O principiño…, unha flor, unha torre de Babel

Que valor pode ter o nacemento dunha flor como esperanza de paz no mundo que estamos vivindo?

Saint de Exúpery deunos as palabras no comezo do capítulo VIII de O principiño. Nunha singular torre de Babel que encheu a nosa biblioteca na conmemoración do Día do Libro, léronnolas Aya, Uxía, Mauro, Robert, Ainhoa, Raquel, María, Leyao e Susana (colaboración no grego). Dende Soncine, Manela, Celia, Álex e David apórtannos a súa mirada na gravación e a montaxe do vídeo.

Si, o nacemento dunha flor pode traer a esperanza…

Advertisement

A Xornada pola Sostibilidade en SonCine

SonCine vén de recoller en vídeo a Xornada pola Sostibilidade do 21 de decembro. Nel recóllese esta xornada de convivencia na que fomos sementando un futuro un pouco melllor. Pequenas/grandes accións! A biblioteca colaborou na organización e na selección de curtametraxes e documentais.

21 de decembro, Xornada pola Sostibilidade! from SonCine on Vimeo.

Entrevistando a Ledicia Costas

Lembraredes que alá polo final de novembro, Ledicia Costas visitou o noso centro para falarnos do proceso de creación da obra coa que gañou no 2016 o Premio Lazarillo, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, publicada por Xerais. Daquela xa vos contaramos que Adriana, Lara, Raquel e Xavi lle fixeran unha entrevista. Pasamos un rato ben agradable! Pois vén, agora partillámola convosco porque vén de ser publicada en SonCine. Parabéns para as chicas e para Xavi e, por suposto, o noso agradecemento a Ledicia.

mulleresplanta from SonCine on Vimeo.

E si, Maruxa Mallo, coma nós, e como Ledicia Costas, semellaba ter querencia polas “mulleres planta”:

2016070214230291537

Maruja-Mallo-Sorpresa-del-trigo-1936

Unha primavera para Aldara. O vídeo, a entrevista.

Hai un mes, María Barcala e Xúlio Lago, estiveron na nosa biblioteca para falarnos da posta en escena de Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure, obra teatral que foi lectura e obxecto de traballo no primeiro trimestre na materia de Lingua Galega en 1º de Bacharelato.

Agora, despois dun tempo ben atarefado de cursos e correccións, atopamos un momento para retomar o fío. Nestas semanas David foi montando o vídeo e recibimos de Xúlio e María as respostas ás cuestións que lles enviamos por correo. O alumnado tiña previsto facerlles unha serie de preguntas, pero as case dúas horas, tan interesantes, da charla pasaron nun intre e o timbre marcou o remate. Algúns deles recolleron datos e fixéronnolos chegar.

A continuación achégovos o vídeo, algunha información recompilada por Natalia Agraso, Rebeca Corrales, André Garabato e Manuel Ventoso, de 5º B e a entrevista. Hai que adicarlle un bo rato, pero paga a pena!

Moitas grazas a todos e todas e, en especial a Xúlio e a María.

Do texto á escena con Teatro do Atlántico from SonCine on Vimeo.

DA CHARLA:

Natalia, Rebeca, André e Manuel lémbrannos aspectos da charla e dalgunhas das preguntas que eles tiñan preparadas:

 “Á hora de levar a cabo a obra de Unha primavera para Aldara enriba do escenario tiveron en conta o seguinte:

A pesar de ter atopado algún inconveniente na obra de Teresa Moure, o director e mais a actriz que nos acompañaron na tarde do luns 9 de novembro, afirmaron quedar enfeitizados co engado desta peza teatral. Foi por iso que decidiron levar a cabo a representación enriba do escenario. A continuación móstranse algúns deses “pros e contras” que Xulio Lago mencionou ao longo da charla:

  • Inconvenientes da obra:
  • Extensa duración; cando o normal para un espectáculo dunha hora e media son aproximadamente 70 páxinas, atopáronse cun guión de máis de duascentas, polo que tiveron que recortar en moitos aspectos (escenas, personaxes …). Reduciuse de 39 escenas a tan só 16.
  • Era unha técnica totalmente nova para Teresa Moure, mais o director apuntou que ela lles proporcionou liberdade para afrontar a posta en escena da obra.
  • Intereses na obra:
  • Os temas tratados, por exemplo o maltrato (porque a pesar de ter lugar no século XV, desafortunadamente podémolo situar en pleno século XXI).
  • Personaxes interesantes con moita “chispa”, como os freires.
  • Tempo histórico no que transcorre e o feito de tratar o espírito irmandiño
  • Riqueza lingüística utilizada.
  • Soño de liberdade.

A nosa pregunta resolta ao longo da charla:

  • Como se levou a cabo a escolla do vestiario?

María Barcala baseouse nas roupaxes vistas na súa visita a un convento de clausura. Engade que as monxas se portaron moi ben con ela deixándolle fotografar un álbum que elas gardaban e incluso mostrándolle os baixos dos vestidos que levaban postos.

Un detalle que ela tivo en conta e no que profundou, foi o feito de que levaban un látego colgado do cinto que utilizaban para “evitar tentacións”, mais Carola foi a única que o levou enriba do escenario. Tendo que en conta que era o personaxe que ela mesma interpretaba, é obvio que decidira usalo, pois sabía da súa importancia na indumentaria  habituail dos conventos -doutros tempos, supoñemos-.

O traxe principal compúñase dun velo branco que levaban arredor da cabeza e dunha cuberta negra, mais ao levalo a escena, orixináronselles numerosos problemas, xa que coa iluminación non terminaban de concordar. Foxen do branco e do negro por temas luminosos.

Foi por elo que utilizaron as cores marrón e cru como protagonistas dos hábitos.  A prenda principal era unha capa base de cor cru, feito con tecidos rústicos como o algodón; unha toga cubríalles a cabeza e por último un velo de cor marrón.

As roupaxes de Don Nuno compúñase dunha peza moi traballada, con rotos e zurcidos moi logrados para que os espectadores creran con veracidade que pertencía a un auténtico guerreiro como foi Don Nuno.

O gorro de Pero foi outra das pezas que nos mostrou, estaba feito con retais de pel.

Por último amosounos unha capa negra de lá que pertenceu á avoa da actriz e que utilizaban de cotío para facer cambios de tempo e de espazo, pois era moito máis crible e rápido que un cambio de luces.”

A ENTREVISTA:

Sheila, Silvia, Andrea e María:

X/ M: Que vos levou a levar esta obra á escena?

Resposta de María.- Xa dende a primeira lectura desta peza sentinme arrebatada pola súa temática, pola complexidade de temas que propón. A liberdade como instrumento fundamental nas decisións da nosa vida; a valentía para enfrontar sen medo –ou a pesares do medo- aquilo que coidamos importante á hora de desenvolvérmonos como seres humanos: o noso medio de vida, a nosa sexualidade, as nosas relacións, a xustiza cando esta devén en inxusta, o mal trato ás mulleres por parte deses homes que deberan ser compañeiros cos que medrar conxuntamente… E todo isto, de tanta actualidade, ubicado no espazo pechado dun Mosteiro Feminino, coas súas Regras,  e no momento en que se produce en Galicia a Revolta Irmandiña. Un texto cun amplísimo reparto feminino, cousa moi pouco frecuente, escrito por unha autora galega, e nun coidado idioma que axuda a envolver en beleza o drama da peza.

X.Subscribo

X/M: Que supuxo ser amplamente nominados nos María Casares e recibir os premios ao mellor espectáculo, mellor director, mellor actriz protagonista (María Bouzas) e os de texto orixinal, escenografía, vestiario e iluminación?

Resposta de Xúlio: A posta en escena de “Unha primavera para Aldara” supuxo un notable esforzo artístico e empresarial, no que –como case sempre— o resultado final podería ter sido catastrófico. A experiencia humana tamén podería ter sido catastrófica; son moitos meses de traballo duro e complexo entre persoas con diferentes sensibilidades, nunha actividade, como a teatral, na que se xoga con emocións e na que as actrices e/ou os actores vense sometidos durante meses a unha visión crítica transmitida desde a dirección de escena na que, até escoitar que algo “está ben” teñen que aceptarse moitos “NON”; Daquela, logo de moito sofrimento,  cando chegan as representacións e os espectadores transmiten de maneira misteriosa o seu respaldo e cando ese respaldo chega tamén desde os compañeiros e compañeiras de profesión que son os que conceden os Premios María Casares, aqueles seres fráxiles e precisados de afecto e recoñecemento que son os creadores escénicos –actrices ou actores, escenógrafos, directores, iluminadores, deseñadores, etcétera—sentímonos como un cativo o día de reis. Somos felices, (ata o día seguinte, polo menos). A vertixe sufrida durante  o proceso de ensaios pagou a pena.

Nerea, Ainhoa, Esther e Aldo

X/ M: Teresa Moure, nunha charla que deu neste centro, comentou que comezou a escribir esta obra porque Antón Reixa lle propuxo facer un guión para o audiovisual. Vedes esta obra como unha posible película?

Na súa versión orixinal, rotundamente si.

Germán, Aitana, Iris, Lorena

X: Respectaches as indicacións da música que a autora introduciu? Como se resolveu este tema? Que opinas da escolla musical que Teresa Moure realizou?

A parte musical adoita ser para min, case sempre, unha das linguaxes máis  complicadas nas postas en escena que dirixo. Neste caso máis ca nunca. O ideal, o desexable, é contar coa colaboración dun bo/a compositor/a, afeito/a a crear espazos sonoros e musicais para o Teatro. Sempre que podo así o fago; e aínda así non é doado atopar o camiño, a linguaxe, o “ton”, a instrumentación…, un código común entre director de escena e compositor/a. No caso deste espectáculo, por razóns orzamentarias, non se puido seguir ese camiño e houbo que resolver este apartado botando man de música gravada, xa existente, roubando un fragmento por aquí e outro por alá; atendendo as necesidades rítmicas nuns casos e á atmosfera dramática da escena en outros, ou mesmo a sensacións atmosféricas ou ambientais (choiva, paxariños cantando, etcétera). A procura de fragmentos que desen resposta ás necesidades de cada escena, dos fundidos, dos ritmos, etcétera, foi unha auténtica tortura, un proceso longo e desesperante. Como matiz importante, dicir que na busca partíamos sempre cunha condición: música galega e/ou, excepcionalmente, irlandesa, non por capricho ou chauvinismo, senón para non introducir mundos estraños no contexto xeral da peza.

As propostas da autora, fermosas e acordes co ambiente medieval no que acontece a historia, non eran válidas para a proposta de posta en escena (na miña opinión).

Dani, Aitor, Sara e Julia

X: Usaches o sistema de biombos que Teresa Moure propoñía na obra para resolver a simultaneidade nalgunhas escenas?

As escenas simultáneas que propuña Teresa Moure no texto orixinal correspondíanse –na miña opinión—coa orixe de guión cinematográfico do texto; desapareceron case todas xa na primeira versión reducida feita pola propia autora.

Natalia, André, Manuel e Rebeca

M: Como se levou a cabo o escolla do vestiario?

María.- Como vos comentei na charla o proceso foi longo:

  1. Investigación para coñecer como vestían estas persoas no tempo en que se sitúa a acción
    1. Visita ao Mosteiro de Ferreira de Pantón, conversa coa súa abadesa quen nos mostra pezas de roupa que nos permite fotografar, así como outros elementos e fotografías particulares da actividade das monxas nos mosteiros.
    2. Consulta de moita bibliografía así como de retratos antigos
  2. Realización de debuxos e figurinos
  3. Escolla de tecidos
  4. Realización
  5. Primeiras probas e primeiro fracaso: as cores e os tecidos non conseguen o efecto buscado
  6. Busca de novos tecidos
  7. Nova realización
  8. Segunda proba e primeiros acertos
  9. Tratamento final do vestiario: tinxido, desgastado, rozaduras e cortes.

Dani, Aitor, Sara e Julia

M: Que foi o máis difícil na representación de Carola?

María.- O director, Xúlio, quixo introducir nesta personaxe unha parte de “beatería”que eu como actriz rexeitaba, pois coidaba que Carola representa nesta peza, fundamentalmente, o mundo do estudo, da ciencia, e a súa arela de mando ten que ver coa conquista da súa liberdade para dedicarse a iso que ama. Pero el vía necesario ese matiz, e para min conxugalo dentro do meu traballo foi unha das tarefas máis dificultosas.

M: Que se sente ao ser a antagonista?

María.- Cando interpretas unha personaxe non pensas en se es protagonista ou antagonista. A pelexa dun actor é sempre consigo mesmo, coas propias dificultades que conleva interpretar, con ser quen de experimentar, de “encarnar” o mundo emocional da personaxe/persoa que tes entre mans.

Se a pregunta ten que ver co feito dun posible “status”na importancia das personaxes, tedes que ter en conta que eu fun a promotora para poñer en pé esta peza, e o reparto foi unha decisión tomada conxuntamente entre Xúlio e eu, e a presenza de María Bouzas para interpretar a Aldara foi absolutamente gozosa para ambos.

Laura, Antía Oujo, Elier, José Millares e Alberto

M: Como era a relación entre Carola e Aldara? Sentía Carola envexa desta?

María.- A relación non é boa: no mosteiro hai unha Orde establecida, Aldara é a autoridade e Carola débelle obediencia aínda que non comparta os criterios dela.

Pero Carola tamén é unha rebelde, ten un interese e, aínda que dubida, toma a decisión que pensa a vai a favorecer no desenvolvemento da súa vida. A cuestión é: é isto correcto? Podemos tomar calquera decisión sen importarnos os danos a terceiros se pensamos que iso vai facilitar o desenvolvemento da nosa vida?

Na peza de teatro vemos claramente que non, e no discorrer dos acontecementos a infame mentira na que pretenden apoiarse os frades e Carola é descuberta, pero, acontece sempre así na vida real? Canto dano podemos facer por tratar de conseguir aquilo que desexamos? Onde comeza e onde remata a nosa liberdade? Para min este é un dos grandes temas da peza.

Laura, Adriana, Mireia e Antía P.

M: Cales foron as túas inspiracións, os teus apoios, á hora de representar a Carola?

María.-Os seres humanos somos moi complexos e capaces de todo tipo de accións, aínda que a educación, afortunadamente, fai que nos limitemos. O labor da actriz/actor consiste en pescudar no propio interior e sacar as mordazas para que afloren eses sentimentos ou emocións que mantemos a raia na vida cotiá, e así poder dar credibilidade a calquera personaxe que nos toque interpretar. E non hai que esquecer que sempre o “máis grande”ten unha base en algo moito máis pequeno pero moi real.

Xavi, Adrián, José Manuel Piñeiro, Pablo

M: Tes algo en común co personaxe que representaches?

María.- Si; o amor polo estudo, a ansia de aprender. E máis dunha vez na miña vida teño sentido na propia pel como se me trataba con inxustiza. Estas son dúas das características fundamentais de Carola.

M: Resultou difícil representar as escenas subidas de ton?

María.- Coido que non máis que calquera outra escena. A proposta, tanto por parte da autora como do director, está chea de delicadeza, e a relación entre os actores e as actrices que as protagonizaban era de excelente camaradería.

Diana, Dani S., Dani A., Jose

M/X: Que experiencias vos aportou a posta en escena desta obra?

María.- Vivir é unha experiencia, e o teatro permite vivir por partida dobre porque estás a experimentar cousas que non te permites na vida cotiá.

Coñecer a Teresa Moure persoalmente e traballar cun equipo tan amplo de creadores nun espectáculo que malia a súa dificultade de creación non fixo máis que reportarnos satisfaccións unha vez estreado, fixo deste traballo unha experiencia moi gozosa. A convivencia nas xiras, a recepción do público, as críticas, os premios… Poucas veces todo conflúe tan satisfactoriamente.

Xúlio. Todo proceso creativo, rematado en acerto ou en fracaso,  é, sempre, unha viaxe enriquecedora. Hai moito que reflexionar, observar, estudar, borrar, reconducir,   no proceso de ensaios; moito que recibir do escrito pola autora e do creado e transmitido polas actrices e actores, polos escenógrafos, polos técnicos… Pola sempre sorprendente e diversa recepción dos espectadores; mesmo que sexa silenciosa. O teatro é un campo de riqueza constante.

M/X: Fixestes representacións fóra de Galicia? Se é así, como foi a recepción por parte do público? En que lingua a presentastes?

María.- Estivemos en Madrid, no Teatro Bellas Artes, representando a Galicia dentro do “Festival de Teatro de las Nacionalidades”. En galego. A recepción foi moi boa, e hai que ter en conta que o público que acode a ver espectáculos nunha lingua que non lle é propia é sempre un público moi especial, normalmente moi interesado polo teatro e polo tanto moi esixente.

Natalia Agraso, André, Manuel e Rebeca

X: O presuposto inicial da obra foi suficiente para a realización?

Como xa quedou dito antes, na resposta sobre o tema musical, houbo que axustarse en algúns apartados por límites presupostarios.

X: É moi notoria a crise actual no ámbito teatral? Como responde o público galego?

O momento actual no ámbito teatral é moi interesante no aspecto creativo (actores e actrices, autores, compositores, iluminadores…) pero atopámonos nun ermo no que se refire ao uso social do Teatro, no que toda aquela riqueza esmorece; o Teatro non se considera nin necesario, nin importante en absoluto; nin pola clase dirixente en xeral, nin polos medios de comunicación case na súa totalidade, nin pola propia cidadanía, allea masivamente a esta manifestación; allea mesmo á existencia dun sector profesional desta expresión no propio País e na propia Lingua. Se non existe nos Medios, nin na TVG, nin nas emisoras de radio, nin case no Ensino, nin case en parte algunha como vai responder o público galego?: pois moi ben os adictos; pero resulta complicado contaxiar o virus.

Nerea, Ainhoa, Esther e Aldo

X/M: Cal é a situación actual na literatura galega con respecto á escrita de obras de teatro?

A produción de textos teatrais  é pequena en relación co número de poetas ou autores de narrativa en lingua galega; malia iso, hai un grupo ben interesante de dramaturgos e dramaturgas que manteñen unha permanente creatividade, nunha realidade de grande carencia de publicación de textos teatrais.

Sonia

Xulio, comezaches a túa andaina no teatro nos anos 70, época de fondas mudanzas -o Facho, a Mostra de Teatro de Ribadavia, Abrente…; o final da ditadura; a recuperación da loita no proceso de normalización e normativización do galego…- . Que supoñía facer teatro nese momento?

A miña viaxe teatral foi complexa. Comezo a dedicarme o teatro en Vigo, no ano 1965 aproximadamente, traballando en español,  vivindo doutra actividade laboral,  mais  cunha entrega horaria, unha intensidade de ensaios propia de profesionais,  e unha  paixón polo teatro  que me levaron a Madrid en 1974 na procura dunha dedicación exclusiva á actividade teatral. Foi na distancia onde sentín a necesidade de retornar a Galicia e proseguir a miña dedicación  profesional ao teatro pero asumindo o compromiso de facelo exclusivamente en lingua galega. Regreso a Galicia no ano 1979 e comeza unha nova etapa coa compañía Mari-Gaila, posteriormente coa creación  do Centro Dramático Galego en 1984, xunto con outros moitos compañeiros e compañeiras, e pouco despois, en 1985 con María Barcala, a creación de Teatro do Atlántico. Se un bota a mirada atrás sorpréndese de que toda esa viaxe fose posible nas circunstancias sociais, económicas e políticas que houbo que transitar. E chega a conclusión de que hoxe non sería quen de afrontar semellante singradura.

Natalia Agraso, André, Manuel e Rebeca

X: Cales son as bases para conseguir ser un bo director?

Amar o Teatro; estudar; ler; ver teatro, interesarse pola pintura, pola danza, pola música, pola literatura, pola vida das persoas, pola psicoloxía, pola historia, pola política, pola fraxilidade dos humanos, polas paixóns, polo desexo, pola envexa, por Shakespeare, por Valle Inclán, por Lorca, pola poesía, polas emocións, pola frustración, pola miseria, polo ser humano… Ser ambicioso no artístico e humilde no humano. Rodearse de creadores que saiban mais ca un. Ter unha chisca de talento, unha morea de constancia e un moito de sorte. E aceptar que cada novo espectáculo é unha aventura cara ao descoñecido; non dás aprendido nunca. (Eu tampouco)

O grande mestre inglés Peter Brook, define, máis ou menos así, ao director de escena: “Un guía que descoñece o camiño, pero ten que marcar a ruta sen que ninguén se decate daquela realidade”.

Para nós, e tomo as túas palabras, María, “foi gozosa” a vosa presenza na nosa biblioteca e, como non,  afortunada a posibilidade de contar coas respostas ás inquedanzas do alumnado.

Reitero, obrigada!

SonMemoria: a memoria das imaxes

Sonmemoria

Foron chegando aos poucos os traballos do alumnado de Lingua Galega. Propuxémoslles buscar polas casas unha imaxe antiga e a partir dela falar cos seus avós, cos parentes de máis idade, cos pais e nais… Pretendiamos que das conversas xurdira a memoria, que valorasen os tempos adicados a escoitar, a falar. De palabra tería que partir o interese polo propio, polo identitario, pola historia de noso. E así foi.

O departamento de Lingua Galega, o EDNL e a Biblioteca, na liña do tema interdisciplinar do Patrimonio, recompilou o material nun blog chamado SonMemoria. Nel recollemos o traballo do alumnado -aquel que as familias permitiron dar a coñecer- coa intención de convertelo nunha fiestra ao pasado de Porto do Son. Partimos da idea de que para comprender o presente e construír futuro hai que saber dos tempos idos.

En decembro, cando xa levabamos un tempo programando a actividade, asistimos a unha charla da profesora Pilar Ponte e Xosé Maneiro. Estes explicáronnos varios dos proxectos desenvolvidos no seu centro, o IES da Pobra do Caramiñal. Entre eles estaba o levado a cabo polo EDNL e o departamento de Historia Unha imaxe, unha historia. Os obxectivos eran moi semellantes aos que nós tiñamos elaborados, polo que adaptamos o magnífico material que eles ofrecen no seu blog ás nosas necesidades.

É un blog con vontade de ir enriquecéndose cada curso. Os textos elaborados pertencen a alumnos e alumnas de todos os niveis, principalmente de ESO. A través deles podemos saber dos usos do campo, do mar, dos traballos cotiás, da emigración, das festas…

SonMemoria únese así a SonCine. Convidámosvos a abeirarvos a este peitoril!

Agradecemos ás familias a súa colaboración.

 

Soncine e o Patrimonio: O Felipiño

Dos distintos departamentos van chegando os traballos arredor do Patrimonio. Como todos os anos, o alumnado de Audiovisuais achéganos vídeos que forman parte xa da memoria do centro e do entorno. Desta vez, Nuria, de 3º de ESO, recolle o proceso de creación dun dos personaxes máis queridos do pobo: o Felipiño. 

Dende que o noso blog foi realoxado en WordPress temos problemas para inserir vídeos e presentacións, así que pinchade na imaxe para velo.

Felipiño