A exposición de Sostibilidade segue medrando

Vai medrando a exposición de sostibilidade cos traballos que chegan dos distintos departamentos. Desta volta son os produtos dos traballos de Plástica elaborados con material de refugallo e os poemas que o alumnado de 3º de ESO fixo na materia de Lingua Castelá a partir dos versos iniciais de poemas de Consumir preferentemente, de Raúl Vacas. Seguimos creando conciencia. Tamén sobre a arte! Para ler os POEMAS PARA A SOSTIBILIDADE, premede na imaxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A BIBLIOTECA NA SEMANA CULTURAL 2019: A SOSTIBILIDADE

O tema do curso, a Sostibilidade, foi o eixo transversal da Semana Cultural que celebramos do 8 ao 12 de abril.  O lema: “Vemos, ouvimos e lemos. Não podemos ignorar”, un verso de Sophia de Mello Breyner.

A biblioteca foi parte activa nas actividades, tanto como aula recurso como no seu papel de impulsora de dinámicas: obradoiro de Haikus, cine e sostibilidade, exposición e unidade didáctica sobre Seoane…

O vídeo coas imaxes da semana resumen o que foron estes días de innovación e aprendizaxe:

Semana cultural 2019 from SonCine on Vimeo.

 

Ecofeminismo!

As alumnas de Antropoloxía de 1º de Bac elaboraron un traballo de investigación no que descubriron que o activismo por un mundo máis sostible está ateigado de mulleres que consideran que o movemento ecoloxista non se entende se non é feminista: de aí xorde o ecofeminismo. Atoparon moitas mulleres que loitan pola protección do medio ambiente dende unha perspectiva de xénero e seleccionaron a dez de diferentes zonas do planeta. Dende Centroamérica, África, Europa ou Asia todas claman o mesmo: somos responsables do mundo que lle deixamos aos nosos fillos, ás nosas fillas.

Premede na imaxe para ver a presentación que fixeron a partir das súas investigacións. Coñecer para mudar, para transformar e exercer os nosos dereitos!

 

 

Recomendacións para un novo ano: guía de lectura de Sostibilidade

Andamos ás voltas coa SOSTIBILIDADE. Non porque sexa un tema interdisciplinario máis a traballar no IES de Porto do Son este ano, senón porque é necesario. Precisamos reflexionar e facer reflexionar o noso alumnado sobre o futuro que queren ter. E actuar. Levar a cabo accións que vaian facendo camiño. E rápido. A axenda 2030 estamos a lembrar a súa urxencia.

Que tal un Nadal sostible? Que tal un libro como guieiro?

ESTA É A NOSA GUÍA DE RECOMENDACIÓNS PARA ESTAS FESTAS!!! Premede na imaxe. Cada unha das obras vén enlazada a unha recención crítica.

DESEXÁMOSVOS UN 2019 CHEO DE ACCIÓNS QUE SEXAN SEMENTE DE FUTURO COMPROMETIDO COA TERRA E A HUMANIDADE!

 

“Contaminación no medio mariño-costeiro” no Programa Con-Ciencia

Unha das últimas sesións deste trimestre no programa Con-Ciencia no que estamos participando co alumnado de 2º de ESO. Desta volta repasamos o que sabemos da reciclaxe. En que contedores de lixo temos que botar cada desperdicio? Os plásticos, os aceites, o papel, o vidro, o orgánico? Estamos a facelo ben?

Estes capachos de cores foron unha magnífica idea para darnos conta da importancia da correcta clasificación e do importante que é REDUCIR, REUTILIZAR E SEPARAR PARA RECICLAR!

Continuamos no segundo trimestre!!!

 

Comezamos o programa Con-Ciencia, por unha costa sostible

Onte comezamos o programa Con-Ciencia con Arenaria Coodinación. A biblioteca será o espazo onde se desenvolverán os obradoiros e talleres de divulgación científica sobre sostibilidade, nos que alumnado de 2º de ESO participará ao longo do curso en sesións de titoría e nas materias de Física e Química e ITI.

No marco do noso tema interdisciplinario para o 2018-19, facemos nosos os obxectivos desta iniciativa promovida polo Grupo de Acción Local de Pesca Costa Sostible,  Seo de Fisterra-Ría de Muros Noia, e no que colaboran o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Asociación de Oceanográfos de Galicia e a Fundación CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar), co respaldo da Consellaría do Mar e o FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca). Coma eles, pretendemos “con-cienciar” o noso alumnado e procuramos:

  • Poñer de manifesto a problemática actual global en materia de medio ambiente.
  • Valorar e debater como nos afecta a nivel local.
  • Fomentar unha actitude e traballo en equipo para tratar de expoñer solución.

María e David son os oceanógrafos que nos acompañarán en moitas das xornadas.  Chegaron ben cedo, e dispuxeron nas mesas da biblioteca un mundo vido do mar, próximo e afastado a un tempo, ao que nos foron levando da man e sobre o que espertaron a nosa curiosidade cienctífica e corresponsabilidade, entre sorrisos e chiscadelas que, de seguro, han ir facendo pouso.

Dos fósiles de amonites, primeiros moluscos dos que temos rexistro fósil, aos bivalvos, aos gasterópodos, escalópodos, aos cefalópodos, aos peixes…  Un mundo que sostén o noso ecosistema mariño. O Nautilus, coa proporción áurea que o converteu en paradigma da perfección estética e deu nome ao submariño de Xulio Verne. A caracola, na que as lendas acubillan o son do mar e que, en realidade, o que fai é ecoar os nosos latexos (non deixa de ser tamén poético!). Que comemos, volandeiras ou zamburiñas? Por que as ostras crean perlas? E o polvo, sería un alumno avanzado nas nosas aulas? Como se reproduce o melgache? Cantos dentes ten Gastón, o tiburón do Acuario da Coruña? Todas as baleas se alimentan de placton? Como se defende o cabaliño de mar, como se alimenta, como cría? Por que é tan importante a estrela de mar para o medio mariño?

E nós, que estamos a facer por manter este mundo que vai máis alá das películas de Disney, das lendas e do anecdotario popular que nos acompaña?

Observemos ese mar que nos alimenta, que sostén a economía de moitas das nosas familias, que nos aporta  pracer no deporte e no lecer. É un mar que está a falarnos dun planeta que se resente.

Aquí estamos pois co noso alumnado, coñecendo para aportar solucións e compromisos.

dig