ANOTACIÓNS PARA LER “RESISTENCIA” NO CLUB

 

 

 

 

 

 

 

 

Os rapaces e rapazas do club de lectura, facendo padal xa para a viaxe a Aveiro, leron Resistencia de Rosa Aneiros (ben, non todos leron, mmmmm). Para achegarnos ao contexto histórico e espazo-temporal da novela, antes, investigamos un pouquiño… Premede na imaxe para consultar a información que recompilaron (este blog está limitando a publicación dalgúns recursos de edición):

Mentres algúns investigabamos, outros gravaron algún fragmento na radio; agardaremos a que teñamos un tempiño para editalo!

Aprendendo, investigando,gravando na radio… con “Resistencia”

A lectura deste mes do club dos maiores do alumando é Resistencia, de Rosa Aneiros. Andamos con lecturas abeiradas á temática proposta polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil: as Revolucións e a Lusofonía. E imos facendo padal para a viaxe de fin de curso dos clubs a Aveiro co Aquis Celenis!

Así que, mentres os máis novos tiñan a xuntanza na biblio, nós viñemos á aula TIC e á radio! Mentres uns investigabamos sobre algúns dos puntos de interse da novela (os espazos, o colonialismo e a descolonización, a Revolución dos Cravos, Grândola, Inés de Castro…) outros comezaban a gravar un programa na radio cunha lectura de fragmentos da obra. Na seguinte sesión, poñeremos en común o que apredemos e a obra xa rematada.

 

 

 

 

 

 

 

 


O alumado recomenda… Ás de bolboreta

XG00155502Aquí vos deixo a reseña que a alumna de 4º de ESO María Santiago Mareque realizou da obra Ás de bolboreta de Rosa Aneiros:

“Este libro da editorial Xerais foi publicado en outubro de 2009, na colección Fóra de Xogo. Recibiu o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil dese ano.

A historia parte de varios lugares diferentes (Melilla, Lahore, Compostela, Istambul, Londres, Sharanisn, Bos Aires e Kurdistán) pero todos levan a un mesmo espazo onde se unen: o bar Luzada.

Patricia é a muller que rexenta o negocio; Lola e Eusebio, os antigos donos que viven no primeiro piso; Iqbal sempre escribe no ordenador a unha moza da que está namorado; o avó e o seu neto Manuel que agardan a chegada do pai; Adolfo, sempre ollando en segredo os seus fillos, Fiño e Lucía; a muller da túnica pendente do teléfono; Mohamed, un musulmán en contra da guerra santa; Milhomes, o taxista; Aysel e o seu sogro Daray, metidos na guerra do Kurdistán; Ana , que cada día rexeita a Roberto; a parella que intentaba cruzar a barreira entre dous mundos; a fermosa historia de Quays (Maijnún) e Layla; Paco, orgulloso dos seus tres fillos; e a Filomena, a señora que limpa o colexio e ten o seu fillo Raúl na guerra de Sudán.

O libro gustoume, aínda que se me fixo difícil recoñecer algúns dos seus personaxes xa que cambia de historia en cada capítulo. A miña favorita é a de Manuel e o seu avó. Manuel, un neno moi curioso que fai preguntas e o avó, un señor que se esforza en ser agradable para conversar con el.

Recoméndolle esta novela a aquelas persoas ás que lles gusten as historias da vida real. Teno todo: amor, retranca, maltrato, amizade…”

2 de abril: Día do Libro Infantil e Xuvenil

Dende 1967, o 2 de abril, o IBBY (International Board on Books for Young People) celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. A data conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.

“Nada máis empezar a ler comprendín que a aventura estaba servida (…) todo me transportou a un mundo apaixonante e descoñecido”. Cantos de nós podemos identificar un momento da nosa infancia con esta frase! Pois ben,  o escritor Eliacer Cansino describe así a fantástica viaxe que é a lectura  que a debuxante Noemí Villamuza acompaña coa fermosa imaxe do cartel desta edición.

Sabedes que a palabra non ten fronteiras, pero hoxe, como galegos non podemos deixar de mirar con fachenda todo o que no panorama da literatura infantil e xuvenil se está a facer en Galicia. Proba disto é o recoñecemento recibido por dous dos nosos escritores: Agustín Fernández Paz e Rosa Aneiros.

Agustín Fernández Paz, un dos nosos escritores máis lido e traducido, vén de ingresar na Lista de honra do 2010 de literatura infantil e xuvenil da IBBY coa obra O único que queda é o amor. Súmase este recoñecemento aos moitos premios que ten recibido o autor.  Moitos de vós coñecedes xa a súa obra: Contos por palabras – seleccionado como un dos títulos fundamentais do xénero do xéculo XX-,   Cartas de inverno, As flores radiactivas, Rapazas, O centro do labirinto, Noite de voraces sombras, …

Rosa Aneiros é xa unha autora coñecida no noso blog, nas entradas que temos feito sobre O xardín da media lúa, Sol de inverno e Ás de bolboreta. Esta última obra foi seleccionada para formar parte da prestixiosa exposición The White Ravens 2010, que a Internationale Jugendbibliothek organiza anualmente no marco da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia , onde se dan a coñecer os mellores textos infantís e xuvenís (250 libros en máis de 30 idiomas, pertencentes a máis de 50 países).

En Bolonia estará tamén o ilustrador coruñés David Pintor, escollido para formar parte dos 87 ilustradores (de entre 2000) presentes na feira, coa súa obra Cidades de papel publicada por El Patito Editorial.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria declarou o 2010 Ano do Libro e a Lectura en Galicia. Estamos polo tanto de enhoraboa e os recoñecementos para os nosos autores e ilustradores agroman no eido internacional! Participade con nós do placer da lectura!

Unha tarde no deserto

A sesión de onte do Clube de Lectura volveu transportarnos ao mundo árabe como antes xa o fixeron os libros Palabras de caramelo e O Señor Ibrahim e as flores do Corán. Onte viaxamos á Meca da man de Rosa Aneiros, que nos achegou a historia do “inocente” Mohamed e as peripecias e ensinanzas da súa viaxe ao prinicipal santuario dos musulmáns. Este é un dos contos que podemos atopar n’O xardín da media lúa, un libriño que nos trae as lendas e historias das mil e unha noites, narracións orais que pasaron de xeración en xeración para seren contadas de moitos xeitos, tamén en galego. Mohamed ensinounos a superar con imaxinación e astucia os obstáculos e as artes de certos homes que provocan desconfianza nas xentes boas.

Da peregrinación á Meca volvemos sobre os nosos pasos para mergullarnos na dolorosa situación do Sahara. Mais fixémolo conducidos pola voz agarimosa e doce de Lalia, unha nena saharauí que vive nos campamentos de refuxiados en Alxeria soñando con voltar ao seu país. Lalia narra o que ve, o seu mundo, o real e o soñado, o que viviron os seus e os que ansia vivir ela no futuro, o cruel confinamento que vive ela e o seu pobo exiliado e a liberdade que sente cando pecha os ollos e pode ver o mar que baña o seu Sahara roubado.

Foron 14 minutos intensos nos que o silencio dos membros do Clube deixou paso á voz de Lalia, só atenuada polos sons da percusión e a guitarra árabes. Logo quixemos poñer por escrito no papel, nunha escrita colectiva e automática mediante a técnica do cadáver exquisito, as sensacións que nos impreganara esta curta que recomendamos.

LALIA

Tempo sen resolver,

Sahara é o nome que inspira o meu corazón.

As mulleres tamén poden ser redeiras.

A avoa facía os tés. Amargos, doces e suaves. Coma o amor, a vida e a morte.

Cando súa nai cantaba, a Lalia encantáballe.

Meu avó percorreu o deserto.

A imaxinación fai voar, ata chegar ó mar.

Ás veces a lúa agáchase porque ten vergonza.

e o sol aloumiña o mar e dálle unha aperta moi grande.

Deserto. Cálido. Mar.

No deserto hai haimas.

Os camelos teñen cara de profesores e nais que miran as estrelas.

As estrelas da noite enténdenme.

No campamento sopra o vento,

que forma tormentas de area.

Se pechas os ollos podes imaxinar calquera cousa.

Non queremos que os homes vaian á guerra.

Lembro moi ben as cancións que me cantaba a miña avoa.

Coa escusa de cantar, o tempo está a pasar.

Non choro cando miña nai me conta historias.

Para Lalia o seu é o deserto máis aburrido.

Aprendes cousas na escola.

Cando pecho os ollos vexo todo o que soño

e soño cunha escola na que hai espellos,

e cunha Flor. Rosa. Corazón. Rosa.

Lalia di que o mar é o como un deserto de auga.

Sen ter anestesia non se pode operar.

Mamá, quérote.

A súa avoa facía os tres tés: amargo, doce e suave. Coma o amor, a vida e a morte.

No mundo hai moitos países, eles queren ir para o seu país.

O Sahara non é un país que está afastado do mar.

Lendo a Rosa Aneiros

Achegámonos a dúas obras da autora de Resistencia,  Rosa Aneiros,  galardoadas no 2009: Sol de inverno, que lle valeu o Premio Xerais de novela na súa edición número 26, e Ás de bolboreta, coa que acadou o Premio 2009 da Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.

Sol de inverno é palabra, é memoria. Nun ti narratorial que apela a un tempo ao lector e á nena-muller que é Inverno, a autora mergúllanos nunha viaxe vital que parte da aldea de Antes e que nos leva por Barcelona, Francia e Cuba. O Antes da Galicia rural e mariña das augas do mar bravo, a Barcelona da loita republicana, a Francia acolledora e madrasta distante, a Cuba das sensacións, da emigración, do exilio, do escravismo, do tabaco, da riqueza e a pobreza, da loita e a resignación. E no cerne, a nena Inverno a recuperarse a si mesma pola palabra.

Os temas que hoxe nos conmoven, que botan as mans a través da pantalla do televisor, do noso ordenador ou do xornal, están presentes en Ás de bolboreta: a loita dos pobos oprimidos, os fundamentalismos relixiosos, a situación da muller na nosa sociedade, o maltrato, a violencia, o traballo que nos abafa ou que nos rexeita, a soidade dos avós, a soidade dos fillos, a dificultade de atoparse nun país alleo e a morriña do propio, a procura de nós mesmos… A vida pousada enriba da mesa dunha taberna. Sete avelaíñas que se arremuíñan ao redor da Luzada, onde Patricia frega na barra as feridas que nin a lixivia pode borrar. Quizais a neve a tinxir esperanzas!

  Aquí vos deixo un video do programa emitido no mes de novembro en Libro Aberto, espazo de libros e literatura da Galega,  onde se entrevista a Rosa Aneiros.