Teo. Portosín.

O que foi tema do ano, o mar, foi tamén elo coas familias: irremediablemente, necesariamente. Pais, nais, avós… a familia enteira que sabe do mar, que vive do mar. Nas fotos, nas entrevistas, nas investigacións e, agora tamén, detrás da cámara. David montou as imaxes e escolleu a música e fíxonos a todos e todas un pouco Teo. Tomamos o vídeo e as palabras directamente de Soncine.

 “O mar é un. Algúns dos pais dos nosos compañeiros proceden de Perú, de Ilo, en Moquegua. Son mariñeiros. Teo Coari accedeu a levar ao traballo a nosa camariña. Nunca filmara nada. A naturalidade, a delicadeza da súa mirada, decidiunos, despois de moitas probas de montaxe, a deixar o vídeo case como veu do mar.

Citamos no son unha canción de Lamatumbá sobre o traballo do mar, e unha canción de amor de aCadaCanto, que fala do destino, do mar e da distancia. Podedes ver as súas webs lamatumba.com/ e musicasdesalitre.com/
O vídeo forma parte dunha serie de tres sobre o mar en Portosín.”