Volvemos co club de lectura!!!

Xa botado a andar o curso e encamiñados proxectos, programacións e proxectos, hoxe comezamos a nova andaina do club de lectura dos maiores, máis ben, das maiores: en principio trece chicas e un chico -quizais dous-. Nós, Rut e eu encantadas coas nosas mozas e con Anxo, quen aporta sorrisos e bo rollo ás xuntanzas. Como non, botamos moito en falta ao alumnado de anos anteriores, pero faremos por xuntarnos ao longo do curso nalgunha ocasión.

2013-10-07 02.31.07

Pois ben, abrimos o vieiro literario con dous Premios Nacionais do CómicEngurras, de Paco Roca, e Ardalén, de Miguelanxo Prado. Unha vez máis o cine -neste caso a película sobre a primeira obra, dirixida por Ignacio Ferreras e galardoada con múltiples premios- serve para dar paso ás lecturas. O diálogo entre os dous cómics ha de ser frutífero, mesmo será inevitable lembrar outras obras xa lidas como El arte de volar, De Profundis,…

Engurras
ardalen



De Profundis

O cómic De Profundis de Miguelanxo Prado chega ao público despois de saír a película co mesmo nome, unha experiencia visual que fusiona a pintura, ao óleo dotada de movemento, con música do compositor Nani García.

Eu clasificaría este cómic-álbum, dentro do xénero fantástico, cun fondo moi romántico.

O seu argumento é sinxelo, trata sobre un pintor e unha violenchista que viven xuntos nunha casa no medio do mar. O pintor, que é un apaixonado do mar, vai de pesca cos mariñeiros e mentres eles faenan, el pinta. Un día teñen un naufraxio. O pintor esperta nas profundidades mariñas e descobre, da man dunha serea, que o mundo submariño é o mesmo que el imaxinara nas súas pinturas fantásticas. Pasa a formar parte dese mundo fantástico co que soñara mentres a súa muller toca incansable e melancólica, na espera constante.

Salientaría como tema principal o poder da imaxinación e o amor eterno entre os homes e a natureza, e tamén o amor pola música, que calma o espírito intranquilo.

É un cómic moi recomendable polas súas magníficas ilustracións e pola profundidade da súa mensaxe. Tamén aconsello a visualización do filme, que é como unha viaxe ao fondo do mar, unha historia de amor coma un soño animado.

Sofía Fajardo, 3ºA

E rematou o mes do cómic

Lendo a Miguelanxo Prado

Hai pouco, lendo a Agustín Fernández Paz, nun dos seus relatos, o narrador falaba de libros imprescindibles, de libros que “posúen demasiada beleza para ignoralos”. Despois das actividades levadas a cabo no centro, intuiredes xa que os cómics de Miguelanxo Prado entran dentro desta categoría, especialmente algúns deles.

Román Cerqueiro publicou xa neste blog, xunto cunha semblanza do autor, unha entrada sobre Quotidianía delirante . Ao seu carón queremos recomendarvos catro obras máis: Fragmentos de la enciclopedia délfica, Stratos, Trazo de tiza e De Profundis.

Fragmentos de la enciclopedia délfica, publicado inicialmente na revista 1984, foi o primeiro libro do autor, quen recoñeceu o seu proceso de creación como unha experiencia “irrepetible e arrebatadora”. A obra preséntanos unha posible visión da evolución  en fragmentos dunha enciclopedia que abarca máis de dez mil anos do “hipotético futuro do home”.  O contido organízase en cadros cronolóxicos que se van artellando para, dende a ordenación do fragmentario, aportar fluidez temporal. Cada un destes cadros parte de breves sínteses de carácter histórico, fórmula que o autor di tomar da obra de Asimov, Fundaciones.

A través da sutileza dos debuxos en branco e negro, nos que o lirismo e a crítica van da man, Miguelanxo Prado apunta “fragmendos” vitais que nos evocan a morte, o amor, os intereses económicos, o racismo, a amizade, a soidade, a ecoloxía, a necesidade de superación,… Verdades universais e atemporais sobre que nós, a humanidade, como especie conformadora dun tempo mítico, nos vemos empuxados a reflexionar no presente mentres contemplamos empequenecidos o ceo, a galaxia, o cosmos.

En canto a Stratos, reproduzo as palabras de X.L. Méndez Ferrín que prologan a obra para adiantar o tema: “unha reflexión sobre a dexeneración do sistema capitalista”. Ao ler este cómic un non pode evitar lembrar Fragmentos. A cuberta sintetiza a liña de contido: dous mundos enfrontados, o pasado que nos leva ás orixes do home, utópico a un tempo, e un futuro ameazante ao que se nos sinala cun dedo atemorizado.  A explotación, a loita de clases, as fendas sociais, a perda de valores absorbidos polo afán de riqueza e a deshumanización, a ditadura das máquinas, do traballo, do capitalismo, o afastamento da necesaria relación home-natureza, a imposibilidade de acadar unha globalización harmónica sen caer na inxustiza social,… son algúns dos temas que  percorren a obra.

Miguelanxo Prado cuestiona  o presente e o futuro da nosa sociedade, apela cruamente, sutilmente, mesmo debaixo dun sorriso cómplice. É o home incapaz de reaccionar ou, neste determinar “pobrezas, riquezas, consumos, producións, éticas, políticas,…”,  estamos só a prolongar unha agonía?

Os premios avalan Trazo de tiza: Premio Alph Art en Angoulême 1994, Mellor Obra  Salón do Cómic de Barcelona 1994, Mellor Libro da Asociación de Libreiros Especializados de Francia 1993, Premio de Honor do Festival de Amadora  (Portugal) 1994, Premio ao Mellor Libro do ano do Festival de Hyères (Francia) 1993, Premio da crítica ao Mellor Libro do ano en Austria, 1994.

Sírvome das palabras do autor para introducir a obra: “(…) un sitio estraño (…). Un peirao inmenso sen apenas barcos, cuberto de mensaxes en todos os idiomas, unha muller cun negocio inverosímil y un fillo un tanto enigmático… todo isto nunha diminuta illa que non figura nas cartas, coroada por un faro que non funciona”. E un viaxeiro que chega a esta illa despois dunha tormenta.

Na obra paira permanentemente, como as gaivotas, o límite entre a realidade e a irrealidade, a existencia e a ficción. Organízase en sete capítulos nos que, ao inicio ou ao final, en branco sobre negro, se recollen citas, cartas, reflexións do autor fundamentais para a comprensión da obra. Pousos de Bioy  Casares, Van Dine, Borges, Armand Silas, Tabucchi ou Chateaubriand. Chiscadelas aos criterios editorialistas, provocacións ao lector. Pecha o cómic unha homenaxe a Hugo Pratt que se incorpora ao nó argumental abrindo novos interrogantes.

Trazos de “tiza”, permanentes e cambiantes a un tempo, “retazos desprendidos do faro branco, do dique branco, da illa branca”.

Por último, De Profundis. Non é un cómic ao uso, é máis ben unha sucesión de cadros, de imaxes que van acadando movemento a partires do seu suposto estatismo. Algo semellante a un contrapunto que se traduce nunha peza musical e visualmente harmónica. A obra parte do “poema visual” que é a película do mesmo título sobre a que atoparás información na súa páxina oficial.

O protagonista, un pintor con alma de mariñeiro, transmítenos a súa fascinación polo mar, un mar no que acabará mergullado, no límite entre a realidade e o soño. A pintura, o lirismo da palabra e a música dunha Penélope que tece e destece a súa melodía, convértese no fío do que imos tirando, fascinados pola capacidade do autor para atraernos a un mundo máxico, nun periplo saudoso e melancólico, calmo e emocionante a un tempo.

Miguelanxo Prado non só é un magnífico debuxante, tamén un intenso narrador.

E fomos de banda deseñada con Miguelanxo Prado


Os rapaces e rapazas de 4º da ESO e do Clube de Lectura e o alumnado que cursa Educación Plástica no Bacharelato asistiron onte no Salón de Actos a unha charla de Miguelanxo Prado. Grazas á teimosía do Equipo da Biblioteca e ás xestións da profesora Ánxela Doval, tivemos a oportunidade de coñecer o autor galego de banda deseñada máis recoñecido e premiado internacionalmente, que nos achegou as claves deste xénero a partir da obra de diferentes autores e da súa propia.

O debuxante coruñés situou o xénero en relación ás outras manifestacións artísticas, sobre todo establecendo as semellanzas e as diferenzas fundamentais respecto ao cinema, e pouco a pouco foinos introducindo no proceso de elaboración dun cómic: o deseño do guión, os bosquexos dos debuxos, o xogo dos planos, o papel dos textos, a estruturación das viñetas. a coloración, etc. Especialmente atractiva foi a exemplificación que Miguelanxo fixo de todo este proceso a partir do seu Trazo de xiz, do que coñecemos as mesmas entrañas dende que era unha simple idea que o autor anotou nun papel no trascurso dunha aburrida conferencia até que se converteu nun volume referencial no mundo do cómic tras tres anos de laborioso traballo.

Miguelanxo Prado foi premiado en diferentes certames e encontros especializados, como o Saló do Cómic de Barcelona e o Festival de Angulême, e o seu traballo atinxe os diferentes campos do grafismo e a ilustración, dende a pintura e o deseño gráfico ata colaboracións na prensa (Golfiño, El Jueves, La Voz de Galicia, etc.), en televisión (Xabarín Club) e no cinema, como responsable de Men in Black, serie de animación producida por Steven Spielberg. O responsable de “Viñetas dende o Atlántico”, o festival do cómic da Coruña, conta con traducións a diferentes idiomas de títulos como os premiados Trazo de xiz e Quotidiania delirante, que dende o pasado mes de febreiro conta cunha versión interactiva para iPhone.

En colaboración cos Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica, do Equipo de Normalización Lingüística e do Clube de Lectura, a Biblioteca do noso centro vén dedicando as últimas semanas a fomentar o coñecemento e a lectura do cómic entre o alumnado. Neste sentido, contamos cun novo catálogo de cómics para poñer a disposición dos lectores, cun obradoiro de elaboración de guións e con dúas exposicións cedidas por El Patito Editorial e a Consellaría de Cultura, que se suman aos superheroes elaborados polos alumnos de Plástica cos seus profesores e que enchen o recibidor do instituto. Así mesmo, no mes de maio proxectarase un ciclo de películas de ficción animada e o Clube de Lectura dedicou as súas sesións á posta en común de obras ilustradas, entre as que se atopan algúns dos títulos de Miguelanxo Prado.

Podedes ver máis imaxes do encontro con Miguelanxo Prado no álbum fotográfico de Certo, o xornal virtual do Barbanza.

Quotidiania delirante, de Miguelanxo Prado

De seguro que coñecedes a Miguelanxo Prado, sen dúbida  o autor máis relevante da banda deseñada galega. Pensade no Xabarín Club, do que moitos sodes socios; na serie de animación Os vixilantes do camiño, que protagoniza o porco bravo máis famoso da televisión; a Mansión dos Pampín, que moitos traballastes nas aulas de Ciencias Sociais por medio do Proxecto Terra; ou nos personaxes de Men in black, a serie de animación producida por Dreamworks, a factoría de Steven Spielberg. Se vos achegades pola biblioteca,  poderedes  atopar outros títulos de cómic como Trazo de Tiza, Os compañeiros. A orde de pedra ou Páxinas crepusculares. E se queredes coñecelo en persoa estamos de noraboa, pois  Miguelanxo achegarase ao noso instituto o vindeiro venres 30 de abril para falarnos máis polo miúdo da súa obra, da banda deseñada e dos seus proxectos máis inminentes.

Para comezar, deteremos en Quotidiania delirante, un álbum composto por pequenas historias que o debuxante Miguelanxo Prado comezou a publicar na revista humorística El Jueves ao longo de varios anos. En 1997 saíu o primeiro libro desta serie, que viu unha segunda entrega no ano 2000 e unha edición “integral” no ano 2003.

Segundo o autor, moitas das historias de Quotidiania Delirante sucedéronlle a el, aos seus familiares ou ás súas amizades e, aínda que recoñece que conteñen un chisco de esaxeración, son historias da vida cotiá, do día a día, que acontecen ao noso redor e que reflicten moitas das teimas da sociedade actual. Miguelanxo Prado achégase á realidade dende o compromiso social e dende unha perspectiva crítica do sistema que, xa se pode advertir nos propios títulos destes breves flashes de vida de tres ou catro páxinas que conforman as súas historias: “Funcionarios”, “Pon un dino en tu vida”, “Regalos de navidad”, “Compra a crédito”, “Pensión social”, “Publicidad”, etc. O consumismo insaciable, a tecnoloxía desmedida que desnaturaliza a vida, a utilización da imaxe da muller como obxecto sexual na publicidade, a burocracia incompetente, o poder dos cartos, a hipocresía, etc. son algúns dos temas que, con moitas doses de humor e ironía,  poderemos atopar nesta serie.

Dende o pasado mes de febreiro pódense descargar algunhas historias de Quotidiania delirante como cómic interactivo a través dun formato animado para iPhone e iPod Touch e a aplicación App Store de Apple. É o caso de “Meigas”, da que podemos ver un vídeo de demostración: