Ser, mirar, escoitar: a muller e o patrimonio

Da man das fotógrafas Ruth Mathilda Anderson e Cristina García Rodero, e a musicóloga Dorothé Schubarth, conmemoramos o 8 de marzo. Como vén sendo habitual nos últimos proxectos interdisciplinares do centro –o mar, a astronomía, o teatro-, achegamos o obxectivo da nosa “cámara” á MULLER. Nesta ocasión, escollemos a mirada destas mulleres non galegas que souberon afondar no tema que nos ocupa este ano: O NOSO PATRIMONIO.

Recollemos o envío de todas aquelas avoas e nais que o mantiveron vivo.

Ruth Mathilda Anderson,  dialoga nas súas fotografías coas de Cristina García Rodero ata tal punto que  en certas imaxes, separadas case por un século, o tempo semella non ter pasado. O mesmo acontece coas cantigas que Dorothé Schubarth -xunto con Antón Santamarina-recompilou no Cancioneiro Popular Galego editado pola Fundación Barrié, pois nos cantos recollidos récollese un vivir aínda intuído, mais en perigo de ser absorbido por un mundo globalizado que tende á uniformización e que destrúe o saber popular.

P1030233

Esta mostra do seu labor é a nosa homenaxe no Día da Muller, a celebración de todas aquelas mulleres que ao longo da historia miraron, escoitaron e foron. Que construíron. Que recolleron e transmitiron. Unha “Voz das amigas“que soubo glosar Yolanda Castaño para Leilía:

Se non fose por vosoutras,
como ía camiñar?
Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miñMareaa camarada.

(…)

Mostramos tamén unha selección de fotografías antigas de mulleres traballadoras do concello de Porto do Son cedidas polo Museo Marea. En palabras de Ana Romaní, “mulleres de sal (…) que tecen tesouros de auga cada noite contra a historia”.

Con todo, conscientes da necesidade de revisar o suposto “matriarcado galego”, non queremos rematar sen traervos ao blog un dos poemas de Moda galega de María Reimóndez que acompaña a mostra:

Ar.
Esa doce palabra galega
a través da cal
os galeguistas e poetas
describiron a sociedade
tradicional galega,
matriarcal,
din eles,
onde as mais
(que non as mulleres)
tiñan un posto social crucial.
Así se lle debe chamar
en termos galeguistas
a traballar nas leiras,
traballar na casa, parir,
estudiar ós fillos (só eles)
e non ter opción a nada,
se cadra a unha malleira opcional
ou unhas pernas cabras de lareira
último modelo.
Mágoa que para unha sociedade
tan matriarcal
só saibamos dela
a través dos homes
porque, malia o seu “posto social crucial”,
esas mulleres matriarcais
(¡que estraño!)
só deixaron aparente silencio.
Agora,
con estes vestidiños axustados
de Ar
pregúntome
ata cándo teremos que seguir
desaprendendo
as falacias do pasado.

Para “desaprender falacias do pasado”, que mellor que o Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega.

 

25 de novembro: pola fin da vilolencia de xénero

Estes últimos días foron tempos para a reflexión. O 25 de novembro puxo ante nós o que é un pesar cotiá, incomprensible, pero cotiá: o causado pola violencia de xénero. Da man da profesora Carmen Mecías, o alumnado de 3º de ESO móstrounos os seus traballos. Estamos convencidas e convencidos de que, como en tantos outros temas, unha parte importante da solución pasa pola educación. Nesta liña incide a proposta que se nos ofreceu dende o Concello no marco das actividades arredor desta data: a actuación de Caramuxo teatro Eu de maior quero ser… 

Dende a biblioteca, montamos esta presentación. Abrímola cun fragmento do Manifesto da AELG  asinado por María Reimóndez,”O dioivo que non cesa”, cuxa lectura se fai necesaria.

Poesía de María Reimóndez na libraría Lila de Lilith

P1020333        P1020332

O xoves 17 de outubro, á tardiña, quedei con Claudia, Pablo e Sandra na praza Cervantes. Estiveron connosco no club de lectura e agora andan xa por roteiros universitarios.  Botámolos en falta. Unha tarde de poesía con María Reimóndez  libraría Lila de Lilith era un bo motivo para saber deles. E para coñecer este valente espazo de cultura centrado na muller e na lusofonía.

Pequenas alfombras de cores guían, como pelouros, os nosos pasos por este espazo de paredes brancas do hoxe, de lareira dos tempos idos e de bolboretas e paxaros voando cara os soños.  Un espazo de muller, de rebeldía, de encontros e  presentes continuos. Polos andeis, cousiñas: aneis, postais, marcapáxinas, discos, libros, ilustracións… e un tendal do que pendurar a “nossa lingua no mundo”.

04Foron tres os poemarios presentados: Presente continuo (Xerais), kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio) e Moda galega reloaded (Positivas).  A felicidade das cousas pequenas, a sensibilidade como fío das agullas de calceta que han cambiar o mundo, a “moda galega” a revisarse e revisarnos, a mirada de muller procurando unha nova gramática e un tempo verbal que non insira as nosas vidas unicamente “en termos de capital”. Faise necesaria a lectura e a relectura. Procuraremos os momentos.

Saliento unha das edicións, a de kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio). Os deseñadores gráficos Cibrán Rico e Suso Vázquez transforman o libro en obxecto interpretable, en prolongación do poema. Acolledor da reflexión: un convivio.

 

cousiñas

 

 

revolta quere dicir

azul e amarelo

   antes de seren verde

 

Moda?

Sempre crítica a través da palabra, mirando a muller a través da palabra. Viámolo en O club da calceta e vémolo en Moda galega, o que fora o seu primeiro poemario e que hoxe vos achego.

Na semblanza biográfica que dela se ofrece na Biblioteca Virtual Galega, saliéntase o seu “compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable”. Este será o leit motiv,  o fío que podemos seguir ao longo da súa produción literaria e que xa se inciaba en Moda galega.

A moda -galega- como nó condutor para este poemario cuestionador, subersivo ante a uniformidade, ante o dirixismo e as imposicións sociais. Liberador e libertario. Tan necesario nestes tempos en que deberiamos inquerirnos sobre o esencialmente relevante.

Os poemas conforman  un catálogo de moda vital, divido en dúas partes: “colección primavera-verán” e “colección outono-inverno”, un percurso circular que nos leva nunha viaxe pola cidade de Vigo -ou calquera outra- un camiñar “cos pés cansos”, a pasar polo amor, a morte, a crise persoal, a rabia, os afectos… En cada colección, unha parada previa, a reflexión: os tópicos que envolven as mulleres, a uniformidade consumista, a independencia, as inxustizas sociais, a globalización… A seguir, as rúas, no verán e no inverno, rúas viguesas ou non viguesas, uniformadas na súa oferta no vestir polas grandes multinacionais do téxtil e, de cando en cando, o pequeno comercio – “Fragoso: El sostén”, “Fragoso: Moda Chema”, “Manuel de Castro: lencería Piqué”, “Centro Comercial Camelias: Berska”, “Príncipe no Nadal”, “Príncipe: Cortefiel”, “Urzáiz: Pre-Natal”, “Urzáiz: Stradivarius”, “Miguel Hernández: Pantis-lencería”.

María Reimóndez plantea o soño, a loita, a alternativa. Unha agradable invitación á orgullosa individualidade enmarcada na xustiza social.

Agradoume en especial este poema da súa “Colección de inverno”:

López Mora: Ar

Ar.
Esa doce palabra galega
a través da cal
os galeguistas e poetas
describiron a sociedade
tradicional galega,
matriarcal,
din eles,
onde as mais
(que non as mulleres)
tiñan un posto social crucial.
Así se lle debe chamar
en termos galeguistas
a traballar nas leiras,
traballar na casa, parir,
estudiar ós fillos (só eles)
e non ter opción a nada,
se cadra a unha malleira opcional
ou unhas pernas cabras de lareira
último modelo.
Mágoa que para unha sociedade
tan matriarcal
só saibamos dela
a través dos homes
porque, malia o seu “posto social crucial”,
esas mulleres matriarcais
(¡que estraño!)
só deixaron aparente silencio.
Agora,
con estes vestidiños axustados
de Ar
pregúntome
ata cándo teremos que seguir
desaprendendo
as falacias do pasado.

Vai de mulleres

É este o título da guía que o clube de lectura elaborou en torno ao tema da muller de cara ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, e estas as palabras de Ana Romaní que a acompañan:

Procuramos no fondo da entraña

tódalas sombras da pantasma,

o desterro da bruxa…

a soidade da princesa…

a derrota da amazona…

Deixamos pegadas de sangue

nas alleas terras da palabra.

Pegadas “nas alleas terras da palabra”  ilustran a exposición que o equipo de biblioteca vos achega. Pegadas de tantas mulleres escritoras: a propia Ana Romaní, Espido Freire, Isabel Allende, Rosalía de Castro, Chus Pato, Carmen Laforet, María Mariño, Carmen Martín Gaite, Marjane Satrapi, Ana María Matute,  Rosa Chacel, Marica Campo, Inma López Silva, Laura Esquivel, Luz Pozo Garza … e un longo etc completado coa presenza da muller no Nóbel, pero tamén coas achegas de distintos departamentos que a visibilizan na ciencia, na música, no deporte,… Hoxe presentes, ocupando un espazo historicamente negado.

Son pois moitas as lecturas que o equipo de biblioteca vos propón, pero nesta ocasión non queremos deixar de recomendarvos O club da calceta, de María Reimóndez.  Levada ao teatro e tamén ao cine, vén sendo unha obra de grande aceptación na que a autora reflexiona sobre a condición feminina. Un grupo de mulleres de distinta procedencia social e con vidas moi diferentes van entretecendo as súas experiencias con fíos anovados, en gamas de cores tan variadas como os seus propios sentimentos,  en torno ao novelo creado nas clases de calceta.  Atoparedes alí, entre un sorriso cómplice,  “as sombras da pantasma”, “o desterro da bruxa”, “a soidade da princesa”, ” a derrota da amazona”…

Aquí podedes ver un tráiler da película de Antón Dobao:

Máis aló desta visión que parte do ámbito das letras, unha, como muller, non pode deixar de pensar en todo o que ser muller, e muller traballadora, supón hoxe en día.  Cavilemos pois.

Cavilemos con Forges:

Cavilemos con este vídeo que nos achega Trafegando Ronseis:

E por que non, para continuar cavilando,  achegármonos ás mentiras tantas veces defendidas sobre nós e que se recollen en el mundo.es.

A miúdo quixera non ter tanto que cavilar!