A viaxe a Viana

Aquí vos quedan as moi doces horas da viaxe a Viana.

Xuño 2010. Remataran as clases….

Alí marchamos tres clubes de lectura de tres centros: O IES do Son, o CPI de Cuntis e o IES de Caldas.

A celebración da fin do curso.

A celebración do traballo feito desde as bibliotecas escolares.

A celebración da esperanza, da alegría, da liberdade.

Vinte Dez TV estivo alí para contárnolo.

a viaxe a viana from SonCine on Vimeo.

Clube Lector “As Campaíñas” de Cuntis: blogoteca.com/​ascampainhas/
Clube de Lectura “iESCALDasletras” de Caldas de Reis: iescaldasletras.nireblog.com/
Clube de Lectura Fraga de Novio de Porto do Son: etikeles.blogaliza.org

Crónica da viaxe conxunta dos clubes de lectura de Cuntis, Caldas e Porto do Son

O pasado venres o noso clube de lectura fixo as maletas e tomou camiño de Viana do Castelo para compartir unha viaxe conxunta cos clubes de lectura do CPI don Aurelio de Cuntis e o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.

Ainhoa, Lucía, María, Cristian, Jonathan, Bruno, Suso, Ramón, Rocío, Leticia, Claudia, Antía e Noelia chegaron ao instituto para coller cadanseu boletín de notas (que non imos comentar) e logo, xunto cos profesores Sonia, David e Román, subiron ao bus que unha hora máis tarde recollía os integrantes das Campaíñas e iESCALDasletras, para todos xuntos emprender unha merecida excursión que había poñer o ramo a un curso cargado de libros e actividades lectoras.

Xa na estrada comezou a tomar corpo un merecido premio ideado como xornada de convivencia na que partillar as experiencias do ano e novas actividades, lectoras e non lectoras, no marco dun escenario próximo e evocador, Viana do Castelo, onde poñer en común os títulos lusófonos de Alice Vieira, José Mauro de Vasconcelos, Paulo Coelho, etc. que nos acompañaron no último mes.

O piñeiral da praia da Foz do Minho de Caminha foi a primeira parada da nosa viaxe, na que recuperar forzas, darse o primeiro baño mariño e comezar a coñecérmonos mediante as debidas presentacións e algún xogo colectivo. Chegamos a Viana a primeira hora da tarde e instalámonos na Pousada da Juventude Navio Gil Eanes, un albergue-museo que antes foi barco bacalloeiro, rompexeos e buque hospital no mar de Terranova e está ancorado no antigo peirao da vila.

A continuación, a excursión dividiuse en grupos de seis, formados por alumnos dos tres centros, para coñecer Viana a través dun xogo de pistas que tiña lugar no seu casco vello. Tras a cea na moderna Pousada da Juventude, a boa temperatura e a animación nas rúas vianesas, onde se desenvolvía o Encontro Nacional de Folclore, fixeron que deixaramos a sesión de cineclube para unha mellor ocasión. Mentres uns se decidiron polo paseo, outros aproveitaron a zona de xogos do parque do antigo peirao e houbo mesmo quen gravou unha breve curta de terror ao Navio Gil Eanes aproveitando que as cámaras de Vinte Dez TV, a tele en liña do IES de Porto do Son, non quixeron perder a excursión. A hora de durmir chegou non sen antes compartirmos un encargo: durante a noite os integrantes de cada cuarto debería elaborar un relato de medo que se lería ao outro día.

Na mañá do sábado, houbo tempo para todo. SonCine e Vinte Dez TV, os proxectos audiovisuais do noso instituto, compartiron unha produtiva reunión de traballo coa xente da Associaçao de Producçao e Animaçao Audiovisual Ao Norte, un colectivo de ensinantes que vén dinamizando o audiovisual dende hai dezaseis anos e que centra no ensino unha das súas principais liñas de traballo, como se pode ver na páxina Lugar do Real, todo un modelo a seguir no ámbito do audiovisual escolar.

A Biblioteca Municipal foi a seguinte parada dos clubes de lectura. Ademais de admirar a arquitectura do edificio, obra de Siza, tivemos a oportunidade de asistir a unha sesión de contacontos do programa Sábados com histórias. A pesar de estar dirixido ás crianças, a historia d’O Cágado Damiao, de Maria Ceu Nogueira, espertou o interese e concentrou a atención do alumnado ao tempo que serviu para rachar as barreiras lingüísticas, máis imaxinarias que reais. O persoal da biblioteca atendeunos moi ben e aínda tivo tempo para nos contar algunha que outra historia, recomendarnos títulos de referencia da literatura xuvenil portuguesa, ensinarnos unha exposición de documentos (algúns do século XIII) Viana do Castelo. Identidade e memória e completar unha visita guiada polas instalacións da biblioteca. Despois de deixar as nosas guías de lecturas, marcapáxinas, adhesivos, etc. nos andeis públicos da biblioteca, saímos de novo ás rúas para gozar dunha mañá estival ou para visitar o Museu Navio Gil Eanes.

A excursión chegaba á súa fin mais aínda houbo tempo para, logo do xantar, facer a entrega de premios do xogo de pistas e escoitar os relatos de medo escritos na pasada noite. Tamén foi o momento de intercambiar os agasallos aos amigos invisibles, agasallos compostos por pequenos presentes e versos e relatos que compartimos para todos na sala polivalente da Pousada da Juventude.

Antes de saírmos das terras irmás, aínda tivemos ocasión de visitar Ponte da Lima, cuxas rúas de pedra marcaron os nosos pasos…, cando menos dalgúns pois parte do grupo baixou directamente ao río para sufocar a calor deste sábado quente do mes de xuño.

Á espera de colgar no blogue a curta de terror rodada no navío, dos relatos de medo e da reportaxe que sobre a excursión gravou Vinte Dez TV, deixámosvos coa seguinte galería de fotos como testemuño desta primeira viaxe conxunta dos clubes de lectura de Cuntis, Caldas e Porto do Son, que non fixo máis que estimular futuras actividades conxuntas arredor dos libros e a lectura.

Letras de muller para un 8 de marzo na Biblioteca

Textos de Chus Pato, Ana Romaní, Xohana Torres… lidos por alumnas e profesoras do IES de Porto do Son. Unha actividade organizada pola Biblioteca do IES polo Día da Muller Traballadora recollida polas cámaras de Vinte Son TV.

8 de marzo from SonCine on Vimeo.