Achegámonos a dúas obras da autora de Resistencia, Rosa Aneiros, galardoadas no 2009: Sol de inverno, que lle valeu o Premio Xerais de novela na súa edición número 26, e Ás de bolboreta, coa que acadou o Premio 2009 da Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil.
Sol de inverno é palabra, é memoria. Nun ti narratorial que apela a un tempo ao lector e á nena-muller que é Inverno, a autora mergúllanos nunha viaxe vital que parte da aldea de Antes e que nos leva por Barcelona, Francia e Cuba. O Antes da Galicia rural e mariña das augas do mar bravo, a Barcelona da loita republicana, a Francia acolledora e madrasta distante, a Cuba das sensacións, da emigración, do exilio, do escravismo, do tabaco, da riqueza e a pobreza, da loita e a resignación. E no cerne, a nena Inverno a recuperarse a si mesma pola palabra.
Os temas que hoxe nos conmoven, que botan as mans a través da pantalla do televisor, do noso ordenador ou do xornal, están presentes en Ás de bolboreta: a loita dos pobos oprimidos, os fundamentalismos relixiosos, a situación da muller na nosa sociedade, o maltrato, a violencia, o traballo que nos abafa ou que nos rexeita, a soidade dos avós, a soidade dos fillos, a dificultade de atoparse nun país alleo e a morriña do propio, a procura de nós mesmos… A vida pousada enriba da mesa dunha taberna. Sete avelaíñas que se arremuíñan ao redor da Luzada, onde Patricia frega na barra as feridas que nin a lixivia pode borrar. Quizais a neve a tinxir esperanzas!
Aquí vos deixo un video do programa emitido no mes de novembro en Libro Aberto, espazo de libros e literatura da Galega, onde se entrevista a Rosa Aneiros.