Para celebrar o Día Mundial da Radio eleximos como lectura do club de lectura Furalibros a obra de teatro de Manuel Núñez Singala Atranco no banco. Esta obra curta é divertidísima, sobre todo cando a teatralizamos. Que difícil é buscar o tono axeitado! Despois da teoría subimos á radio escolar para poñer en práctica e gravar algún fragmento. Aínda hai moito que aprender, pero o primeiro paso xa está dado.
Onte, por fin!, puidemos ter o encontro con Manuel Núñez Singala para charlar con el sobre a súa obra Instrucións para tomar café. A actividade estaba prevista para abril do 2020 pero o confinamento obrigou a adiala para este comezo de curso que segue a ser estraño e incerto.
Enmarcada nos Encontros Literarios promovidos pola Dirección Xeral do Libro e o Fomento da Lectura do Ministerio de Educación, permitiu ao alumnado de 2º de bacharelato coñecer as claves do proceso creativo desta obra de relatos que nos leva, con humor, á reflexión sobre nós mesmos, sobre a nosa idiosincrasia como pobo. A xenerosidade de Singala permitiu salvar os estritos protocolos ao dar dúas sesións!
Sendo o autor o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, cunha longa traxectoria na análise da realidade sociolingüística do galego, non puido faltar o debate sobre a lingua.
A charla complementa o traballo realizado polo alumando sobre a obra. Este consta de dúas partes: a primeria, con cuestións de análise crítica e recreación, e a segunda, dirixida a pensar sobre os galegos que queremos ser, cunha achega a Isaac Díaz Pardo e o papel que tivo o Laboratorio de Formas como modelo de empresa avanzado e identitario. Poñemos un pé na conmemoración do centenario do intelectual e empresario, que será obxecto de proxectos noutros niveis á volta de Nadal, e avanzamos no estudo sociolingüístico. Os momentos de crise sempre foron bos para mirar cara adiante e abrir novos camiños! Quen mellor que os mozos e mozas para botarse a andar!
Eis unha selección das recensións críticas, os textos de análise e os microrrelatos creados polo alumnado:
Vimos de convocar un concurso literario arredor da ciencia ficción para conmemorar o 20 aniversario do centro. Unha das modalidades do certame é o microrrelato. Pero… que é un microrrelato? Que teño que ter en conta á hora de escribilo?
É unha narración moi breve. Habitualmente ten entre 7 e 200 palabras como máximo. Un dos máis coñecidos é este de Augusto Monterroso: “Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí.“
Pensa nun feito ou ou anécdota sobre a que reflexionaras. O feito que elixas debe ser moi breve e “visual”. Non debes resumir unha historia longa. O interese do microrrelato está na súa inmediatez.
A experiencia elixida debe ter un significado oculto, una idea non revelada. O importante é esta idea, pero debe quedar sempre oculta ou suxerida. O poder destas historias tan breves está no contraste entre un feito aparentemente insignificante, o seu sentido transcendental ou imaxinativo.
Unha vez elixidos o feito e a súa idea oculta, debes pensar en como contar a historia para lograr o obxectivo de todo microrrelato: sorprender o lector.
Para iso, deberás crear algo orixinal. Como? Contando só o esencial da historia para que o lector poida imaxinar o que falta e intuír o seu sentido. Volvamos ao famoso microrrelato de Monterroso: Cando espertou, o dinosauro aínda estaba alí. Este microrrelato, como case todos os demais, teñen a secuencia lóxica ou tradicional de calquera historia: principio, desenvolvemento e final. Esta persoa tivo un soño mentres durmía (oculto) e cando espertou, o seu pesadelo-problema continuaba (expresado). O microrrelato é un xénero interactivo, onde o autor debe ser sintético para suxerir e o lector debe completar significados. Pensa, polo tanto, que partes da túa historia debes mostrar e que partes debes suxerir.
O principio é importante para situar rapidamente o lector, pero o máis importante é o final, que debe ser sorprendente. Polo tanto, pensa antes de nada a primeira e a última frase do teu microrrelato. Sobre elas poderás construír a historia.
Pensa ben o título. No microrrelato é moi importante. O título non resume a historia, é parte dela. Debe revelar algo que “falta” na historia, debe completala.
Sintetiza personaxes, tempo e espazo. Elixe poucos personaxes (nunca máis de tres); un lugar ou dous e un tempo moi breve.
Fíxate nestes textos:
“Drama do desencantado”
… o drama do desencantado que se botou á rúa dende o décimo piso, e a medida que caía ía vendo a través das ventás a intimidade dos seus veciños, as pequenas traxedias domésticas, os amores furtivos, os breves instantes de felicidade, cuxas noticias non chegaran nunca ata a escaleira común, de modo que no instante de rebentarse contra o pavimento da rúa cambiara por completo a súa concepción do mundo, e chegara á conclusión de que aquela vida que abandonaba para sempre pola porta falsa pagaba a pena de ser vivida.
Gabriel García Márquez
“Amputado”
Chamábanlle “O pirata”, e cando comecei a andar con el xa me advertiron das súas carencias. Pero como non tiña un parche que ocultase un ollo baleiro, nin un gancho que disimulase a ausencia de man, nin unha prótese de pau que enmascarase a falta dunha perna, casei con el.
Só un ano máis tarde, cando marchou con outra no sétimo mes do meu embarazo, descubrín que en realidade do que carecía era de corazón.
De Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala