Cos clubs do Aquis Celenis en Sálvora lendo “Noite de temporal”

Van alá unha boa presada de  xuntanzas cos clubs de lectura do Aquis Celenis. É como reencontrarse con alguén da casa; unha amizade ancorada nas lecturas compartidas. Desta volta  decidimos que nos atopariamos en Sálvora arredor de Noite de temporal, de Núñez Singala.

Saímos para o porto de Riveira con chuvia e néboa, ao encontro dos mozos e mozas de Caldas, mais pouco a pouco a chuvia foise retirando. Recibíronnos as guías de Cruceiros Rías Baixas, María e Noa, das que salientamos a súa simpatía e profesionalidade, así como a insistencia nos valores que deberían rexer un Parque Nacional.

Sálvora recibiunos cuberta, pero a chuvia retirouse para ofrecernos unha xornada de excepción. Fomos descubrindo a fermosura desta illa que cantara Cabanillas en Na noite estrelecida (“… unha illa encantada / de rochedos de coral / esmeralda verdegaia / ao resplandor do luar / bicada de manseliñas / augas de limpo cristal/ na que as sereas ensaian / seu namorante cantar”). A herba de namorar agardábanos florecida e, coas gaivotas, acompañounos durante a ruta.

O almacén, a capela, o faro, a aldea, os hórreos, a fonte, o lavadoiro, os cabalos, os rochedos adobiados con liques alaranxados, as figueiras en loita contra o vento, os sabugueiros, os loureiros… Toda a illa a falarnos do seu vivir.

Nas mochilas levabamos Noite de temporal. Nel ían soando os berros dos homes, mulleres e nenos que viaxaban no Santa Isabel aquela noite do 2 de xaneiro de 1921. Nel as voces de Josefa Parada, Cipriana Oujo, María Fernández,  José Parada, Manuel Caneda, Francisco Oujo… botando ao mar as dornas para socorrelos. Morreron 213 persoas nesa noite de temporal. Conseguiron salvar preto de 60.

E lemos no faro, na aldea e a carón dos hórreos para lembralos.

Este é o vídeo que montaron no Aquis!