“O wolframio, o ouro galego” no concurso “A Táboa Periódica e Galicia”

Con motivo do ANO INTERNACIONAL DA TÁBOA PERIÓDICA 2019, a facultade de Química da USC organizou un concurso de carteis dirixido a alumnado de secundaria. O cartel “ O WOLFRAMIO, O OURO GALEGO”, presentado pola nosa alumna Lara Martínez de 1º de bacharelato B, foi seleccionado entre os 30 finalistas do concurso.

O venres 24 tivo lugar, en dita facultade, a exposición dos carteis e a entrega de premios do concurso, quedando o cartel de Lara nun magnífico quinto lugar!!! Investigación e tratamento da información óptima! Parabéns!

Podedes ver o cartel e máis imaxes da xornada na páxina do centro.

23 de abril de 2019, a guía de lectura colaborativa no Día do Libro

Celebramos o 23 de abril, o Día do Libro, publicando e enviando ás familias a información sobre a guía de lectura  2019. Proxecto colaborativo  de dinamización da lectura coordinado dende a biblioteca do IES de Porto do Son. Nel participan a Biblioteca Municipal e os centros escolares: EEI de Caamaño, EEI de Carballosa, CEIP de Campanario, CEIP de Portosín, CEIP de Queiruga,   CEIP de Seráns, CEIP de Sobrado-Nebra, CEIP de Xuño.  Premede AQUÍ para consultala on line.

Posto que estamos traballando a SOSTIBILIDADE, a nosa guía tamén é sostible e optamos por non imprimila. Para consultala, só é preciso empregar o lector de códigos QR. Premendo en cada un dos libros poderedes saber máis deles. Seguro que atopades algún que vos apeteza ler! Vinde á biblio, mercade un libro, emprestádeo…!!!

Facemos comunidade lectora!

Podedes consultar guías anteriores na lapela superior do blog, onde están recompiladas.

A BIBLIOTECA NA SEMANA CULTURAL 2019: A SOSTIBILIDADE

O tema do curso, a Sostibilidade, foi o eixo transversal da Semana Cultural que celebramos do 8 ao 12 de abril.  O lema: “Vemos, ouvimos e lemos. Não podemos ignorar”, un verso de Sophia de Mello Breyner.

A biblioteca foi parte activa nas actividades, tanto como aula recurso como no seu papel de impulsora de dinámicas: obradoiro de Haikus, cine e sostibilidade, exposición e unidade didáctica sobre Seoane…

O vídeo coas imaxes da semana resumen o que foron estes días de innovación e aprendizaxe:

Semana cultural 2019 from SonCine on Vimeo.

 

“Language Planning” cos Quinquilláns

A Editorial Galaxia e acompañía de teatro Os Quinquilláns fixeron posible que o noso alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistisen ao espectáculo Language Planning que se representou na Aula de Cultura de Porto do Son.
Baseándose en moitos dos relatos de Made in Galiza de Sechu Sende e fragmentos das obras de Núñez Singala que tratan a temática socilingüística, os actores, coa súa retranca, axudáronnos a reflexionar sobre a situación da nosa lingua. O fío do que tiraron foi existencia dun plan, que existe desde hai moitos séculos, para que deixemos de usala e desapareza. Que podemos facer nós para que non teña éxito? Tomar conciencia do problema e reaccionar. Como? Falándoa SEMPRE!

A saída compleméntase coa lectua da obra de Sechu Sende, que ofrece a editorial ao mercar a entrada.

Un bo plan teatral e lingüístico!

 

 

“Amar non é un delito”, Amnistía Internacional

Estes días temos no centro a exposición de Amnistía Internacional “Amar non é un delito”. Trata sobre a dificultade existente en África para expresar la diversidade sexual. Fainos entender que alí a homofobia  se combate día a día por activistas e cidadáns anónimos que loitan polos dereitos de lesbianas, gays, bisexuais, travestís e intersexuais.

Sabemos que en Europa non é fácil e que queda moito por facer. Concienciar sobre o que acontece no continente africano, conciencia tamén sobre o entorno máis próximo.

Omis, “Un día con los clásicos”

Onte chovía arreo cando fomos á Casa de Cultura, pero logo pasámolo moi ben. O alumnado de 1º e 2º de ESO divertiuse coa actividade organizada polo departamento de Lingua Castelá e as nosas compañeiras do equipo, unha singular proposta escénica dos clásicos a cargo da compañía Omis.

Entre gargalladas, aprendemos códigos da linguaxe escénica (como nos movemos, a expresividade da nosa voz e do noso corpo, a versitilidade que aporta o vestiario…). Don Juan Tenorio, dona Inés namorados;  a poesía de Quevedo co soneto “A un hombre de gran nariz”;  Segismundo cuestionándose sobre se a vida é ou non un soño;  Sancho Panza e o Quixote loitando contra os muíños cabalgan mesmo representados polos nosos alumnos. Sen dúbida, unha mañá ben divertida e ben aproveitada!

Plásticos no mar, a enfermidade do planeta

Entrados xa no 2019, continuamos co programa Con-Ciencia que levamos a cabo en 2º de ESO. Nesta ocasión, David  Torres foinos revelando por que o mar está enfermo e ata que punto os plásticos o están “afogando”.

Sabemos que existen grandes illas de lixo flotando no mar e que a maior está situada no océano Pacífico, pero tamén que o 80% non se ve porque está no fondo. A súa eliminación é moi difícil, de aí que debamos comprometernos coa reducción drástica dos residuos. Só limpar a illa do plástico lévaría máis dunha década!

As aves, os peixes e todos os seres vivos do ecosistema mariño consomen o plástico que nós tiramos ao mar. Mesmo no sal que se obtén do mar estamos a inxerir microplásticos! Estes envases polos que optan maioritariamente as empresas están matando o planeta.

No IES de Porto do Son somos conscientes do problema. O programa Con-Ciencia é un dos proxectos dos que formamos parte. Toda información e formación sobre o tema é absolutamente necesaria. Temos que ser concientes e tomar medidas con urxencia. Non só as autoridades, cada un de nós. Procurar alternativas e actuar con rapidez.

 

Con Ledicia Costas e…”A señorita Bubble”

Por que comezou a escribir? Por que unha malévola bibliotecaria é a protagonista desta obra? Por que unha muller inventora? E esa estética Steam punk? Vai haber segunda parte? Que estás a escribir agora? E Andrés Meixide… ilustra todas as túas obras? Por que o neno leva un traxe de Badman azul?

Todas estas preguntas e moitas máis foron enchendo o encontro dos rapaces e rapazas de 1º de ESO con Ledicia Costas. Mesmo houbo quen lle deu ideas para un novo libro!!!

Aquí, “arrepiante” como Escarlatina, a cociñeira defunta ou Jack o Destripador de A balada dos unicornios,

e aquí, asinando exemplares do libro e ben contenta cos marcápaxinas que fixeron nas aulas; non é para menos! Mirade que chulos!

“Tempestades”, de Ricardo Frazer na Casa de Cultura

Esta mañá alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato asistiu, na Casa de Cultura á representación da posta en escena de TempestadesRicardo Frazer, camaleónico, mestre na adaptación ás voces e e ao sentir dos personaxes, levounos unha vez máis polos clásicos, neste caso, en aires de tempestade, da tempestade da vida. Dunha vida que se revela soño incomprensible con Calderón de la Barca, traición con Calígula, dor co León Felipe, instaurada na dúbida con Shakespeare e na irracionalidade da guerra civil española con Neruda…

Recollemos aquí dous dos poemas dramatizados que máis nos impactaron.

“Qué lastima” de León Felipe, aquí na voz do propio autor:

“Explico algunas cosas” de Pablo Neruda, na voz do autor: