O anxo negro

O club de lectura “Fraga de novio” de maoires foi moi afortunado este xoves ao compartir mesa con Manuel Gago. O escritor pobrense aceptou o noso convite para compartir xantar e charla ao redor da súa primeira obra, “O anxo negro”.

Xornalista, profesor, historiador, etc., Manuel Gago axudounos a interpretar e coñecer  tradicións galegas das que nalgún momento oímos falar ou que mesmamente puidemos vivir: as tres marías, a bruxa da aldea, o aire dos mortos… Que gran descoñecido ese patrimonio cultural galego tan antigo!

Nesta extensa novela, Gago combina ficción e realidade, deixándolle ao lector a decisión de elixir que historia ou feito é o verdadeiro, ou incluso, verdadeiro a medias. Como exemplo, esta fotografía tomada antes da guerra civil con Castelao na zona da costa da Morte, a cal ten especial relevancia no libro. Averiguamos que a fotografía existe, aínda que o sucedido cos alí fotografados xa forma parte da ficción galega.

Pouco queda para rematar este curso , pois só unha lectura está pendente. Será para xuño, e contaremos tamén co escritor, Xerardo Agrafoxo, e cos membros do noso club de lectura irmá da Pobra do Caramiñal.