Comezou a brotar unha flor

Continuamos no mes do LIBRO, agora xa cun pé no mes de maio.

Nos recreos do mércores, leuse O principiño na biblio; o capítulo VIII encheu a biblioteca. Uxía, Mauro, Aya, Gabriel, Ainhoa, Robert, Leyao, Raquel e María saben que o galego, o castelán, o árabe, o portugués, o euskera, o catalán, o chinés, o inglés e o francés non deben ser valos, nin muros, nin cerrumes. As linguas son o pobo. Van e veñen coas persoas. Abren camiños e fan que broten as flores. Ben sabe diso Saint de Exupéry:

CAPÍTULO VIII

Aprendín ben pronto a coñecer esta flor. No planeta do principiño sempre houbera flores moi simples, adornadas cunha soa fila de pétalos, que apenas ocupaban sitio e que non molestaban a ninguén. Aparecían unha mañá entre a herba e apagábanse xa á tardiña. Pero aquela xermolara un día, dun gran chegado quen sabe de onde, e o principiño vixiaba atentamente esta poliña que non se asemellaba ás demais. Podíase tartar dun novo tipo de baobab. Mais o arbusto deixou de medrar axiña e comezou a botar unha flor. O principiño asistiu ao nacemento dun enorme rebento e pensou que de aí ía saír algo milagroso, pero a flor pechada no seu cuarto verde, non acababa de se engalanar. Elixía con coidado as súas cores, vestíase lentamente e axustaba un a un os seus pétalos. Non quería saír xa murcha como as papoulas, senón aparecer con todo o esplendor da súa fermosura. Era moi coqueta. Levaba xa moitos días poñéndose fermosa, ata que unha mañá, xusto á hora de se erguer o sol, apareceu.

Neste momento en que é tan necesaria a esperanza e que a paz xermole, non debemos contentarnos con flores “simples”, temos que procurar aquela que se luza “con todo o seu esplendor”. Ler e expoñer O principiño é unha emotiva forma de expresar esta arela, de regala e protexela.

Sacamos ao corredor o libro, tamén nas edicións en moitas outras das linguas en que esta obra se publicou: en gascón, irlandés, turco, lao, corso, siciliano, romanés, polaco, xaponés, crioulo martiquinés, romanesco, grego, búlgaro, eslovaco, ruso, coreano, húngaro, maltés e thailandés. Os libros únense con fíos de la nas cores da bandeira ucraína ao mapa do mundo. Son corredoiras que han traer a primavera. En cada unha delas ha prender a semente da que vai “saír algo milagroso”.

Oxalá maio remate cun tempo florido, cun tempo de paz.

Grazas a Mónica Fernández, amante do clásico francés, por permitirnos expoñer a súa colección no noso centro :):) Para ela, todas as flores!

Manela, Celia e Álex, coa cámara e o son: a mirada destes momentos bonitos do insti. Estamos xa desexando ver o vídeo!