Moléculas en acción co programa A Ponte

O pasado venres,17 de decembro, o alumnado de primeiro de bacharelato desfrutou dunha charla impartida polo catedrático de Química da USC José Ramón Leis Fidalgo.

A charla, de título Moléculas en acción, encádrase dentro do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC e foi solicitada polo departamento de Lingua Galega, para dar así visibilidade á ciencia e á súa divulgación en lingua galega. Contou con varias demostracións ben interesantes en vivo e vídeos de reaccións químicas, salientando a importancia dalgúns materiais e as súas aplicacións no día a día, coma os ferrofluídos, polímeros súper absorbentes coma o poliacrilato de sodio ou aliaxes intelixentes coma o nitinol.

Entre sapiens e neandertais

Con A vida contada por un sapiens a un neandertal estreámonos co ensaio no Club de lectura de adultos Fraga de novio. O libro sae da escrita de Juan José Millás (o neandertal) a partir do coñecemento sobre a evolución humana de Juan Luis Arsuaga (o sapiens). E desta mestura dos dous sae un libro moi entretido, cheo de humor e con moita bioloxía que nos axuda a comprender en parte por que os humanos somos como somos. Desde logo, independentemente da natureza do lector, este libro é de alta recomendación.

Rematamos as xuntanzas neste ano 2021, pero continuamos con moitas ganas para xaneiro de 2022 da man de Rosa Aneiros e a súa Resistencia. Boas festas!

No mar anda o conto

A segunda sesión do club de lectura dos Benxamíns estivo marcada polo mar, pois comentamos a “lectura” do cómic Un océano de amor, de Panaccione e Lupano e analizamos o lixo que sacamos da praia na xuntanza anterior, reflexionando sobre a súa orixe e a problemática que causa.

Foi unha sesión moi biolóxica, pero iso non foi un impedimento para ver neste fermoso cómic sen texto, unha tenra historia de amor dun matrimonio bretón. Os autores tamén aproveitan para facer unha denuncia ecolóxica sobre a esquilma que estamos facendo nos océanos.

A biblioteca: sinerxía na Escola que queremos

Sinerxía

substantivo feminino

2. Farmacia Fenómeno polo que se combinan as accións de dúas ou máis substancias para obter un efecto maior ca a suma dos efectos individuais de cada unha delas.

Con esta definición abriamos Rut e eu, Sonia, como representates da biblioteca do IES de Porto do Son, a charla sobre os proxectos interdisciplinarios no noso centro coa que participamos o 7 de outubro nos Encontros CAFI de Bibliotecas Escolares sobre (AM) Alfabetizacións Múltiples e ABP (Aprendizaxe baseado en proxectos). Proxectos nos que o equipo de biblioteca vén colaborando ou que vén impulsando, e, sempre, enriquecendo. Porque sabemos que o ensino é iso, a combinación de accións e sentires para obter un efecto maior cá suma de accións e efectos individuais. Sumar, aprender e avanzar cara a ESCOLA QUE QUEREMOS!

Setembro

O ano novo comeza en xaneiro, pero para moitos, esa renovación, esa volta á rutina, é sen dúbida en setembro. Este é o mes onde comezamos a desperezarnos despois do verán e con máis ou menos ganas, comezamos a rodar. E nisas estamos no club de lectura de adultos Fraga de Novio. Viñemos con ganas, coa xente de sempre, coa xente que volve despois dun tempo e con xente nova. Para outubro, agardaranos o Verán sen homes de Siri Hustvedt.

Semella que esta tempada pode ser como as anteriores, as prepandémicas. Ler en grupo sempre é un pracer.

Adeus á tempada

Rematou o curso, e con el, rematou a tempada do club de lectura de adultos. Foi un ano complicado, con xuntanzas co número reducido de asistentes, xuntanzas telemáticas,…e moita precaución! E pouquiño a pouquiño, levámolo adiante entre todas e todos.

De despedida, fixemos unha xuntanza diferente, ao aire libre. O xantar permitiunos falar do libro, O bosque das antas de Francisco X. Fernández Naval, e a ruta entre Seráns e Corrubedo, permitiu coñecernos mellor e desfrutar da fermosa costa do Porto do Son.

Igrexa de San Benito de Seráns
Praia de Seráns
Faro de Corrubedo

Agora toca descansar e aproveitar o tempo de vacacións para coñecer novas lecturas e cando chegue setembro, compartilas.

Isaac Díaz Pardo na Memoria

En agosto do 2020 cumpríanse 100 anos do nacemento dunha das persoas máis luminosas do noso século XX: Isaac Díaz Pardo. Pintor, ilustrador, escritor, empresario… e, ante todo, xunto con Luís Seoane, creador dun soño: o Laboratorio de Formas, unha idea feita realidade na que a arte, a economía, a memoria e a identidade como piares dunha Galicia posible.

Dende o equipo de biblioteca promovemos o traballo sobre Isaac e o seu labor dende diferentes materias. Perseguiamos estes obxecivos:

  • Poñer en valor o labor desenvolvido por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane no Laboratorio de Formas e a fábrica de Sargadelos. 
  • Poñer en valor do labor desenvolvido polos personaxes históricos representados na cerámica de Sargadelos.
  • Procurar información e a súa reelaboración.
  • Traballar en equipo.
  • Valorar o traballo interdisciplinario nun proxecto común entre varias materias: Lingua Galega, Lingua Castelá, Educación Plástica e Visual e Matemáticas.
  • Corrixir a expresión lingüística escrita.
  • Reforzar a utilización dos correctores en liña na produción textual. 
  • Reforzar a utilización do Classroom e o Drive para o traballo individual e colaborativo.

Plástica

Traballos de creación de figuras a partir das liñas de deseño (formais e de contido identitario) das figuras de Sargadelos:

1º, 2º e 3º de ESO

Lingua Galega

O alumando de 1º a 3º de ESO coñeceu a figura de Isaac Díaz Pardo a través de formularios web:

https://docs.google.com/forms/d/1kCbtL-RO3lXQite6Re2EW38hoLtGTtG98omgourJows/edit

https://docs.google.com/forms/d/1O1AFKEwbbZobrHtPEcGJb_AnitUTrfwMZ665bMQeRig/edit

En 1º e 2º de ESO, tirando da relación entre Isaac Díaz Pardo e Castelao, o diálogo entre texto e imaxe, e os cantares de cego creados por Isaac, propuxemos ao alumnado que crease cómics a partir das lecturas de Retrincos, Cousas e Cantares Gallegos. Nesta imaxe recóllese un exemplo dunha das tarefas que se adxunta a continuación como pdf.

Nesta entrada recollemos a actividade e os premiados por parte do EDNL e o equipo de biblioteca.

En 3º de ESO investigaron sobre A nosa historia nas figuras de Sargadelos e cos seus traballos creamos unha presentación recompilando a información. Poñendo en valor a nosa identidade!

En 2º de Bacharelato, contextualizouse a nunha tarefa do bloque de sociolingüística, tras a lectura de Instrucións para tomar café, de Núñez Singala. Estes relatos convidan á reflexión sobre a identidade galega e o uso da lingua galega en diferentes ámbitos e funcións, entre eles o empresarial. A tarefa sobre Isaac Díaz Pardo, ademais do cuestionario para coñecer o intelectual e o seu labor, constituíu a segunda parte do traballo a partir da obra de Singala. Debían reflexionar sobre o tema: Como somos os galegos? Como queremos ser os galegos? Dividíase en dous bloques: Mirando atrás e Pensando o presente para construír o futuro. Que mellor exemplo que Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de formas!

Pedíuselles que creasen un texto sobre o intelectual a partir da investigación de diversas fontes e que analizasen o uso do galego e os criterios identitarios nunha selección de empresas galegas actuais.

Entre os textos realizados polo alumando, en xeral ben interesantes, seleccionamos estes das alumnas Clara Tomé Mariño e Valeria Baleirón Sobrido:

Lingua Castelá

Na materia de Lingua Castelá en 4º de ESO responderon tamén un formulario para coñecer a Isaac Díaz Pardo e contextualizar a tarefa que consistiu na creación dun microrrelato a partir da obra pictórica do artista e empresario.

Entre os microrrelatos presentados, seleccionamos os creados por Silvia Pego e Indira Fernández Rodal a partir dos cadros Os afogados e O discurso:

Matemáticas

Dende o departamento de Matemáticas traballaron a xeometría a partir do deseños da cerámica de Sargadelos:

Xela Arias. Letras Galegas 2021

Quen era? Como era? Que atopamos tras esta mirada?

Dende o equipo de biblioteca e o equipo de Dinamización da Lingua Galega convidámoste a coñecela. Esta é a nosa homenaxe.

Le, observa, repara…

Para lela en pantalla completa, activa a opción nos tres puntos da parte inferior.

E agora…, serás quen de atopar a resposta correcta? Abre ou descarga este díptico de actividades que poderás responder a partir da presentación:

Os debuxos de Antón no regreso de Os Resentidos

Os Resentidos volven aos escenarios. Fano co disco Organización Nautilus. E se o regreso da banda que fora pioneira no uso do galego nos 80 é xa de por si unha moi boa nova, para nós, para a comunidade educativa do IES de Porto do Son éo aínda máis. A razón non é outra que o ilustrador! Si, si, porque a persoa que creou os debuxos para nove dos temas deste disco que nos fala de piratas, tesouros…, que nos convida á festa (e, a reflexionar tamén, entre peza e peza) non é outro que o noso alumno Antón! O ilustrador de Portosín :):)

Xa sabemos da súa grande capacidade para o debuxo, para a cor! Un momentiño de descanso, un rotulador… e xa está: un pirata, un vilán, un polvo, un golfiño….

Dende o equipo de biblioteca felicitámolo polo seu traballo. E non é para menos, como podedes ver nun dos vídeos de promoción:

E aquí o temos o artista, a carón da banda na presentación do disco. Bravo, Antón!