“Anagnórise” con Limiar Teatro, no ronsel das Letras!

Seguimos co ronsel das Letras! Ás lecturas, ao traballo da exposición, ao radioteatro, á folidada e á Historia de amor de Serafín Marcos, engadimos o teatro!

O alumnado de 3º e 4º de ESO leu este trimestre Anagnórise, en 3º mesmo fixeron guións de radio para un programa sobre libros no que os convidados foron María Vitoria Moreno e os protagonistas da obra, Nicolau e Xulia (pronto os gravaremos para Onda Perseveira). E hoxe, na Casa de Cultura, asistiron á adaptación escénica que Limiar Teatro fixo da obra. A actividade foi promovida pola Editorial Galaxia como homenaxe á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, así como a adaptación escénica de Leonardo e os fontaneiros á que asistiron os máis novos do instituto no mes de abril.

Limiar Teatro achegounos á obra de María Vitoria Moreno, cunha proposta novidosa e divertida, na que incorpora a linguaxe audiovisual, as novas tecnoloxías e a música para atraer un público que, na súa xuventude, se mostra polo común esixente e ao que é difícil sorprender. A escenografía, o fragmentarismo na escolla de elementos da obra, complementan a lectura desa Anagnórise que interpela o lector novo, a moza e o mozo que están a procurarse a si mesmo. Limiar Teatro soubo recoller a vixencia desta novela que hoxe segue a gañar lectores!

Estas son algunhas das opinións do noso alumnado:

“Pareceume divertida e interesante, explica moi ben todo o que acontecía na novela. Empregaban unha linguaxe sinxela e comprensible. (…) Os actores fixéronnos rir moito. A ocorrencia de poñer o coche no escenario foi atraente” (Ana)

“A obra pareceume divertida, interactuaron moi ben co público e calquera podía entendela” (Alén)

“Ao comezo (…) pareceume que non era moi boa, pero a medida que ía transcorrendo a obra, fíxose moi entretida. Os actores só precisaron o teito e a porta dun coche, uns focos e unha mesa de sons. Ademais, a participación do público fixo que esta representación conseguise alcanzar o punto humorístico que todos esperabamos” (Iria)

“A obra foi moi dinámica, divertida e variada. Non só se centraron no libro. Foi moi orixinal pois os actores presentaban as súas opinións e tamén tocaban a guitarra e bailaban, facendo que o público participase” (Rita)

“Na obra representaron escenas de Anagnórise, pero con gracia; iso gustoume(…) Foron moi astutos utilizando frases do libro e combinando elementos tecnolóxicos.” (Eloi)

“Gustoume, sobretodo, a posta en escena que daba a impresión de espazo acolledor, grazas aos cambios nas luces e trasladaba o espectador á viaxe en coche de Xulia e Nicolau. Paréceme inxeniosa a idea que tiveron os actores de colocar unha porta e o teito do coche no escenario. Ambos os actores, que nos fixeron vivir esta obra dunha forma máis intensa, son xeniais, ademais os dous son músicos e cantaban que daba gusto. Unha das cousas que non me convenceu foi o feito de que a obra de teatro se baseara nos diferentes comezos cos que abrir o espectáculo”. (Clara)

“Gustoume moito a obra xa que é moi orixinal. Contaba a historia do libro dunha forma divertida. ” (María)

Cando o alumnado de 1º de ESO asistiu á representación de Leonardo e os fontaneiros por Ubu Teatro estabamos coa migración de contidos do blog antigo a este. Aquela actividade publicámola na páxina do centro. Podedes lembrala aquí.

II Foliada das Letras e “Unha historia de amor” con Serafín Marcos

O venres continuamos coas actividades de celebración das Letras. Xa que temos bos músicos (coa pandeireta de Rosi incluída) e bos bailaríns, que mellor motivo que as nosas Letras e a nosa fala para unha festa! E velaí a II Foliada das Letras!

Pola semana a profe Eva e un grupo de mozos e mozas ensináronnos, con moita paciencia, a sacar uns puntiños para poder bailar! Poderiamos “disir”… “Eu bailar, bailar, bailei, a ghasia non era moita…! Pero tanto ten, non? Xa había quen se daba maña e a cousa “lusiu”..!

E pechando a mañá Serafín Marcos, xa da casa por estas datas, tróuxonos “Unha historia de amor”, a de María Victoria  Moreno con Galicia, co galego e coa literatura. Os mozos e mozas de 2º de ESO pasaron do abraio á gargallada, do sorriso á mirada reflexiva… Fica aí, un ano máis, ese pouso que Serafín vai sementando.