O bosque dos raposos aforcados

Esta semana tivemos a segunda sesión do club das mozas (e un mozo…🤔) de 4º e bacharelato. O libro: “O bosque dos raposos aforcados”, de Passilina. Rimos, rimos moito. Foi unha sesión ben agradable!🙂🙂👌📖📖 Falamos dos personaxes, da linguaxe, da mestura de realismo e ironía, desa extravagancia vivida como algo natural, da natureza, das guerras incomprensibles, das linguas minorizadas e a súa normalización, da historia de Finlandia no século XX… Rut e eu fomos estando de baixa, por non perder a sesión, pero pagou a pena! Un grupo adorable! Vitaminas que dan azos para seguir!
A presión dos exames de 2Bach fixo que falatasen algunhas…. Este sistema…! 😒

O bosque dos raposos aforcados

Van alá xa varias sesións do club de lectura. Rut e eu ímolo disfrutando e parece que as mozas e mozos tamén. Comezamos con Blankets, logo veu El arte de volar  e a película El nombre de la rosa. O Nadal deunos algo de tempo para facer a nosa “viaxe” a Finlandia da man de Paasilinna.

Rimos. Fixémolo xa dende o comezo aprendendo a dicir “ola” e “adeus” en finés:


E rimos de novo:

Un ladrón fuxido da xustiza, un militar “fuxido” da vida do exército e unha vella fuxida dos servizos sociais que a queren levar a un asilo leváronnos a un espazo onde o especional, mesmo o surrealista, se traduce en normal. O humor desconcertante que caracteriza o autor, que acada o seu clímax na segunda parte da novela, vainos levando de sorriso en sorriso, mesmo ata a gargallada compartida, deixando como pouso a crítica sobre unha realidade que, con máis frecuencia do desexado, identificamos cercana. No camiño imos coñecendo a cultura finlandesa, sabendo dos seus ritmos ancorados aos ciclos da natureza, envoltos nesa luz boreal de variacións e intensidades tan alleas a nós.

Na xuntanza salientamos a valía da tradución de Tomás González Ahola, que, en comparación coa castelá, gaña en matices e multiplica os significados. Un dos elementos onde este labor está máis logrado é no uso do galego dialectal (con gheada e seseo) que caracteriza a certos personaxes:

“Vaia, oh! Pero se che é Óeva. E logho viñeches de vacasións dende Suesia?”

A reflexión sobre este enriquecemento que comporta a tradución que publica Rinoceronte, levounos a tratar o tema das linguas en Finlandia. Foinos ilustrativo un artigo de Ferrín onde salienta como este país, cunha lingua reducida a condición oral durante os tres séculos de dominación sueca e rusa, revitalizou o finés ou finlandés. Este idioma da familia finoúngria que, como o vasco, se caracteriza pola súa singularidade -pois só comparte parentesco co estonio-, foi normalizado e transformado na marca de identidade e cultura dun país que conta cun 100% de alfabetización e acadou o maior nivel de utilización das bibliotecas públicas por persoa. É  innevitable non facer comparacións e devecer por semellarnos, algún día, a ese afastado veciño desta Unión Europea que parece estar derrubándose ao tempo que arrastra os pequenos-grandes avances sociais – entre eles, os lingüísticos- acadados ata agora.

Rimos e viaxamos. Percorremos a terra dos mil lagos cos vídeos do Cervantino 2011, unha serie de catro partes, sendo o último o que nos leva a Laponia, ao territorio saami, onde se desenvolve a novela:

Imaxinades rematar a sesión do club de lectura nun moki -dinos a nosa compañeira Ánxela que así se chaman as cabanas finlandesas- cunha boa sauna e un baño nas frescas augas dun lago?!