Laxeiro: un xeito de ollar

Laxeiro, o pseudónimo co que sempre asinou as súas obras José Otero Abeledo, foi a figura homenaxeada no ano 2022 no Día das Artes Galegas pola Real Academia Galega de Belas Artes. 

É unha das figuras máis representativas do Movemento Renovador da pintura galega. Emigrado, vangardista e orixinal espandeu a cultura rural e tradicional galega a través das súas obras pictóricas. 

Fixemos unha selección dalgunhas das súas producións que podes ver na exposición que colocamos nas cortizas que hai nos corredores próximos á biblioteca e tamén no noso blog ‘etikeles’. Inspirándote nelas o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e o de Biblioteca propoñémosche que escribas un microrrelato. Para iso deberás escoller un dos seus cadros e expresar aquilo que che suxira dun xeito literario. 

Recordámoste que no blog tes consellos para escribir un microrrelato e podes ler algunha mostra: https://etikeles.wordpress.com/2016/04/12/microrrelatos-sorprendendo-o-lector/

BASES

  • Os microrrelatos deben presentarse en galego, independentemente de que conten para a materia de castelán ou de galego.
  • Cada persoa só poderá entregar un.
  • Has de inspirarte nun dos cadros de Laxeiro (incluídos os gravados). Escólleos entre os que figuran na exposición (nela tes un libro sobre Laxeiro como pintor que podes consultar) e no documento que aparece na entrada do blog e da AV. Copia a imaxe no documento que entregues ilustrando a túa creación. Inclúe un pé de foto co título. 
  • Os textos deben ser orixinais.
  • Publicaranse no blog da biblioteca os gañadores e unha selección dos presentados.
  • O xurado resérvase o dereito de deixar deserta algunha das categorías se os textos carecesen de calidade.
  • Os traballos entregaranse á profesora responsable a través da Aula Virtual en formato pdf cun pseudónimo e contarán para nota para a 2ª avaliación desa materia (Lingua Galega ou Lingua Castelá).
  • O prazo límite de entrega será o venres 3 de marzo de 2023 e fallarase o premio o día venres 31 de marzo de 2023 no primeiro recreo.
  • A entrega de premios terá lugar na biblioteca no 2º recreo do día 31 de marzo.

CATEGORÍAS

  • A: 1º e 2º de ESO
  • B: 3º e 4º de ESO
  • C: 1º e 2º de BACHARELATO e ciclo.

PREMIOS POR CATEGORÍAS

En cada categoría haberá dous premiados. O premio será… 

Advertisement

Xosé María Díaz Castro con Serafín Marcos

A nosa compañeira Juana Poza achéganos a reseña que recolle a visita de Serafín Marcos ao noso centro con motivo da celebración do Día das Letras:

“Serafín Marcos comezou dando renda solta á enerxía do alumnado animándoos a berrar e facer fotos co móbil de maneira compulsiva, para logo ir falándolles de distintos temas, en principio non relacionados entre si: as profesións, a luz, o universo, a natureza, as linguas, a guerra… intercalando, ao tempo,  poemas. Ao remate da sesión explicounos que o nexo entre todo o tratado anteriormente non era outro que a vida e o pensamento de Xosé María Díaz Castro, que aparece reflectida nos seus poemas.

Esta actividade foi moi participativa, con intervencións do máis sorprendentes para os rapaces, como deixarse cortar o pelo por un alumno enriba do escenario para poder conseguir un “look” parecido ao do poeta homenaxeado. Foi, dende logo, innovador, didáctico e divertido”.

SerafínSerafín 1

O vídeo:

Serafín Marcos / X.M. Díaz Castro from SonCine on Vimeo.