Certame de Poesía Visual Letras Galegas 2010

O Equipo da Biblioteca, o Departamento de Lingua Galega e o Clube da Lingua do IES de Porto do Son convocan o Certame de Poesía Visual Letras Galegas 2010, un concurso que procura achegarvos a poesía de Uxío Novoneyra, o autor homenaxeado neste ano, a todo o alumnado do instituto. Convidámosvos a recrear os poemas e a traxectoria vital do Poeta do Courel por medio da elaboración de caligramas e colaxes nos que experimentedes coa forza das palabras, o son dos versos, as emocións das cores e as formas máis imaxinativas. Pero, de que estamos falando?

Un caligrama é un poema escrito de tal xeito
que o texto fai un debuxo que, polo xeral, garda
relación co contido dos versos.

A colaxe poética é unha composición formada
por versos e palabras de diversos textos que
poden ir acompañadas de debuxos e imaxes.

Para coñecer máis polo miúdo estas técnicas creativas e inspirarvos nas composicións máis suxerentes botádelle unha ollada á seguinte presentación:

Escolma de caligramas e colaxes IES de Porto do Sonhttp://static.slidesharecdn.com/swf/ssplayer2.swf?doc=escolmadecaligramasecolaxesiesdeportodoson-100415101300-phpapp01&stripped_title=escolma-de-caligramas-e-colaxes-ies-de-porto-do-son

View more presentations from Román Landín.

Aínda que sempre podedes acudir á Biblioteca do centro ou á rede para mergullarvos na poesía e a vida de Uxío Novoneyra, neste blogue tamén contades coa seguinte selección de textos do autor:

http://static.issuu.com/webembed/viewers/style1/v1/IssuuViewer.swf?mode=embed&viewMode=presentation&layout=http%3A%2F%2Fskin.issuu.com%2Fv%2Fcolor%2Flayout.xml&backgroundColor=2A5083&showFlipBtn=true&documentId=100415151559-feb63731daac4cfa8d91aae9379e5d9c&docName=escolma_de_poemas_de_ux_o_novoneyra__letras_galega&username=etikeles&loadingInfoText=Escolma%20de%20Poemas%20de%20Uxio%20Novoneyra%20(Letras%20Galegas%202010)&et=1271344842833&er=40

Estas son as bases do certame:

1. Pode participar o alumnado da ESO, Bacharelato ou do ciclo formativo.
2. Cada alumno/a participará cun caligrama ou unha colaxe -con texto- orixinal, inédita e en galego aínda que pode presentar máis dun traballo. Valorarase a orixinalidade, o contido, a expresión correcta e unha
presentación coidada.
3. As obras non irán asinadas, identificaranse cun pseudónimo e entregaranse en sobre pechado. No seu interior, nun papel dobrado, anotarase nome e apelidos e grupo ao que pertence. O sobre depositarase nunha caixa disposta na Conserxería para tal fin.
4. A temática será a obra e a figura de Uxío Novoneyra, que poderá ser recreada a partir da antoloxía traballada na aula ou de calquera outro material.
5. Os traballos non superarán as dimensións dun folio DIN A4. Poderán presentarse manuscritos ou a ordenador.
6. A presentación de orixinais terá como data límite o 18 de maio.
7. A participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nas páxinas do centro.
8. O xurado estará integrado por cinco persoas, alumnos/as e profesores/as e a resolución darase a coñecer o 25 de maio.
9. Haberá dous premios (camisolas, USB, CDs e libros) en cada categorías:

  • Categoría A: 1º, 2º e 3º da ESO; e
  • Categoría B: 4º ESO, Ciclo e Bacharelato.

10. Os premios poderán ser declarados desertos. A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.

Cinco motivos para ler poesía

Hoxe, 21 de marzo, conmemórase o Día Mundial da Poesía, e dende a nosa biblioteca queremos animarte a ler poesía lembrando os cinco motivos que nos dá o escritor Fran Alonso e tan fermosamente ilustraron na Biblioteca do IES de Sanxenxo.

Para celebrar este día, transitamos polas produtivas alianzas da música e a poesía da man de Fanny & Alexander, que lle dan forma musical aos versos de don Ricardo Carvalho Calero.

María Silenzo

Cabeleira de chuvia, ollos de néboa.
María Silenzo, esfarrapada, á espreita.

Sempre agardando, pola noite, as barcas.
A túa anguria fala con olladas.

María Nocturna: no peirán ¿que esperas?
¿polo día non vives?
¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?

María Silenzo, sempre dura e muda…

¿Cal é a barca que agardas?

Das fontes dos teus ollos
flúen ríos de sono.
Pero ti sempre dura e desvelada,
batida polo vento, no peirán…

María Silenzo, eu roubaría
no ceu
a estrela de mel,
na agua
a estrela de prata,
pra che mercar a fala.

Se queres ulir flores,
dareiche a flor da lúa.

María do Mar, ¿que barca agardas?

¿Queres o sol, carne de lúa fría?

O sol é un porco-espiño disfrazado.
No mar agora, ourizo de mar, dorme.

Pescado pola cana do abrente,
dareicho eu, raiolante e mollado.

¡María Silenzo, Voz Dormida: fala!

¿A que afogado esperas,
María da Sombriza Espranza?

María Silenzo, ¿agardas a túa voz?
¿As ondas do mar levado roubároncha?

De chuvia e vento vestida,
María Silenzo, calada…

Carvalho Calero, Ricardo (1980), Pretérito Imperfeito (1927-1961)