Menú navideño na Biblioteca de Porto do Son!!!

Unha vez máis Ana Freire, co seu sorriso e a súa enerxía, volveu polo centro. Xa case é do equipo!!! A súa proposta, crear un novo recuncho! A nosa biblioteca, a biblioteca do CEIP de Xuño, as axencias de lectura e os nenos e nenas da ludoteca fixemos unha vez máis un equipo! Alá foi cunha caixa con “produtos” dos nosos andeis!

E Ana transformou a biblio nun salón navideño que loce ben fermoso, con convite incluído: MENÚ LITERARIO! Hai para escoller… Que vos apetece máis, de primeiro un álbum ilustrado? De segundo, unha noveliña, ou contos, ou teatro…? E de sobremesa, que tal un cómic? Para a festa, uns versiños para cantaruxar? E ao día seguinte, ou á noitiña… unha peli? Apetecible, non si? Reservade xa!

E durante o tempo de Nadal, ata hai unha cheminea que coa súa caloriña acollerá tempiños serenos de lectura!

 

Celebramos a lectura lendo aos nenos e nenas da Ludoteca

Vén sendo vizosa a relación entre a OMIX de Porto do Son e o IES de Porto do Son. Detrás está Ana Freire, entusiasta, sempre querendo aportar aos mozos e mozas do Son, aos nenos e ás nenas, novos vieiros. Desta colaboración agromaron obradoiros de radioteatro e de expresión oral para o noso alumnado.

Agora, correspondemos. Concientes de que a educación é a lectura é un labor da comunidade.

Así pois, o xoves, dous días despois de rematar os exames e do Día do Libro Infantil e Xuvenil, un grupo de rapazas dos clubs de lectura, e Anxo, como única representación masculina!, fomos contarlles contos aos nenos e nenas da Ludoteca na Biblioteca de Porto do Son. Foi bonito ver como, en mantiñas de cores, se ían arremuiñando e escoitaban, rían, preguntaban, sinalaban… Rematamos cantando e bailando “Dime que fixeches”, o conto de Antón o preguntón que canta Migallas Teatro. UNHA TARDE BEN DIVERTIDA! Con que pouquiño que pode montar nunha biblio unha tarde de lectura!!