nunca cresceu”, todos eles atravesando a “corda bamba” da existencia. Éste último transfórmase, 25 anos despois, no narrador da memoria de Milhouse Pascal, un psicanalista pouco convencional,  afastado nun illado caserón –a Quinta do Tempo-  con tres netos indolentes, un xardiñeiro escuro e unha peculiar clientela que se move nos límites da loucura. Trala morte do pai, un anuncio nun xornal lévao a traballar para ese enigmático ancián, un traballo que acabará afastándoo da realidade, atrapándoo nas vidas de complexos personaxes que afondan as raigames dos seus trastornos nos máis sanguentos conflitos do século XX: a 2ª Guerra Mundial e a Guerra Civil Española. Así, esta novela transfórmase en transcritora, nunha revisión da historia do século pasado, ao tempo que profunda nos medos do ser humano instalados no antepeito entre a lucidez do real e o irreal, nun espazo e nun tempo kafkianos, no “tempo fóra do tempo”.

O relato desta “memoria” transfórmase para o narrador en necesidade, en liberación de fantasmas propios e alleos, de sospeitas, abraios e paixóns.

Trátase dun romance de estrutura ben conformada que atrapa ao leitor nunha sucesión de episodios suspensos perigosamene á marxe do verificable  e do xustificable. Do Alentejo a Lisboa ata Nova York ou Londres. Cun pé na novela negra e outro na recreación histórica.

A Biblioteca Municipal de Viana do Castelo vén de ofrecernos un listado de recomendacións para dar os primeiros pasos nesta andaina. Entre eles están os seguintes títulos, que están agardando por vós na biblioteca:

http://widget-ca.slide.com/widgets/slideticker.swf

A viaxe a Viana

Aquí vos quedan as moi doces horas da viaxe a Viana.

Xuño 2010. Remataran as clases….

Alí marchamos tres clubes de lectura de tres centros: O IES do Son, o CPI de Cuntis e o IES de Caldas.

A celebración da fin do curso.

A celebración do traballo feito desde as bibliotecas escolares.

A celebración da esperanza, da alegría, da liberdade.

Vinte Dez TV estivo alí para contárnolo.

a viaxe a viana from SonCine on Vimeo.

Clube Lector “As Campaíñas” de Cuntis: blogoteca.com/​ascampainhas/
Clube de Lectura “iESCALDasletras” de Caldas de Reis: iescaldasletras.nireblog.com/
Clube de Lectura Fraga de Novio de Porto do Son: etikeles.blogaliza.org