A Terra de Anna?

A Terra de Anna, a nosa Terra. Ao fío do tema do cambio climático, o club d@s Lerpeir@s uniuse ao d@s Benxamíns cunha lectura que promove o cuestionamento sobre a responsabilidade que temos no mantemento da natureza e da súa biodiversidade. Quen mellor que o filósofo e escritor Jostein Gaarder para provocar en nós as preguntas que nos levan a valorar ata que punto os países están mantendo os compromisos adquiridos nos distintos cumios e se estes son ou non suficientes. Que pode facer a mocidade para mudar o que semella inevitable?

Acompañamos a lectura traendo á mesa de conversa a serie de cómic Os mundos de Aldebarán, de Leo e, con especial querencia, unha selección de fragmentos da película O sal da Terra, de Sebastião Salgado. Que levou a este fotógrafo a percorrer o mundo coa súa cámara? Que hai nesa mirada? Tras a dor, a deseperación ante o observado, existe a esperanza? Si, existe: Sebastião e a súa muller, Lélia Wanick, conseguiron reforestar unha zona “morta” e crear nela o Instituto Terra. Si, é posible!

Rematamos esta sesión do club coa xanela aberta. As pequenas accións poden facerse grandes!