As imaxes da Festa da Lectura

Deu o seu traballiño, pero é para nós un pracer ir tecendo redes de colaboración e afectos arredor da lectura. Non hai maior satisfacción para todos que andamos empeñados nisto de “mellorar” as bibliotecas escolares que ver o sorriso dos pequeniños dos coles ao escoitar un conto! E ao contalo, cantalo ou bailalo! Imos facendo camiño…

Este é un resumo en imaxes da primeira Festa da Lectura dos coles de Porto do Son, agradecemos ao noso compañeiro  David o tempo adicado para que agora o poidamos ver:

 

As palabras máxicas

O luns 21 e martes 22 de xuño os mozos e mozas do Clube de Lectura e do Clube da Lingua do noso instituto achegáronse aos colexios de Sobrado-Nebra, Campanario, Xuño e Caamaño para contarlles historias aos nenos e nenas de infantil e, no caso de Nebra, de Primaria. Para nós foi unha experiencia moi fermosa, emocionante e chea de incertidumes e nervos, pois era a primeira vez que exerciamos de contacontos en público.

Queremos darlles as grazas ás profesoras e profesores destes colexios pola súa acollida e comprensión, a Ánxela Doval polo seu bo facer na preparación das contadas e os contadores, a David Pérez polo traballiño (outro máis!) e a sensibilidade desta nova montaxe de Vinte10 TV e a Sonia Ces pola compañía.

E aos nenos e nenas de Porto do Son, polas súas olladas cómplices.

Queremos, tamén, darlles os nosos parabéns polas súas historias a Rocío, Leticia, Alba, Cristian, Claudia, Ramón, Bruno, Antía, Lucía, Noelia e Ainhoa, aos que lles pedimos, xunto con Suso, Jonathan, María e Daniel, que sigan facendo do clube de lectura un lugar de encontro e aprendizaxes.

as palabras máxicas from SonCine on Vimeo.

‘Quen ten un versiño por aí?’ Lado & Aldao no IES de Porto do Son

Lucía e María, María e Lucía, estiveron connosco o pasado 31 de maio, día de calor, calor dun primeiro sol estival que pedía a berros algo diferente e que convidaba a deixar voar a imaxinación nunha aula soporifera logo de horas de fórmulas, sintagmas e átomos.

Mais chegaron Lucía e María, María e Lucía, a festa da poesía.

Quen ten un versiño por aí? from SonCine on Vimeo.

‘Quen ten un versiño por aí?’ Lado & Aldao no IES de Porto do Son

Lucía e María, María e Lucía, estiveron connosco o pasado 31 de maio, día de calor, calor dun primeiro sol estival que pedía a berros algo diferente e que convidaba a deixar voar a imaxinación nunha aula soporifera logo de horas de fórmulas, sintagmas e átomos.

Mais chegaron Lucía e María, María e Lucía, a festa da poesía.

Quen ten un versiño por aí? from SonCine on Vimeo.

Coa poesía da man de Yolanda Castaño

Maio foi mes da poesía no noso instituto.

Serafín Marcos recreou para o alumnado de 1º da ESO a obra de Uxío Novoneyra, que volveu facerse música e voz con Xandobela para os rapaces e rapazas de 2º da ESO.

Días despois tocoulle a quenda aos mozos e mozas de 3º da ESO, que comprobaron con Carlos Negro que a vida que eles recoñecen son a materia poética dos versos de Makinaria.

E antes de que María Lado & Lucía Aldao, de quen teremos noticias na nosa canle Vinte Dez, pecharan o mes este pasado luns, Yolanda Castaño compartiu unha mañá co alumnado de 1º de bacharelato para tratar de convencelos de que a poesía non morde. E abofé que o conseguiu, porque outros compromisos fixeron que na sala fosemos quedando menos até gozarmos en familia dos versos recitados da poeta, a quen agradecemos o agasallo desa segunda hora de poesía íntima e próxima.

Vinte Dez Tv cóntao así.

yolanda castaño no ies porto do son from SonCine on Vimeo.

O Equipo de Vinte Dez Tv di:

Yolanda Castaño estivo con alumn@s de 4º ESO no IES. Falounos moito e con xentil xenerosidade da poesía, da súa, da das súas compañeiras de xeración, de autenticidade e entrega. Aquí vos vai un nadiña de case dúas horas de conversa, preguntas e recitados. Saiunos algo sobreexposto. Non foi culpa de Judith de 4º A, que filmou (grazas Judith): algún trasno dixital, seguro. Puxemos os textos, non todo o mundo pode escoitar.

Vinte Dez TV entrevistou o poeta Carlos Negro

O poeta Carlos Negro presentou o seu libro Makinaria no noso instituto o pasado mércores 13 de maio. O Departamento de Lingua Galega e o Clube da Lingua quixeron achegarlles aos alumnos e alumnas de 3º da ESO os versos de Makinaria, un libro elaborado cunha materia poética moi próxima a eles e que o autor foi quen de facer sentir aínda máis a través da forza da palabra recitada.

Libro sentido por todos, lido por algúns e procurado polos máis nestes días, conta dende hai pouco cunha completa guía de lectura elaborada pola profesora Rosa Salgueiro, que presentou dúas baterías de actividades LIM para traballalo: Gozar da paisaxe (versión completa de 40 actividades) e Ir polo atallo (versión reducida de 30 actividade).

No Salón de Actos estaba o equipo de Vinte Dez TV, a televisión en liña do noso instituto, que ademais de escoitar poemas, de ler poemas e de sentir poemas, fixeron esta entrevista a Carlos Negro.

entrevista con carlos negro from SonCine on Vimeo.

A Candeloria, en galego e en francés, entre filloas e crêpes.

O alumnado de Isabel e Corinne, as profes de lingua francesa, coñeceu costumes franceses… ou galegos… O caso é que foron máis alá dos dos libros de texto, os cadernos e a pizarra para se mergullaren mediante a práctica nos contidos socioculturais da materia. E abofé que experimentaron en toda regra manchando as mans de fariña e saboreando unha deliciosa lección a base de crêpes sobre le chandeleur, a candeloria, a festa do amor na sociedade tradicional, o día no que “os paxariños casan”, como se di por terras galegas.

la chandeleur from SonCine on Vimeo.

Con Domingo Villar na Biblioteca

No pasado mes de novembro o narrador Domingo Villar compartiu unha mañá con alumnos de 4º da ESO e de Bacharelato para falar de literatura, do oficio do escritor e mais das súas exitosas novelas Ollos de auga e A praia dos afogados. Vinte Dez, a tele en liña do instituto, recupera para todos nós vinte minutos dunha das charlas.

Con Domingo Villar e a súa novela “A praia dos afogados” from SonCine on Vimeo.